in

Ay, Cariño!: “‘Millo vello’ tenta abrir unha fiestra ao natural nun espazo como un teatro, unha caixa pechada”

A peza poderá verse hoxe, 3 de maio, no X Festival Escenas do Cambio

Ay, Cariño! Imaxe da compañía.
Ay, Cariño! Imaxe da compañía.

Falamos con Cris Vilariño e Diego M. Buceta, da compañía de nova formación Ay, Cariño!, co gallo da estrea de Millo vello, que pasará tamén polo Salón de Convencións da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela hoxe, 3 de maio, dentro do X Festival Escenas do Cambio.

Ay, Cariño! Como nace Ay, Cariño?
CRIS VILARIÑO: Nace do desexo das dúas de traballar xuntas. Xa coincidiramos noutros proxectos, traballaramos xuntas dalgún xeito, mais tiñamos esa cousa de facer un equipo, de co-dirixir. Dixemos de comezar facendo unha cousa pequeniña, unha peza de rúa (WTF, que se estreará no Festival Escora en Carnota, o vindeiro 26 de maio) que imos estrear este mes e logo saíron as convocatorias de coprodución co Centro Coreográfico Galego, que nos deron, e entón decidimos que era o momento de comezar o noso traballo xuntas.
E a parte, chámase Ay, Cariño!
C.V.: Ai, cariño, vamos facer algo xuntas.
Un nome que ofrece moitas lecturas, ademais.
DIEGO M. BUCETA: De feito estivemos moito tempo no proceso de poñerlle nome á equipa. Sempre é difícil nomear algo que te vai acompañar. Nós levamos moito tempo traballando en proxectos diferentes, con diferentes persoas, con gana de traballar xuntas. Tamén tivemos en conta que unha forma de sobrevivir a procesos que poden ser complicados, moitas veces precarios é traballar entre amigas. Non só por levarnos ben, senón tamén porque son procesos longos, moi duros, nos que a confianza e o amor son importantes. Foi dende aí que nos quixemos nomear, dunha forma tamén tranquila e suave.
Coñecédesvos dende hai bastante tempo, traballastes xuntas en Rizoma (un proxecto da Compañía Sharon Fridman) por exemplo.
C.V.:Si, un proxecto moi intenso e moi duro, no que estivemos case un mes nunha illa, en convivencia coa equipa, ensaiando un montón de horas ao día, comendo moi mal, con funcións ás 5 da mañá… e dende aí fixemos moi boas migas.
E ámbalas dúas tedes xa unha traxectoria propia, tanto colaborando con outros proxectos como nas vosas propias compañías.
D.M.B.: Si, vimos de moitos outros proxectos anteriores e a conclusión que sacamos é a importancia dun sostén emocional e humano, que entendemos que ten que estar presente cada vez máis. Xuntámonos non só polo afectivo ou por entendernos ben, senón porque temos moitos referentes e intereses en común. Mesmo na forma de traballar, confirmamos que o facemos ben xuntas.
C.V.: Interésanos unha maneira de facer máis lenta. Algún dos nosos referentes son a danza Butoh, por exemplo, ou o Body Weather.
Como se tece ese vínculo dende o profesional, tendo en conta ademais a distancia física (Cris vive na Mariña lucense e Diego en Vigo)?
C.V.: En realidade, grazas á distancia tivemos unha morea de material para traballar Millo vello. Cando comezamos a traballar, eu vivía nunha casiña perdida da man de todo, moi afastada, onde había un espazo que puidemos aproveitar para traballar. Grazas a iso estabamos moi conectadas coa natureza, cos animais, cousas que ao principio poden parecer dificultades, pero que logo as recollemos como fonte de traballo.
Xa que introduces Millo vello, se vos parece falamos da peza. A estrea foi no Teatro Ensalle de Vigo o pasado 19 de abril, e agora estará presente no Festival Escenas do Cambio, en Santiago. De onde nace, Millo vello?
D.M.B.: Pois hai toda unha filosofía de traballo en espazos naturais e de ter a natureza como referente: a nivel de imaxinario, a nivel de materiais. Naceu un pouco de aí e de pasar tempo observando a natureza. O propio tempo é importante. Millo vello naceu no contexto dunha coprodución en polo tanto con tempos moi marcados, que xa é outro tema, pois falar dos tempos da natureza dentro dun calendario marcado previamente aparece un colapso que fai difícil manter esa observación dos tempos. Millo vello é tamén unha consecuencia do movemento que fai Cris para vivir noutro entorno, de pasar moito tempo xuntas investigando, perdéndonos, compartindo espazo.
Da observación e entendo que tamén da relación do ser humano coa natureza, non si?
C.V.: Si. Hai un punto importante na peza que ten que ver coa observación da relación do ser humano co entorno. A desconexión da nosa natureza ao vivir nas cidades e nos tempos que estas impoñen, case anti-humanos. Por exemplo, alí onde ensaiamos tiña unha veciña, Manuela. Unha muller de 85 anos que nunca saíu de aí máis que para ir a Viveiro. Unha muller súper sabia, coñecedora dos tempos da natureza, da terra e do ser humano relacionado coa terra. Ela foi tamén unha inspiración bastante importante.
Cando describides a peza falades da importancia do ancestral, das raíces, da tradición.
C.V.: Si, elementos que en realidade estanse a perder. Cousas que durante moito tempo foron o nosos sustento e que a día de hoxe hai xeracións que xa nin coñecen.
Pregúntome se para vós é tamén unha especie de retorno ás vosas raíces.
D.M.B.: De feito falamos moito disto. Por exemplo, da importancia das palabras. Que significa volver á terra? É volver ao campo? É volver a un lugar? Para nós hai cousas como a sabedoría ancestral que son moi grandes, que nos poden levar a lugares poderosos, misteriosos ou máxicos. Se acaso non é tanto, para nós, unha afirmación como unha pregunta. Que sería para nós volver a reconectar con isto?
C.V.: Non temos unha resposta concreta, pero en realidade volver a unha mesma xa é volver á sabedoría que unha xa ten, de forma natural, nestes tempos onde parece que o coñecemento ven todo de fóra, sen tempo para preguntarnos que sabemos por natureza.
Tal e como falades parece un traballo de afirmación, sobre os propios recursos, a propia sabedoría, a propia raíz.
D.M.B.: Por isto mesmo, aparecen moitas vías posíbeis: unha pode ser volver a vivir na natureza, outra, buscar unha burbulla no cotián para pararte a ver un paxaro, unha árbore, unha posta de sol. Falamos moito do tempo e dos tempos, dos ciclos naturais, da lentitude e o contraste con que hoxe vai todo moi rápido. Eu unha das cousas que máis rescato deste proceso é a de darnos o noso tempo e como rescatalo cando ao redor aparece a esixencia da rapidez. Por exemplo, tivemos que chegar a marcar na axenda tempos para parar, para observar, para mirar as vacas, porque senón atopámonos todo o tempo a producir material. Todo precisa do seu tempo para que creza, para que madure, para que procese.
C.V.: Os tempos non se poden apurar. Á natureza non a podes poñer en x2, como nas mensaxes de WhatsApp, para que vaian máis rápido. Pensamos por exemplo en vincular a distribución da peza cos tempos de colleita dos vimbios que empregamos para construír un niño.
Como vai ser a proposta para o Festival Escenas do Cambio?
D.M.B.: Pois vai ser na Cidade da Cultura, adaptada a un espazo non convencional, pechado, onde teremos luz natural, por exemplo. Un pouco diferente á estrea, de feito.
C.V.: Onde nos imos atopar cun espazo para a observación, un convite á paciencia, paisaxes, moitos animais, unha construción e a música e percusión de Rafa Mallo, que nos acompaña de xeito marabilloso.
D.M.B.: Unha ventá ao campo. Tentamos abrir unha fiestra ao natural nun espazo como un teatro, unha caixa pechada. Interésanos non tanto unha afirmación unilateral: isto é bo, isto é malo, senón a tensión e a colisión entrámbolos mundos.
C.V.: E a aceptación, que entendemos é fundamental: aceptar a realidade na que vivimos e abrazar o que hai ao noso favor. No canto de pelexarnos, abrazar o que hai e do que temos, tentar facer o mellor posible.
Algo que parece moi semellante á filosofía detrás de Escenas do Cambio: propoñer paisaxes de cambio para o ser humano, a través das artes escénicas, neste caso.
D.M.B.: O cambio non ten que ser moi grande. Para nós ten que ver con volver ao esencial. Por exemplo a observación dun cadriño de natureza, sendo algo como moi sinxelo, pode ser tamén moi radical. Poder parar un momento.
C.V.: E aceptamos ese risco, tamén.
A verdade é que escoitándovos síntese unha sensación de moita calma e entran moitas ganas de ver Millo vello. Moitas grazas por ofrecernos este espazo para conversar e vémonos no Festival Escenas do Cambio!

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

my neighbor sky

O festival Escenas do Cambio celebra a súa décima edición

Antón un neno diferente

Vigo acolle unha función solidaria de ‘Antón, un neno diferente’