Un esbozo
| Manuel Xestoso |
É un esbozo de traxicomedia, ou se se quere, de sainete político. O teatro arxentino dos últimos anos tennos afeitos a contemplar familias disfuncionais que son, en realidade, metáforas dun país que afunde baixo unha crise sen precedentes. Alemania segue este ronsel e cóntanos a historia dun escritor que volve ao fogar que abandonou sen explicacións dezaoito anos atrás, para superar, coa que agora considera “a súa verdadeira familia”, o suicidio da súa nova esposa durante unha lúa de mel nos Alpes bávaros.
Trátase, en realidade, de explicar como un colectivo que confía cegamente nunha figura paterna ten moitas probabilidades de ver burladas as súas expectativas e, indo un pouco máis alá, de amosar as dificultades de saldar contas co pasado. O problema é que a montaxe explica moi pouco do que pretende. Hai unha reflexión sobre as diferentes maneiras de enfrontarse coa historia persoal e colectiva; especulacións sobre como a carga emocional dos vínculos establecidos pode chegar a distorsionar a análise da realidade; insinuacións sobre a delgada liña que separa a xustiza da vinganza. Pero todas estas consideracións pasan moi fugazmente polo escenario, sen apurar todo o que poderían dicirlle ao público.
A dificultade vén de lidar cunha trama moi manida: a muller e os fillos argallan un plan, máis ben torpe, para facerse coa fortuna do pai. Xa o vimos en moitas ocasións en comedias de pouca solidez e, probablemente, existe a vontade de que o tópico vehicule as preocupacións do autor. Pero a parodia non queda clara e o protagonismo que adquire o enredo remata por ocultar outros elementos que deberían ter un peso específico na obra. Malia que os diálogos son, por veces, excelentes e cheos de suxestións, a urxencia por desenvolver o argumento relégaos a un segundo plano que lles resta profundidade.
A dirección conta con achádegos moi intelixentes, como facer dunha cama –elevada a inquietante símbolo do universo familiar– o centro do escenario. A mestura do cotián e o extravagante crea unha atmosfera entre sinistra e turbadora que acentúa a índole ameazadora do que xace por baixo do relato. E recoñécese unha certa influencia do cine que impulsa a acción e axiliza as transicións. Mais tamén é esa mesma dirección a que contribúe destacar o anecdótico e o superficial, condenando á ingravidez a unha idea que, sen dúbida, merecería outro tratamento.
Os actores loitan cos seus papeis con honestidade, pero baten coa indefinición xeral do ton polo que transcorre a función: non se acaba de recoñecer a clave da dramaturxia e, daquela, oscilan entre o drama, a farsa e o esperpento sen que o público consiga apresar o código que descifre a intención última da montaxe. A eles débese que a representación descorra con fluidez aínda que permaneza a sensación de que todo podería ir mellor doutra maneira. De que todo queda nun esbozo de algo de maior substancia.
Foto: Natasha Lelenco | MIT Ribadavia
Alemania de Nacho Ciatti
Dirección: Nacho Ciatti
Elenco: Iván Moschner, Mónica Raiola, Guido Botto Fiora e Michel Noher.
Espazo escénico: Mariana Tirantte
Iluminación: Marías Sendón
Son / Música: Nacho Ciatti / Alan Haksten
Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, 24-07-2014