in

Xardín suspenso

|

 Ela segue aí

| Camilo Franco |

cdg_xardin_suspenso_13

A familia é un muro de cristal. Translúcido. Vense os movementos, pero non se saben as intencións. Nin as boas, que son as peores. Esa é a paisaxe: universal, cotián. É demasiado familiar para ser irrecoñecible, demasiado familiar para que poidamos entendela. A familia nace, o resto é diplomacia ou violencia.

Esta é unha familia con sogras e xenros, unha familia de verdade. Con matriarca, cun matrimonio que fai moitos esforzos por ignorarse e unha terceira xeración con segredos. Non é exactamente un segredo, é un segredo familiar: pode que se saiba pero todo o mundo actúa como se non. Ou todo o mundo prefire ignorar.

En Xardín suspenso está todo no seu lugar. A delicadeza do drama, a teimosía da resistencia, a correlación dos personaxes e o mapa humano de cada un deles. Son un estereotipo movido con elegancia, sen distraccións, sen deixarse ir nas estridencias. A montaxe ten dous tons con algo de tensión entre eles. Dunha beira está o drama con pouso romántico, un pouco vintage, como doutro tempo. Pola outra beira van os relampos de comedia que parecen remover a historia noutra dirección. Son paradoxais: momentos que rondan a sitcom contorneados dun drama que non deixa de anunciar o seu horizonte. Ten unha certa estrañeza esa comicidade, formula unha saída de ton e, sen embargo, é a que presta aire, a que define mellor esa desesperación do non querer saber. O que combina estas dúas liñas, o que lle presta sentido é, en realidade, a idea central da obra: por moi familiar que sexa un problema, por moi próximo que estea, cada quen reacciona a el desde o seu punto de vista, desde o seu interese. Así na familia como no Banco Central Europeo. A idea está reiterada con firmeza e mesmo con contención, para non deixarse ir no moito que unha morte avolve a importancia das historias.

É na historia, precisamente, onde peor se explica Xardín suspenso. A obra prefire aprofundar nas consecuencias antes que nas causas. O interese por chegar a unha conclusión deixa a algúns personaxes cunhas decisións máis explicadas que sucedidas, nun territorio estrañamente irreal, forzados a asumir os comportamentos en función dun final. A obra está entregada a ese final, lírico se se quere ver así, tremendamente cruel. Despiadado por todas as partes. Entregada a contalo sen exhibicionismo pero con esa pátina de poética (chámese lírica, chámase comedia)  que a distancia da realidade sen miramentos. A obra evita a saña de contalo, pero segue aí, coa brutalidade de toda a historia. A puta condición humana.


Publicidade

 

Xardín suspenso, de Abel Neves
Dirección: Cándido Pazó
Elenco: César Cambeiro, Melania Cruz,  Rocío González,  Luisa Merelas,  Santi Romay,  Ana Santos.
Escenografía e figurinismo: Carlos Alonso
Composición musical: Manuel Riveiro
Iluminación: Afonso Castro
Maquillaxe: Martina Cambeiro
Produción: Fran Veiga
Asistente de dirección: Belén Pichel
Versión galega: Cándido Pazó e Manuel Guede Oliva
Caderno pedagóxico: Afonso Becerra de Becerreá

Salón Teatro. Santiago de Compostela. 13 de marzo de 2015

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

captura de pantalla 2015 03 13 a las 17 26 23 110x110 1 |

Exposición danzada

not pastillas |

NOT Never on Time