Os defectos dos ricos
| Camilo Franco |
Calquera pode ter as ambicións dun rico, o difícil é ter a súa fortuna. Eça de Queiroz resolveu este problema en O mandarim pola vía do asasinato que, parecendo unha metáfora, é un asunto realista e mesmo común. A riqueza está moi relacionada coa morte. Sobre todo coa dos demais. Calquera pode ter os comportamentos dun rico. O difícil é ter os seus cartos.
Como demostra estes días con toda convicción Rodrigo Rato calquera rico pode caír en desgraza. O que demostra peor é que a riqueza mal adquirida vaia acompañada de remorsos, arrepentimentos, cilicios e promesas de que non volverá ocorrer. Pero tamén é certo que Rodrigo Rato non é un rico de verdade: é un capataz dos ricos de verdade. Ningún rico autenticamente rico quitaría el mesmo cartos dun caixeiro. O teatro entra na cabeza dos ricos como entra a case todas as cousas: por aproximación. Así que este rico que herda a riqueza dun chinés da China tras dispoñer da súa vida comeza a padecer algunhas tribulacións que poden parecer o resultado director de posuír unha fortuna, pero que en realidade son o resultado de directo de non ter costume de tratar cos cartos de verdade. Porque cando un mira ao diñeiro fronte a fronte xa non volve mirar igual ás persoas.
A Companhia de teatro de Almada sobe á fantasía dos ricos con sensibilidade como nunha comedia moral, coa idea de que o asunto é risible, menos risible canto máis perto está do protagonista. O montaxe esfórzase moito en aparentar ser ese tipo de comedia que nalgún momento podería dar en esperpento pero para antes. Moito antes. Tamén se se esforza en que o que rodea ao protagonista sexa moito máis de rir que o propio home. O seu entorno, os personaxes que o rodean asumen a caricatura, pero el só asume a comedia da desesperación. Vai estando desesperado, vai estando progresivamente máis desesperado en parte porque a riqueza é inútil para ser boa persoa, pero tamén porque ese home que morreu para que el puidese ter cartos non ten ningunha importancia. Non era importante, só era rico. Para o protagonista é unha conclusión tremenda (para o protagonista e para Rodrigo Rato) porque en realidade herdou a condición do morto.
A compañía tenta darlle axilidade á historia meténdolle algo de old style, dándolle o aire do humor antigo. Non sei se aínda segue sendo un clásico do espectáculo aqueles números de cómicos chineses ou a televisión tamén desfigurou ese xénero. Con eses xeitos tenta levar ao espectador pola historia, pero nalgún momento a viaxe resulta esaxerada e vólvese algo mecánica. Quizais previsible. Entrégalle ao público unha interpretación demasiado evidente. Sobre todo cando a compañía demostra manexarse tan ben nos matices, nas escenas que precisan menos músculo e máis actitude. Menos enerxía e máis comunicación. É un contraste o que a montaxe consegue e este contraste alimenta a viaxe, as dúas en realidade, que fai o protagonista. Hai unha distancia entre as dúas actitudes da obra como hai unha viaxe entre a cobiza e os remorsos. Pero na primeira das dúas hai algo de desconfianza no espectador, como se un ton lixeiramente menos marcado non fose quen de colocado na auténtica dimensión do asunto. Pero hai que ter en conta a circunstancia. Hai que ter en conta o presente e os telexornais. Aínda que non o sexamos todos sabemos o que significa ser ricos. Ou precisamente por iso. Porque os cartos son moito máis importantes cando non se teñen. A nosa auténtica condición é esta porque os ricos sempre son os outros. E non hai volta. Nin anuncios de televisión, nin fresh banking, nin pago a prazos, nin traballo honrado que poida cambiar esta circunstancia. Porque todos podemos ter os defectos dos ricos. O que non podemos é financialos.
O mandarim, a partir De Eça de Queiroz
Companhia de teatro de Almada
Dramaturxia: Pedro Proença e Teresa Gafeira
Dirección: Teresa Gafeira
Elenco: André Alves, Catarina Campos Costa, Celestino Silva , João Farraia, Maria Frade e Pedro Walter
Espazo e vestiario: Ana Paula Rocha
Iluminación: José Carlos Nascimento
Son: Miguel Laureano
Voz e locución: Luís Madureira
Proxeccións: Pedro Proença
Salón Teatro. Santiago de Compostela. 9 de abril de 2015.