in

La flauta mágica. Variaciones dei Furbi

|

A construción da maxia en escena

| Vanesa M. Sotelo |

frautamaxicadeifurbi

 

O Premio Max 2014 ao mellor espectáculo musical non defraudou na súa presentación durante a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Na súa adaptación de La flauta mágica de Mozart, a compañía catalá Dei Furbi, ofrece unha síntese lúdica da obra na que ademais de poñer de relevo a maxia da escena potencia a calidade do saber facer dos actores. Para a súa dirección, Gemma Beltrán opta por unha proposta estilizada que facilita a entrada dun mundo simbólico e desafía o elenco a executar un traballo preciso e esixente a través do protagonismo da voz e do corpo para, a base dun medido xogo de convencións, presentar a loita entre a luz e a escuridade que propón a obra orixinal.

“Acadar a sabedoría e a beleza a través do amor”. Esa é a mensaxe final de La flauta mágica, a última composición de Mozart e unha das súas pezas máis representadas. Concibida como singspiel, a obra é unha ópera en dous actos que mestura a música coa acción falada aínda que a singularidade da proposta de Dei Furbi reside na execución “a capella” da partitura. Mais nesta La flauta mágica. Variacións Dei Furbi a voz non é a única que serve para encher o espazo baleiro do que parte o traballo, o elenco modela en escena tempos e lugares dentro dunha sucesión incesante de desdobramentos, movementos e acción escénica ligados á música. Asistimos así a unha viaxe iniciática cara a luz repleta de mecanismos e xogos escénicos que, ademais de axudar á comprensión da historia, facilitan o recoñecemento da construción da maxia que nos permite ao mesmo tempo experimentar a ilusión de novos mundos e descodificar a construción desa ilusión.

Na súa mestura de narración e acción, de personaxes que conducen a historia e actores que sitúan a historia nun cadro e nun acto, Dei Furbi desprega un intenso traballo físico que aporta sutilmente elementos de tradicións teatrais como o kathakali ou a commedia dell’arte. Deste xeito, La flauta mágica acaba por presentar unha proposta onde a plasticidade entra polos ollos e polos oídos: desde a serpe que constrúen cinco corpos e que persegue ao príncipe Tamino, ata o abrazo imposible entre Tamino e Pamina por efecto das forzas de Sarastro e Monostatos que representan as súas capas, pasando pola gaiola coa que carga Papageno e que chegamos a “ver” pola construción física e do camiñar que configura o actor.


Publicidade

La flauta mágica ou as variacións sobre a arte actoral. Un espectáculo de teatro total que se filtra por todos os sentidos, que desprenden un sentimento de facilidade e de sinxeleza cando ofrece un traballo complexo e completo resolto con virtuosismo, mesura e axilidade. Un traballo de calidade cuxo único “pero” sería unha afirmación: unha muller non precisa de príncipes que a rescaten.

 

La flauta mágica. Variaciones dei Furbi baseado na ópera de Mozart e Schikaneder.
Compañía: Dei Furbi
Dramaturxia e dirección: Gemma Beltrán
Dirección musical: David Costa
Elenco: Robert González, Llorenç González, Albert Mora, Anna Herbia, Queralt Albinyana, David Mercé.

Auditorio de Cangas. Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. 8 de xullo de 2015.

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

estrancc83ocaso |

El extraño caso de la Marquesa de Vadillo

lazarillo 11 |

El Lazarillo de Tormes