A violencia e o discurso
| Manuel Xestoso |
Existe a violencia e existe a forma en que se narra a violencia. A forma do relato inflúe no xeito en que asimilamos o relatado. Dicir “violencia domestica”, por exemplo, non explica as mesmas cousas que dicir “violencia machista”. Hai unha amálgama de connotacións implicadas en cada un dos termos e elixir o correcto pasa por sopesar que se debe contar en cada momento, cales son as partes principais e cales as secundarias, onde reside o miolo do conflito.
A canoa –a versión portuguesa d’A piragua que Cándido Pazó presenta no Teatro da Cerca de São Bernardo en Coimbra– funciona coma unha reflexión sobre como falar dun tema sen caer en simplificacións nin apriorismos. E o tema da violencia de xénero (outra forma de referirse á mesma cuestión que aclara algúns extremos e oculta outros) bate sempre con simplificacións e apriorismos máis ou menos interesados. Cómpre ampliar o campo de visión e ver as cousas dende distintas perspectivas para dar coas claves que permitan interpretar os feitos.
A obra transcorre no edificio onde vive Delio, un home que se defende dos seus fracasos asumindo uns principios vitais que non se corresponden coa súa situación real, senón coas fantasías que trata de manter vivas: o seu salario de vixilante non chega, pero o seu orgullo non lle permite aceptar que a súa muller limpe as escaleiras da comunidade. Os veciños, Guzmán e Lucía constitúen unha curiosa parella: el é un mozo convencional máis ou menos triunfador profesionalmente que garda unha canoa na súa praza de garaxe; ela, unha actriz dunha compañía de teatro independente que utiliza o baixo do edificio para ensaiar. A compañía de teatro trata de montar unha función sobre o que sucedeu –sobre o que vai sucedendo fronte á audiencia– e vai probando diferentes modos de narración para dar conta con rigor do acontecido.
Ese ensaio de distintos rexistros narrativos por parte da compañía permite, precisamente, abordar a historia dende todos os seus ángulos, afastándose do sensacionalismo e deixando paso á certeza de que existe unha normalidade que non é tan normal, de que o cotián agocha patoloxías que se explican dende argumentos que teñen pouco a ver coa excepción. Hai un retrato, case costumista, dunha sociedade na que as frustracións se acumulan e erosionan as relacións persoais; unha sociedade na que persiste un substrato de competitividade que vai dexenerando en desafecto e en crueldade.
O texto de Pazó é, sen dúbida, un dos mellores que deu o teatro galego deste século. É duro e humorístico, sarcástico e emotivo; sempre moi afiado e sutil. Introdúcenos no problema cunha naturalidade que tal vez se revele como o máis estarrecedor. E a posta en escena sabe tratalo con respecto e con humildade, poñéndose ao seu servizo e enriquecéndoo con achádegos que se axustan á natureza dos personaxes. Quen lembre a montaxe do CDG coa que se estreo a obra en 2007 observará notables diferenzas de ton que, non obstante, non afectan á cerna do asunto. E o asunto, claro, revélase baixo unha luz que sorprende ao público e ilustra a esencia colectiva dun problema que tende a tratarse como unha deformación individual.
Todo xunto conforma un espectáculo que non se afasta en ningún momento dos espectadores e que satisfai xenerosamente a vella esixencia de deleitar e incitar a reflexión. A longa ovación dun público en pé testemuñou o acerto na noite da estrea.
A canoa de Cándido Pazó
Compañía: A Escola da Noite
Dirección: Cándido Pazó
Elenco: Igor Lebreaud, Maria João Robalo, Miguel Magalhães, Ricardo Kalash, Sofía Lobo.
Escenografía: João Mendes Ribeiro, Luisa Bebiano
Iluminación: Afonso Castro
Música: Manuel Riveiro Hermo
Son: Zé Diogo
Figurinos, atrezzo e imaxe gráfica: Ana Rosa Assunção
Vídeo: Eduardo Pinto
Teatro da Cerca de São Bernardo, Coimbra. 17 de setembro de 2015.