Esperanza e derrota
| Manuel Xestoso |
Hai derrotas que constitúen triunfos morais. E tamén hai vitorias pírricas. Ambas parécense moito. Administrar o éxito ou o fracaso dunha iniciativa debe contar con esas dúas posibilidades de relación entre o pragmático e o ético, especialmente cando se trata dunha empresa política. Non sempre paga a pena vencer a calquera prezo. E, ás veces, é preciso insistir nunha loita, aínda que pareza abocada ao fracaso. Non é doado calibrar as consecuencias das decisións tomadas na calor do conflito, pero trátase de escollas que poñen a proba a honestidade de quen as toma. Tanto insistir coma abandonar precisan de moita enteireza.
Foucellas non é un biopic do guerrilleiro de Mesía, senón unha reflexión sobre a xestión da derrota e da esperanza. A obra de Pazó escarva nalgúns dos temas fundamentais da historia da guerrilla, mais transcende a situación histórica concreta. A pugna que se presenta é dialéctica, e explora as razóns para preservar o optimismo e teimar na contenda nun contexto adverso. Aínda que só sexa para non permitir que o facho esmoreza definitivamente.
Hai dúas personaxes que simbolizan dúas formas de resistencia. Foucellas escolleu a vangarda, a loita armada. O seu antagonista, Doro, representa a retagarda, a desmobilización consciente dun sector da poboación cuxo compromiso lida co medo e coa convicción de que a supervivencia é o primeiro deber. Historicamente, son dúas formas de perder que se ven accidentalmente enfrontadas pero que, en realidade, deberían pertencer ao mesmo bando. A derrota atínxeos a ambos, pero a circunstancia colócaos en trincheiras opostas, e de aí que o drama adquira tons de traxedia política.
Todo se complica se, ademais, o mito de Foucellas acaba por substituír á persoa que se uniu ao maquis, a Benigno Andrade. Foucellas suxire a hipótese de que ese mito opera en contra da posición política e en contra do individuo. De que o concepto de heroísmo ten consecuencias problemáticas para manter a razón práctica, substituíndoa por un romanticismo catártico mais pouco resolutivo.
A montaxe de Talía entra nestes enfrontamentos con todas as cautelas para que o espectador non perda de vista as frustracións e as inercias que arrastra cada unha das dúas posturas. Para que se abstraia do contexto concreto e pondere as dificultades de manter as posicións dos dous opoñentes. Por momentos, esta prudencia pode pexar a peza derivándoa cara á uniformidade interpretativa, pero a perentoriedade do debate rescátaa da monotonía e mantén o interese ata o final.
Hai unha carpintería sutil que introduce temas habitualmente desatendidos: a personaxe interpretada por María Ordóñez rescata do esquecemento esoutro reto moral que se lle presenta ás mulleres e que posúe os mesmos vimbios dramáticos que os dos dous protagonistas: o dilema entre a subsistencia ou os principios. É un outro reto calado que, paseniñamente, vai emerxendo e reclamando o seu lugar na historia.
Toda a discusión alude ao noso coñecemento do pasado e tamén ao do noso presente. Porque tamén agora, coma daquela, escóitanse máis foguetes de festa que de protesta. Cada un debe decidir se para ben ou para mal.
Foucellas de Cándido Pazó
Compañía: Talía Teatro
Dirección: Cándido Pazó
Elenco: Toño Casais, Dani Trillo,María Ordóñez e Artur Trillo
Escenografía: Dani Trillo
Deseño de iluminación: Alfonso Castro
Vestiario: Martina Cambeiro
Música: Manuel Riveiro
Galicia Escena Pro. Salón Teatro, Santiago de Compostela. 8 de xuño de 2016.