Teatro para beber
| Roi Vidal Ponte |
Temos a tendencia de encaixar as modas dunha maneira extrema. Somos das que as perseguen ou das que lles escapan a todo correr. Vémolas como tendencias estilosas que sinalan o progreso ou como necesidades creadas impostas polo capital. A moda que está máis de moda é a da hiperpaternidade, que ten a xeración dos barbudos hipsters engaiolados coa descuberta da paternidade e as nais rebeldes da xeración máis feminista da historia descubrindo zonas nas que practicar unha maternidade liberada. Houbo quen o soubo ver e creou un novo mercado: o teatro para bebés.
Corre o rumor de que é un teatro demasiado doce e inodoro, cheo de colorín e de palabras amables que busca o beneficio económico a costa de se aproveitar dos cartos dos neopais sen achegar nada beneficioso á comunidade á que vai dirixido. Nada que non sexa estimulación sensorial como a que xa ofrecen os xoguetes de texturas e os pitiños do Youtube.
Pero, como en todo, hai outra posibilidade.
E é a que nos brinda AvoaYouja cun espectáculo dirixido á nova prole que rompe todos os preconceptos sobre a moda do teatro para bebés. O aloumiño dunha estrela é unha viaxe polos sentidos guiada con elegancia e respecto que foxe do colorincho fácil e da voz melodiosa. As tebras do teatro ilumínanse con curiosos puntos de luz de diversos tipos. As formas son máis abstractas que icónicas. A cor é predominantemente sepia e branca. Mesmo a historia, que podería ser algareada e aplaudida á procura da interacción máis facilona, está mostrada de xeito fragmentario e anti-narrativo, para deixarlle oco á imaxinación que o respectable comeza a ter. Porque as crianzas tamén teñen dereito a explorar a súa propia creatividade sen que lles veña prefabricada e imposta, ese dereito fundamental que proclama a filósofa Marga Íñiguez e que o artista Javier Abad practica coa súas instalacións para bebés.
E é moi de agradecer, mesmo de celebrar, que haxa obras coma esta, que non trata o público con paternalismo e que interesa tamén aos sentidos da xente adulta. Quen nos dera aos papis termos un teatro así dirixido para nós! Un teatro no que un actor toca a arpa. No que os intérpretes se meten entre o público con espontaneidade e sen vertixe por ningunha das dúas partes. Un teatro contemporáneo que evoca máis do que conta, pero que nunca podería ser acusado de palla mental como acotío lle pasa ao posdrama de noso.
Coa escusa de ser para bebés, temos unha obra que é para nós a debullar. Para degustar con gozo. Para aplaudir baixiño. Para deixarse levar polos sentidos. Coa vista descansada de sobrestimulacións supercoloristas ou tecnolóxicas. Cos oídos descansados de palabras cativas e acentos impropios. Co olfacto aberto para cheirar a poesía dos soños. Co tacto esperto para tocar os pétalos do real. Coa boca aberta para aprender a falar. Unha obra de teatro para beber.
O aloumiño dunha estrela de Marta Faílde e Fran Martínez.
Dirección, iluminación, son, vestiario e música: Marta Faílde y Fran Martínez.
Elenco artístico: Marta Faílde y Fran Martínez.
Escenografía: Leonardo Llamas.
Auditorio Municipal de Vigo, 19 de marzo de 2017.