in

Mensaxe Internacional do Día Mundial do Teatro

theater1713816 |
O Instituto Internacional do Teatro (International Theatre Institute ITI) dá a coñecer a Mensaxe do Día Mundial do Teatro correspondente a 2017, cuxa autora é a actriz francesa Isabelle Huppert

 
Ben, aquí estamos outra vez. Reunidos de novo na primavera, 55 anos logo da nosa reunión fundacional, para celebrar o Día Mundial do Teatro. Un só día, 24 horas, que comezan da man do teatro NO e do Bunraku que pasan pola Ópera de Pekín e o Kathakali, brillando entre Grecia e Escandinavia, de Esquilo a Ibsen, de Sófocles a Strinberg, entre Inglaterra e Italia, de Sara Kane a Pirandello, e tamén Francia entre outros, onde nos atopamos, e onde París é a cidade do mundo que atrae a máis grupos de teatro internacional. Nesas 24 horas podemos ir de Francia a Rusia, de Racine e Molière a Chejov, e ata atravesar o Atlántico para acabar nun Campamento californiano, tentando a mozos a reinventar, quizais, o teatro.

De feito, o teatro renace cada día das súas cinzas. Non é senón unha convención que hai que abolir incansablemente. Así é como segue vivo. O teatro ten unha vida abundante que desafía o espazo e o tempo, e as obras máis contemporáneas nútrense dos séculos pasados, os repertorios máis clásicos fanse modernos cada vez que son subidos de novo á escena.

O Día Mundial do Teatro non é pois, obviamente, un día calquera das nosas vidas que deba ser tomado de forma banal. Fai revivir un inmenso espazo-tempo e, para evocalo, querería citar a un dramaturgo francés tan xenial como discreto, Jean Tardieu: Falando do espazo, pregúntase ‘cal é o camiño máis longo para ir dun punto a outro.’ Sobre o tempo, suxire ‘medir, en décimas de segundo, o tempo que se tarda en pronunciar a palabra ‘eternidade”. Sobre o espazo-tempo, tamén di: ‘Antes de durmir, fixa a túa mente en dous puntos do espazo e calcula canto tempo se tarda, nun soño, en ir dun a outro’.

É a frase ‘nun soño’ a que sempre me dá voltas na cabeza. E como se Jean Tardieu e Bob Wilson se atopasen.

Tamén podemos resumir o noso Día Mundial do Teatro, citando as palabras de Samuel Beckett que fai dicir a Winnie no seu estilo expeditivo: ‘Oh, que fermoso día sería!’

Ao pensar nesta Mensaxe que teño o honor de que me pediron que escriba, recordei todos os soños destas escenas. Por iso podo dicir que non vin a esta sala da UNESCO eu soa. Todas as personaxes que interpretei en escena me acompañan. Personaxes que pareceron irse cando caía o pano, pero que cavaron unha vida subterránea en min, dispostos a axudar ou destruír as personaxes que lles sucederon. Fedra, Araminte, Orlando, Hedda Gabbler, Medea, Merteuil, Blanche Dubois… Acompáñanme tamén todos os personaxes que adorei e aplaudín como espectadora. E é por iso polo que pertenzo ao mundo. Son grega, africana, siria, veneciana, rusa, brasileira, persa, romana, xaponesa, marsellesa, neoiorquina, filipina, arxentina, norueguesa, coreana, alemá, austríaca, inglesa, realmente do mundo enteiro. Esa é a auténtica globalización.

En 1964, con ocasión deste Día Mundial do Teatro, Laurence Olivier anunciou que, tras máis dun século de loita, por fin se acababa de crear en Inglaterra un teatro nacional que el quixo transformar inmediatamente nun teatro internacional, polo menos polo seu repertorio. El tiña moi claro que Shakespeare pertencía ao mundo.

Encantoume saber que a primeira Mensaxe destes Días Mundiais do Teatro, en 1962, confióuselle a Jean Cocteau, por ser autor do libro ‘A volta ao mundo en 80 días outra vez’. Eu dei a volta ao mundo de forma diferente. Deina en 80 espectáculos ou 80 películas. Inclúo aquí películas nas que non distingo entre facer teatro ou cine, que sorprende cada vez que o digo pero é certo, é como é. Ningunha diferenza.


Publicidade

Ao falar aquí non son eu. Non son unha actriz. Son só unha desas incontables personaxes grazas ás cales o teatro segue existindo. É un pouco o noso deber. E a nosa necesidade. Como expresalo… Nós non facemos que o teatro exista. É grazas ao teatro que nós existimos.

O teatro é moi forte, resiste, sobrevive a todo, ás guerras, ás censuras, á falta de diñeiro. É suficiente con dicir ‘a escena é un escenario baleiro dun tempo indeterminado’ e facer entrar a un actor. Ou a unha actriz. Que vai facer? Que vai dicir? Van falar? O público espera, vaise saber, ese público sen o que non existe o teatro, non o esquezamos nunca. Unha soa persoa de público, é público. Esperemos que non haxa moitas cadeiras baleiras! Salvo na obra de Ionesco. Ao final a Vella di: ‘Si, si, morramos en plena gloria… Morramos para entrar na lenda… Polo menos teremos a nosa rúa.’

O Día Mundial do Teatro existe desde hai agora 55 anos. En 55 anos son a oitava muller á que se lle pide pronunciar unha mensaxe, ben, non sei se a palabra ‘mensaxe’ é a adecuada. Os meus predecesores (imponse o masculino!) falaron do teatro da imaxinación, da liberdade, da orixe, evocaron a multiculturalidade, a beleza, as preguntas sen respostas… En 2013, hai tan só 4 anos, Darío Fo dixo: ‘a única solución á crise, reside na esperanza dunha gran caza de bruxas contra nós, especialmente contra os mozos que queren aprender a arte do teatro: así xurdirá unha nova diáspora de comediantes, que fará xurdir destas limitacións uns beneficios inimaxinables para unha nova representación.’ Beneficios inimaxinables é unha fórmula digna de aparecer nun programa político, non? Como estou en París pouco antes dunhas eleccións presidenciais, suxeriría a aqueles que pretenden gobernarnos, que estean atentos aos beneficios inimaxinables aportados polo teatro. E por suposto, nada de caza de bruxas!

O teatro para min é o outro, o diálogo, a ausencia de odio. A amizade entre os pobos. Non sei agora mesmo que significa exactamente, pero creo na comunidade, na amizade dos espectadores e os actores, na unión de todos aos que reúne o teatro, os que o escriben, os que o traducen, os que o explican, os que o visten, os que o decoran, os que o interpretan, ata, os que van. O teatro protéxenos, acóllenos… Creo de verdade que nos ama… tanto como o amamos.

Recordo a un vello director da vella escola, que antes de que se levantase o pano, entre bambolinas, dicía cada noite con voz firme: ‘Paso ao teatro!’

Estas serán as miñas últimas palabras. Grazas.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

oaloumincc83o |

O aloumiño dunha estrela

theater 1328412 1920 |

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro