O pasado 21 de outubro, constiuíase en Rianxo a Academia Galega do Teatro. A actriz e dramaturga Imma António, presidenta da xestora para a súa constitución, salientou no acto que a nova institución pretende ser un lugar de encontro no que debater sobre cuestións artísticas, investigar, recuperar o patrimonio teatral ou organizar un Congreso do Teatro Galego. Nesta entrevista, explícanos cales son os obxectivos da Academia e cal será o seu funcionamento.
Que é exactamente a Academia Galega do Teatro, que obxectivos ten a cal será o seu funcionamento?
A Academia Galega de Teatro nace con vocación de servizo e de perdurabilidade. Pretende ser un lugar de encontro para as persoas que traballan nos moitos oficios e eidos do teatro no noso país. Un espazo de debate, reflexión e intercambio de ideas e experiencias. Outro obxectivo é poñer en valor e conservar o –ao noso entender- moi rico patrimonio teatral galego. Tanto coa ollada posta no pasado que nos fixo, no presente que somos e no futuro que cómpre construír.
En canto ao seu funcionamento… estamos traballando niso. A pretensión é que esta sexa unha Academia plural e libre, na que todas e cada unha das persoas que dela formen parte aporten en igualdade e plena liberdade. Iso si, como é lóxico, a toma de decisións sempre será a voz do pensamento da maioría.
Como xorde a idea de creala?
Anos atrás un grupo de persoas unímonos para crear o Foro de Sada. Era este un foro de opinión no que traballamos elaborando unha chea de documentos sobre as necesarias políticas teatrais. Documentos que logo levabamos ás Administracións por aquilo de que logo non foran dicir “que ninguén lles dixo o que facía falta”.
En aquel momento, no país, aínda non existía a Escola de Arte Dramática –por exemplo- ou a Asociación de Compañías Escena Galega… e, dalgún xeito, o Foro de Sada –ou parte do seus membros- estivemos no traballo de sentar as bases para que moitas desas estruturas tan necesarias se creasen.
A día de hoxe, vimos que aínda quedaban cousas por facer, estruturas por crear… Unha delas era unha Academia Galega de Teatro. E puxémonos a iso.
Quen a conforma?
Moitas das persoas fundadoras da Academia formaron parte do citado Foro de Sada, outras non. O que, supoño, todas temos en común é a experiencia de moitos anos. Tanto no traballo estritamente teatral coma no traballo de “crear bases e estruturas”.
Se me preguntas polos nomes das persoas fundadoras, é público: Eduardo Alonso, Rosa Álvarez, Antonio Simón, Damián Villalaín, María Barcala, Ernesto Chao, Anxela G. Abalo, Manuel Areoso, Luma Gómez, Manuel Guede, Xulio Lago, Francisco Oti, Gustavo Pernas, Miguel Pernas, Xosé Manuel Rabón, Manuel Vieites e eu mesma, Imma António.
Non habería que contar con persoas doutras xeracións que hoxe teñen un papel destacado no desenvolvemento da escena galega?
Habería, claro que habería. E así será. Non debemos confundir as persoas fundadoras coa Academia en si mesma. Como xa dixen antes, queremos unha Academia plural e libre. Así que a incorporación de máis persoas é absolutamente necesaria. De distintas xeracións, claro está, e de distintos oficios e ámbitos. Co seu interese contamos. Calquera que cumpra os requisitos que aparecen nos Estatutos que regulan a Academia e solicite o seu ingreso na mesma ten plena liberdade de facelo. Todas as persoas interesadas benvidas serán. O seu interese xa é para nós un síntoma da súa vontade de traballo… E nisto de traballar polo ben común todas as persoas que sintan esa vocación son garante de que Academia será un organismo vivo e útil.
A Academia nace coma unha continuación das propostas do Foro de Sada. Cre que o proxecto daquel colectivo segue vixente ou habería que actualizalo?
Iso non é exactamente así. Aínda que moitas das persoas de fundamos a Academia formamos parte do Foro de Sada, os tempos son outros e, polo tanto, os obxectivos tamén.
Existen no país asociacións e outros organismos que están facendo o traballo que, nalgún momento, pretendeu –con maior ou menor éxito- o Foro de Sada. Nos Estatutos da Academia márcanse claramente os obxectivos que esta ten, e pouco ou nada teñen que ver cos obxectivos que o Foro de Sada tiña.
Eu son plenamente consciente dos prexuízos que existen con respecto a determinadas persoas -eu mesma incluída- e estou firmemente convencida e disposta para que a Academia bote abaixo moitos deses prexuízos e sexa a casa de todas as xentes do teatro. Vexo na Academia unha grande oportunidade para que, traballando xuntas, as xentes do teatro compartan e avancen, respectando a pluralidade e a liberdade. Queremos falar de creación, de arte, de cultura… e queremos contemplar todas as visións.
Vostede falou da necesidade do debate sobre a creación escénica. Como se vai materializar ese debate e quen estará implicado nel?
Materializaranse eses debates a medida que a Academia vaia medrando, claro. Nos Estatutos propóñense diferentes formas e outras aparecerán, seguro… O primeiro é ampliármonos na diversidade, que será o que dea lexitimidade á Academia.
En canto a quen… Quen queira participar, claro. Mais tamén contemplamos intercambios con outras xentes do Estado ou tamén do estranxeiro. Nacemos con cobiza. Nada desbotamos e todo é posible. Todo suma, nada resta. O espírito é ese.
Intervirá a Academia en cuestións de política cultural que condicionan a creación como, por exemplo, a crise institucional e artística que atravesa o Centro Dramático Galego?
Citando os Estatutos: “A Academia exclúe expresamente dos seus fins os propios dun sindicato ou organización laboral sendo independente de calquera grupo relixioso, político, económico ou ideolóxico…” Vaia isto por diante: existen no país asociacións e organismos que xa cumpren esa función. Agora ben, como resultado do debate e a posta en común pode haber un opinión consensuada na Academia. Esa opinión –autorizada en canto se contempla a pluralidade- será feita pública e levada ás Administracións que corresponda en cada caso. Por suposto que unha das funcións da Academia será esa: opinar e dar un punto de vista. Sen interferir no traballo que outras asociacións están facendo, claro.
Cales son –ou serán- as relacións con outras entidades que aglutinan boa parte da profesión como Escena Galega ou a AAAG?
Loxicamente haberá persoas que formen parte da Academia e tamén dalgunha desas Asociacións mencionadas ou doutras. Estas persoas terán a súa voz individual dentro da Academia, como é natural, en pé de igualdade con outras persoas que non pertenzan a ningunha Asociación. Por suposto que, “protocolariamente” (por buscar unha palabra axeitada) a Academia debe ter relación e intercambio de pareceres con todas as Asociacións e organismos que traballan no eido teatral, incluído o amador. Desa relación contínua e –esperamos- fluída, a voz da Academia terá o peso que deba ter para sumarse ás outras voces do teatro, desde o acordo –preferiblemente- ou desde o desacordo –que tamén pode ser o caso.
Finalmente, que obxectivos esperan alcanzar no curto e no medio prazo?
No curto, como antes comentaba, medrar. A partir daí irmos construíndo espazos de encontro e de intercambio. Debate. Investigación. Posta en valor do noso patrimonio teatral. A edición deses traballos… No medio, contemplamos a necesidade dun Congreso do Teatro Galego. Así que, vista a necesidade, poñerémonos á súa realización… E o que veña por diante! Pretendemos unha Academia viva, en constante movemento, en constante aprendizaxe. Unha casa para todas e todos onde a voz de cadaquén teña o mesmo valor da persoa que o acompaña. Xa dixen antes que nacemos con vocación de servizo e perdurabilidade e si, tamén, con cobiza. Pero cobiza do propio. O noso Teatro que é o de todas e todos.