A compañía portuguesa é pioneira nas relacións entre o teatro da Galiza e Portugal
O pasado día 18, no Teatro Municipal Sá de Miranda de Viana do Castelo, formalizouse o protocolo polo cal a compañía Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana pasa a integrarse na PLATTA (Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador). O Instituto Camões – Centro Cultural Portugués de Vigo oficiou como observador .
A PLATTA é unha estrutura que naceu co propósito de fomentar o desenvolvemento do teatro afeccionado transrexional como unha realidade dentro da industria cultural nacional e europea e que aposta por unha nova visión do teatro amador como elemento indispensable para a divulgación e intercambio cultural transfronteirizo.
A PLATTA
Forman parte desta plataforma a erregueté (Revista Galega de Teatro), FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado), FGATCYL (Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León) e, dende agora, Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana, que ocupa o lugar de parceiro portugués abandonado recentemente por Comedias do Minho.
PLATTA establece varias áreas de acción que se van consolidando ano a ano, froito do traballo continuado e do entendemento entre as persoas representantes das distintas entidades:
- Encontro, análise e discusión: Xornadas de teatro que inlcúen mesas de traballo e obradoiros de lecturas dramatizadas en tres linguas.
- Formación: apertura das actividades formativas organizadas por cada entidade aos compoñentes das demais.
- Mobilidade e difusión: Celebración de 3 festivais anuais transfronterizos de teatro en marzo, xuño e setembro, organizados en Castela e León, Galiza e Portugal.
O Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana
O Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana é unha compañía con máis de vinte e cinco anos de actividade que actualmente opera como compañía residente do Teatro Municipal Sá de Miranda, en Viana do Castelo. O seu director actual é Ricardo Simões.
Estrutura fundacional da creación artística profesional do Alto Minho aínda en activo, o Teatro do Noroeste – CDV presenta, de media, 5 novas creacións por ano, seguindo unha liña de repertorio dirixida a diversos públicos, con especial incidencia para os públicos escolares, complementada con un proxecto comunitario –TEIA (Teatro em Iniciativa Associativa) que integra 22 asociacións culturais dos 10 condados do Alto Miño e que será o vehículo a través do cal se materializarán os acordos asinados coa PLATTA. A súa actual directora é Elisabete Pinto.
Pioneiro nas relacións teatrais entre o Alto Miño e Galiza, nas décadas de 1990 e 2000, o Teatro do Noroeste – CDV estreou en Portugal, textos de, por exemplo, Roberto Vidal Bolaño, e foi un dos compoñentes fundacionais de TEATRAGAL e dos Encontros de Teatro Galicia-Portugal.
Entre 1996 e 2010, realizou o FESTEIXO – Festival de Teatro do Eixo Atlántico, que presentou 201 diferentes creacións, nun evento que durante década e media foi unha referencia na actividade teatral transfronteiriza entre Galiza e Portugal.
En 1997, fundou a primeira compañía profesional de danza contemporánea do Alto Miño, a Danza do Noroeste, con orzamento do propio Teatro do Noroeste – CDV.
Tamén en 1997, o Teatro do Noroeste – CDV fundou Varazim Teatro, un grupo de teatro afeccionado baseado en Póvoa de Varzim, que aínda está activo.
En 2003, o Teatro do Noroeste – CDV fundou as Comedias do Miño, a convite dos municipios de Paredes de Coura, Cerveira, Valença, Melgaço e Monçao, froito de 12 anos de actividade teatral desenvolvida en todos os concellos da provincia de Viana do Castelo.