in

Fillos do sol

fillosdosol |

O relato e o suceso

| Manuel Xestoso |

O escritor e os seus fantasmas: Fillos do sol tamén podería chamarse así, coma aquel ensaio no que Ernesto Sábato abordaba o asunto da construción dunha literatura nacional. Incluso podería titularse A nación e os seus fantasmas se, seguindo con Sábato, cremos aquel apotegma seu que indicaba que existe unha literatura nacional pola mesma razón que existe o descontento sobre a realidade. Pondal é aquel que o país recoñeceu –en vida– coma o seu escritor nacional, pero esa honra tamén pode ser un castigo que provoca dúbidas e incertezas, unha responsabilidade que pode conducir á parálise.

Resulta significativo que a obra comece con Pondal queixándose do ruído que fan uns obreiros que traballan no exterior: o mundo real estorbando un proxecto literario cuxa heroicidade xa non se compadece co que sucede alí afora. A partir de aí, o texto comeza a darnos argumentos para preguntarnos sobre a razón de que Pondal non dera nunca por rematada a que había ser a súa obra magna: Os eoas.

Está presente a hiperconciencia de Pondal sobre a medida artística da súa obra, o recalcitrante perfeccionismo que o levou a rematar polo menos dúas versións diferentes do poema sen que ningunha delas o satisfixese completamente. Está o medo a non estar á altura do anunciado. E está tamén a sospeita de que a proeza non tiña moito sentido nun mundo que lle daba as costas á épica. Quizais sexa verdade aquilo de que as máis grandes literaturas nacionais –dende que esa conciencia nacional existe– son unha acusación contra a patria e, nese aspecto, as fazañas dos que se lanzaron á conquista do Novo Mundo non casaban ben cun mundo que comezaba a cuestionar sistematicamente os valores que rexían no pasado.

Publicidade

Fillos do sol tira dun monólogo interior convertido en diálogo entre o Pondal novo e o Pondal vello, pero o interesante da obra sitúase no terceiro vértice do triángulo, na personaxe da criada, Rosiña: unha muller nova que introduce no conflito aquela realidade da que escapaba o poeta: transformando a maleta onde se gardaban os orixinais de Os eoas na valixa da emigrante e convertendo a epopea dos conquistadores na travesía das traballadoras que, tamén elas, conquistaban un Novo Mundo con outras armas.

Unha patria de mulleres que comezan a albiscar un horizonte de emancipación e de emigrantes que deben renunciar ao seu país para crer nun futuro gañado a forza de traballo talvez non se vise representado na xesta duns “descubridores” con apelidos estremeños. Aínda que a teoría do Colón galego fose certa, o mundo tomaba outros vieiros e eran outras as descubertas que se esperaban.

A obra suxire estas cousas de xeito prudencial: deixando que sexa o público o que se vaia achegando ao que sucede e ao que se expón. Concéntrase nunha anécdota mínima para non caer no edificante, pero canto máis se fixa no cotián, máis deixa ver a realidade de fóra. Busca que nos fixemos no que sucede no interior do cuarto dunha pensión, pero acaba por descubrir un marco máis amplo que se interroga sobre a relación entre os grandes relatos e a realidade. “O que importa é o relato, non o suceso” repite o protagonista: e talvez é así, pero a relación entre eles debe gardar unha medida. Atopala non é só un traballo de escritores.

 

Fillos do sol, de Cándido Pazó
Dirección: Cándido Pazó
Elenco: César Cambeiro, Adrián Ríos, Alba Bermúdez
Escenografía: Carlos Alonso
Iluminación: Afonso Castro
Vestiario: Carlos Alonso e Belén Pichel
Realización Vestiario: Mila Abal
Música: Guillerme Fernández
Axudante de Dirección: Belén Pichel
Axudante de Produción: Lilian Portela
Xefa de Produción: Belén Pichel

FIOT. Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Pazo da Cultura. 28 de outubro de 2017.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

nieves neira foto de cris vilarincc83o |

Cartografía en movemento

platta2 |

O Teatro do Noroeste – Centro Dramático de Viana intégrase na PLATTA