in

Xornada sobre a escena galega no programa da Deputación da Coruña ‘A cultura é un dereito’

aculturaeundereito |

“A escena galega no palco do Colón” é unha das tres xornadas coas que arrinca o programa “A Cultura é un Dereito” coa que a Deputación da Coruña quere destacar o carácter transformador da cultura. A responsábel da área e vicepresidenta, Goretti Sanmartín Rei e as persoas coordinadoras das xornadas, Alberto García, presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Arantxa Estévez e Cristina Domínguez presentaron os obxectivos e contido do novo programa.

Máis de cen persoas do ámbito da cultura participan nas tres xornadas coas que bota a andar o programa “A Cultura é un Dereito” que inicia a súa andaina o vindeiro 25 de abril no Pazo de Mariñán co programa “Cultura e Sociedade en Galiza: Iniciativas e Experiencias”, coordinado desde a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural. O Teatro Colón da Coruña será o escenario das outras dúas xornadas que xirarán arredor das “Mulleres e Música” o 19 de maio con coordinación de Arantxa Estévez, xornalista cultural e responsábel de comunicación de festivais musicais, e a produtora Rosa Salgado e “A Escena galega no palco do Colón. Os procesos de creación nas artes escénicas na Galiza do século XXI” que, coa coordinación da directora Cristina Domínguez terá lugar o vindeiro día 9 de xuño.

“A cultura debe ser un alimento, algo necesario e imprescindible, participación, traballo diario cun mundo diverso e heteroxéneo e con máis liberdade”, comezou Goretti Sanmartín nunha intervención en que presentou o ambicioso programa que responde á afirmación “A Cultura é un Dereito”, convertido en lema da Área de Cultura da Deputación da Coruña.

Adiantou así os obxectivos dunhas xornadas que “teñen un formato orixinal e multidisciplinar e vontade de transcender, porque acreditamos en que, ás veces, é necesario que algo se mova para que se produza efecto dominó e a mudanza sexa grande”. Ademais de destacar a necesidade de “analizar de maneira crítica a situación cultural”, Goretti Sanmartín destacou que o programa afondará tamén nunha das preocupacións da área como é “a igualdade de xénero, a transversalidade, que se cumpra o que é de xustiza, que as mulleres teñamos presenza nos eventos culturais e en todos os ámbitos”, dixo. Anunciou tamén que xa se están a preparar novas iniciativas, como unha xornada sobre o audiovisual.


Publicidade

Cristina Domínguez anunciou que a xornada dedicada á escena galega se converterá nun “espazo de reflexión e encontro”. O obxectivo que se marca é xuntar “profesionais da escena e falar de nós como creadores e creadoras buscando a interdisciplinaridade e incorporando distintas xeracións que ás veces non nos vemos as caras”. Anunciou tamén que varias compañías están a preparar pequenos espectáculos para espazos non convencionais do Teatro Colón, nunha xornada que, como as outras, xuntará reflexión e creación cultural.

O programa das tres xornadas e a ficha de inscrición están dispoñíbeis na web: http://aculturaeundereito.gal/

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

viravoltabarrigaverde |

O XIX Festival de Títeres reunirá en Redondela 26 compañías

malabares |

Pistacatro estrea ‘Orquestra de malabares’ na Coruña