in

O XIX Festival de Títeres reunirá en Redondela 26 compañías

viravoltabarrigaverde |

Un total de 26 compañías de Perú, Reino Unido, Francia, Dinamarca, Arxentina, Portugal, Cataluña, Andalucía, Castela e León, Murcia e Galicia, compoñen o cartel da 19ª edición que se celebrará entre o 14 e o 20 de maio. A programación comezará coa campaña escolar e de sala, con actividades na rúa o Día das Letras Galegas e a fin de semana.

 

A XIX edición do Festival Internacional de Títeres “Juanjo Amoedo” encherá as prazas e rúas da vila do mellor teatro de monicreques do mundo do 14 ao 20 de maio. Un total de 26 compañías da máis variada procedencia comporán o programa deste ano, que inclúe campaña escolar, programación de sala e espectáculos de rúa o Día das Letras Galegas e mais na fin de semana.

A compañía galega Viravolta títeres dará o pistoletazo de saída á programación escolar co espectáculo “Barriga Verde” no Auditorio Piñeiral do Crego de Chapela, que se trasladará dende o martes ao Multiusos da Xunqueira, con representacións do francés Don Davel, os murcianos de Periferia Teatro e os redondeláns de Tanxarina Títeres.

O Multiusos da Xunqueira tamén acollerá a programación de sala dende o mércores, onde se poderán gozar dos espectáculos Le Fumiste do francés Don Davel, A Galiña Azul de Tanxarina, The Parachute do británico Stephen Mottram, El juego del tiempo do chileno David Zuazola. O sábado, os murcianos de Periferia teatro escenificarán Vuela Pluma e a compañía de Jordi Bertrán porá en escena Poemes Visuals. O domingo será a quenda dos galegos de Baobab Teatro con Pum! Pum! e os andaluces de Títeres Etcétera con El Alma del Pueblo.

 

Programación de rúa e actividades complementarias


Publicidade

O día das Letras Galegas e o sábado e domingo, os monicreques sairán á rúa para ofrecer representacións nas principais rúas e prazas de Redondela, con máis de 40 sesións de títeres, espectáculos itinerantes a cargo dos portugueses EZ Project e os galegos de Troula e EducaTeatro e moita música.

Ademais da programación teatral, as actividades paralelas deste ano inclúen o Espazo lúdico na Pista da Xunqueira, os Títeres pola Gorra e a exposición de Tanxarina títeres “Unha xanela ao mundo dos monicreques”, no que o coñecido e galardoado grupo redondelán fará un percorrido por toda a súa carreira artística a través dos monicreques empregados nos máis coñecidos dos seus espectáculos. Así como o concerto de María Fumaça o Día das Letras Galegas e a ruada interactiva “10.000 leguas de viaxe pola vila”, que este ano ten como protagonista os animais mariños, e que partirá do peirao de Cesantes ata o centro de Redondela.

 

Mercadiño Titiriteiro

O 24 de abril abrirase a conta bancaria, para aqueles que queiran solicitar un posto no Mercadiño Titiriteiro, que dende hai anos conforma unha cita ineludible para todos aqueles creadores que desexan expoñer e vender os seus traballos relacionados co mundo dos títeres. As bases e condicións xa están dispoñibles no Facebook do Festival.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

primaveraendanza |

Volve o Primavera enDanza de Carballo

aculturaeundereito |

Xornada sobre a escena galega no programa da Deputación da Coruña ‘A cultura é un dereito’