Actualidade

Volve o Primavera enDanza de Carballo

PUBLICIDADE

Sete espectáculos de sala, un obradoiro de danza contemporánea, encontros entre público e artistas, actuacións ao aire libre e unha oferta de actividades complementarias integran un dos programas máis extensos da Primavera enDanza, unha coidada selección dos mellores espectáculos nacionais que nos achegan á danza contemporánea. “É un dos escasísimos festivais de danza e o máis antigo de Galicia”, lembrou o concelleiro de Cultura, Marcos Trigo, na presentación do cartel. De feito, Primavera enDanza cumpre 16 anos.

A primeira cita será o 13 de abril coa conferencia bailada de Toni Jodar, un espectáculo que a técnica de Cultura do Concello de Carballo, Carmen Castro, cualificou como “especial, novidoso e distinto”, porque se trata dunha actividade moi didáctica na que o famoso coreógrafo catalán vai expoñendo e interpretando diferentes danzas contemporáneas de todo o mundo, o que “permite que o público interesado saiba máis sobre a danza dunha maneira moi amena e peculiar”, engadiu Carmen Castro.

Por Carballo pasarán este mes, ademais da conferencia bailada de Toni Jodar, o espectáculo de rúa Viaxes, de Lusco e Fusco (sábado 14), e os de auditorio Vuelos de Aracaladanza (domingo 15); Hollywood, de Andrea Quintana (venres 20); Toda a beleza do mundo, de María Move (sábado 21); Now, de Lasala (venres 27); Si pudiera hablar de esto no haría esto, de Janet Novás (sábado 28) e, a maiores, o 4 de maio, o Centro Dramático Galego con Divinas Palabras Revolution estará no Pazo da Cultura.

 

Entradas e bonos

Unha das novidades deste ano é que a venda anticipada de bonos e entradas realizarase a través da billeteira electrónica www.ticketea.com, onde estarán dispoñibles uns e outras a partir do día 9, así coma no teléfono 902 044 226. Os bonos para todos os espectáculos de sala, incluído o teatral do 4 de maio, custan 21 euros (15 para posuidores/as de carné de estudante, maiores de 60 e menores de 12 anos). En canto ás entradas, para os espectáculos dos días 13, 21 e 28 custan 3€ (prezo reducido, 2€); para os dos días 20 de abril e 4 de maio, 4€ (3€), e para os dos días 15 e 27 de abril, 5€ (3,5€).

O día de cada función tamén poderán adquirirse entradas na billeteira do Pazo da Cultura desde 90 minutos antes do inicio. Os venres, as funcións empezarán ás 21.00 horas; os sábados, ás 20.30, e a familiar do domingo 15, ás 19.00 horas.

O programa completo pódese consultar aquí 

Compartir

Share on facebook
Share on twitter
Share on linkedin
Share on whatsapp
Share on email

PUBLICIDADE

PUBLICIDADE

Deixar un comentario

Subscríbete

Recibe as novas, artigos, entrevistas e contidos da Erregueté para que non perdas unha!