in

Marta Buchaca: “A comicidade nas miñas obras sempre parte da cotidianeidade”

PlayOff1 |
Marta Buchaca (Barcelona, 1979) é autora de Playoff, que este venres se presenta no Auditorio de Cangas a partir das 22.30 dentro da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo. Da súa man coñecemos algunhas das claves da súa obra e do proceso creativo deste espectáculo de La Joven Compañía.
| Vanesa Sotelo |
| Foto: David Ruano |

 

Playoff preséntase como unha traxicomedia que se sitúa no vestiario dun equipo de fútbol feminino durante o partido máis importante da súa vida. Que tipo de humor vai atopar nela o público da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas?

A comicidade nas miñas obras sempre parte da cotidianeidade. Neste caso, retrato mulleres fortes, con carácter, que se enfrontan aos seus problemas do día a día. Tamén uso o contraste entre as peronsaxes, e as súas diferentes visións de ver o mundo. Así, unha das mozas parécelle o máis normal do mundo vender as súas bragas usadas en internet, mentres que a outra parécelle unha aberración. É unha comedia que tamén pasa polo drama, xa que me gusta que cando o público está dentro da historia, rindo e cómodo, se atope cun xiro que o leve a emocionarse.

Na presentación do teu traballo que podemos atopar na plataforma Contexto Teatral explicas que che interesa contar unha historia, que te obsesiona a contemporaneidade e os personaxes que ves no día a día. Son estes tres elementos constitutivos de Playoff?

Absolutamente. En Playoff, trátanse temas actuais: desde a conciliación familiar até os instagramers, mozos que, da noite á mañá, viven de colgar a súa vida nas redes. E todos os personaxes están inspirados en xente que coñezo, en personalidades que me son familiares. E ese é un dos elementos que fan que a obra chegue ao público de maneira tan directa.

O proceso creativo de Playoff nace dun obradoiro coas actrices no que descobres o contexto machista das xeracións máis novas. Que claves pesaron nesa investigación e serviron para encamiñar a obra?

Con elas fixen, sobre todo, un traballo de personaxes. Pregunteilles que papel querían interpretar, que era o que non fixeran nunca nun escenario. Partindo dos seus desexos e do que cada unha delas me inspirou, escribín a obra. Foi un proceso máxico e moi enriquecedor xa que para min é un luxo escribir sabendo quen vai interpretar a obra. E a enerxía delas é incrible. Tomaron os ensaios moi en serio: foron a partidos de fútbol feminino e mesmo crearon un equipo co que xogan habitualmente. É magnífico.


Publicidade

La Joven Compañía é un proxecto pensado para incorporar laboralmente a novos profesionais das artes escénicas e está dirixido tanto ao público xeral como a un público mozo. Dalgún xeito, condiciona este último aspecto a maneira de escribir?

Claro que si. É unha responsabilidade moi grande saber que a túa obra a van ver miles de mozos. Co director, Jose Luis Arellano, falamos moito dos temas que podiamos tratar. E é moi interesante asistir ao debate que hai despois de cada función. Os espectadores contrastan os seus puntos de vista co equipo, e é moi interesante. De feito, máis de un nos confesou que, vendo a obra, se decatou de que estaba tendo actitudes machistas, e non era consciente diso. A obra non pretende en ningún momento dar leccións nin sentar cátedra, mais si poñer un tema como a sociedade patriarcal e o papel da muller, sobre a mesa, para que os espectadores reflexiones por eles mesmos.

En 2009 encontrámonos cun texto teu titulado Las niñas no deberían jugar al fútbol. Que comparte aquela proposta con este Playoff que se presencia case unha década despois?

Nesa obra hai unha nai que ten unha filla que xoga ao fútbol, e non o atura porque considera que é un deporte de homes. Iso é só unha anécdota que serve para definir o personaxe, pero en Playoff, é a base da obra. O deporte feminino está infravalorado se se compara co masculino. E no mundo do fútbol a desigualdade é escandalosa. A maioría das xogadoras “profesionais” non poden vivir de xogar ao fútbol.

Aínda que non coincidiches con el, en 2017 compartiches cartel con Santiago Cortegoso no Torneo de Dramaturgia do Teatro Español, en Madrid. A Mostra de Cangas acolle por segundo ano consecutivo o Torneo de Dramaturxia de Galicia. Como cres que beneficia este tipo de iniciativas á dramaturxia contemporánea?

O torneo é un evento fantástico para que o público coñeza aos nosos dramaturgos. A partir dun xogo en forma de combate faise cómplice o público, xa que é quen vota quen debe pasar ou non á seguinte ronda. Participei no de Temporada Alta en Girona e no de Madrid, e en ámbalas dúas ocasións a experiencia foi moi enriquecedora. No primeiro escribín a primeira parte de Losers, obra que se acabou estreando en Barcelona e Madrid. Para os autores é unha magnífica ocasión para obrigarse a escribir textos novos con unhas premisas moi claras e pensando na recepción do público.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Singlot18 |

Irmandade a prol do humor entre a Mostra de Teatro de Cangas e o Singlot Festival de Girona

CasaORei2 |

Comeza a XXXI edición das Noites Teatrais de Vilamarín