in

TRC Danza dá a coñecer os proxectos das Residencias Paraíso 2017

OasisParaiso |

Oasis Paraíso é un programa triple que se desenvolverá no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o sábado día 15, dentro do programa TRC Danza. Está composto por distintos traballos que foron desenvoltos durante o programa de Residencias Paraiso 2017, un programa de residencias artísticas para as artes vivas en Galicia impulsado polo Colectivo RPM co apoio do AGADIC.

A velada comeza co traballo en proceso 2419CJX de Begoña Cuquejo e María Roja. Unha proposta que explora as formas de vida actuais, particularmente no obrigado nomadismo que estas parecen abocar os corpos. Á vez, entretécese unha reflexión sobre a violencia estrutural e de xénero que subxace nos conceptos tradicionais do verbo casar e do sustantivo casa, confrontándose con ela a través do accionar disidente de dous corpos de sexo feminino en escena, ata derivar nunha tentativa por parte das actuantes de construír no espazo escénico unha sorte de casa eventual que cohabitar co público presente.

Con As vacacións máis longas Diego M. Buceta toma o relevo da noite. Igual que Allen soñaba con Rockland e cunha loga viaxe por mar ata a porta da súa casa de campo na noite de Occidente, el soña con chegar despois dunha longa travesía ata esa paisaxe rochosa onde xa non soa máis que o zoar do vento. Un saco de ósos que vaga arrastrado coma un cadáver vivo que busca elevarse ata desaparecer, mesturándose co po e as estrelas. E así deixar de ser algo. E así ser felizmente parte de todo.


Publicidade

Para rematar este programa triple Ailén Kendelman e Areta Bolado convértense en Peluda Queen e Dona Lambecricas en Barba Inguinal, un proxecto de reggaetón feminista intereseccional que nace como filla bastarda do reggaetón machista comercial. Esta proposta de música e movemento xurde da necesidade persoal e artística das creadoras de dar unha resposta á violencia patriarcal do noso contexto dende unha óptica de feminismo radical. Barba Inguinal é corpo, música e activismo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Ulises3 |

III edición do festival herDanza en Compostela

feelings |

Janet Novás estrea nova peza nos Teatros del Canal de Madrid