Lugo celebra o Día Mundial da Narración Oral co Festival Atlántica, que na súa sétima edición chega este ano por primeira vez a Lugo.
Trátase de seis espectáculos gratuítos, que terán lugar do 20 ao 23 de marzo no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), no Vello Cárcere e na Biblioteca Municipal Isidro Novo. Concretamente hai un no MIIHL para nenas e nenos de 6 meses a 3 anos, o sábado, 23 de marzo, ás 11:30 horas; cinco no Vello Cárcere para público adulto, o mércores 20 e o xoves 21, ás 20:30 horas, e o venres 22 ás 19:30 horas; e dous na biblioteca para público familiar, o mércores 20 ás 18:30 horas e o venres 22, ás 17:30 horas.
Ata estes tres espazos municipais van chegar as historias do xaponés Yoshi Hioki, do alacantino Pablo Albo e dos galegos Celso F. Sanmartín, Ángeles Goás, María da Pontragha, Raquel Queizás e Vero Rilo. Tampouco faltarán á cita contadores lucenses como Fátima Fernández e Lois Pérez.
Aínda que a entrada é libre e gratuíta, ata completar aforo, para a programación do Mihl e da Biblioteca é preciso retirar invitación nas propias instalacións da biblioteca. Poderá facerse a partir de hoxe. Estes espectáculos serán os seguintes:
- Contos de medo que dan risa, da man de Pablo Albo, o mércores 20 de marzo, ás 18:30 horas na Biblioteca Municipal Isidro Novo
- Contos para viaxar ao Xapón, dirixido por Yoshi Hioki o venres 22 de marzo, ás 17:30 horas na Biblioteca Municipal Isidro Novo
- Entre arrolos e contiños, a cargo de Bea Campos e Manuel Pombal, o sábado 23 de marzo, ás 11:30 horas no MIHL
A programación para adultos, no Vello Cárcere, é a seguinte:
- Contar, a cargo de Celso F. Sanmartín o mércores, 20 de marzo, ás 20:30 horas
- Contos do que non hai, por María da Pontragha e Nas corripas da memoria, por Lois Pérez, o xoves, 21 de marzo, a partir das 20:30 horas
- Contos populares do Xapón, con Yoshi Hioki e Lavandeiras, con Vero Rilo, o venres, 22 de marzo, ás 19:30 horas