in

O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolle hoxe a gala dos Premios María Casares

premiomariacasares |
Doce espectáculos finalistas compiten polos Premios María Casares. Commedia, de Contraproducións, conta cun total de 12 finalistas; Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, aspira a 7 galardóns, e A leituga, de Emedous, opta a facerse con 5 trofeos

 

Os XXIII Premios de Teatro María Casares celebran hoxe xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro “unha gala de época” na que se trasladará ao público a “un pasado glorioso”. Os directores da gala, Juanillo Esteban e Carlos Sante definen así o espectáculo que servirá de fío condutor da cerimonia de entrega sen querer adiantar moito máis detalles do leitmotiv coa intención de sorprender o público, tanto o congregado no Teatro Rosalía Castro da Coruña coma o que poderá seguir a gala por streaming na canle de Youtube “Premios de Teatro María Casares” nesta ligazón:

Premios María Casares

Publicidade

 

A gala contará cun espectáculo dinámico, cheo de humor e cunha mestura de xéneros que transitará entre o teatro e o circo, achegando ademais números de portes, clown, teas aéreas, corda lisa, teatro xestual ou parodia cómica. Como cada ano, os Premios María Casares conta co patrocinio de entidades e institucións como a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis.

Neste ano 2019, a AAAG encargoulle ao ilustrador David Rubín a creación do cartel dos Premios María Casares. Ademais, os galardóns abren unha nova andaina nesta vixésimo terceira edición ao substituír as tradicionais xerras de Sargadelos por un novo trofeo deseñado por Paula Pereira. A AAAG tomou a determinación deste cambio tras as decisións empresarias e as declaracións sobre a acción sindical da dirección do grupo.

 

O elenco da gala

O elenco da gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares combinará unha serie de intérpretes con gran experiencia nas disciplinas do circo con veteranos nomes da nosa escena teatral. Así, no escenario do Rosalía Castro subirán Pablo Sánchez, Vanessa Rivas, Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, Miguel Borines, Raquel Veganzones, Sue Moreno, Josito Porto, Natalia Outeiro Pajarito, Marta Iglesias, Akira Valero e Álvaro Reboredo Fiti. Ademais, Suso Montero encargarase un ano máis da escenografía da gala. Durante a mesma, o actor e dramaturgo Carlos Santiago lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e as Aulas de Teatro Universitario de Santiago e Ourense recibirán o Premio de Honra Marisa Soto.

 

Finalistas

Durante o espectáculo ideado por Juanillo Esteban e Carlos Sante, doce montaxes disputaranse os galardóns do noso teatro. Commedia, de Contraproducións, con 12 finalistas; Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, con 7 finalistas; e A leituga, de Emedous, con 5, son as obras favoritas nesta edición. Pola súa banda, Invisibles, de Redrum Teatro, e Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro, aspiran a 4 galardóns. Talía Teatro, co seu O servidor de dous amos, opta a tres, mentres que #camiños, de ButacaZero; Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, e A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos, competirán por dous galardóns. Finalmente, Arnoia, Arnoia, de Pista Catro; Contos do Recreo, de Redrum, e Patapatúm, de Elefante Elegante, competirán por un galardón.

Publicidade

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

YoshiHioki |

O Festival Atlántica chega a Lugo

EstreaOFidalgo |

‘O Fidalgo’ de San Luís Romero chega a Ames