A gala dos María Casares retransmitirase a través de Youtube

Os XXIII Premios de Teatro María Casares celebrarán este xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro da Coruña unha gala de época, dirixida por Juanillo Esteban e Carlos Sante, na que se trasladará ao público a un pasado glorioso. Para acceder á gala, cómpre invitación, mais o público poderá seguir dende a súa casa por streaming a través da canle de Youtube “Premios de Teatro María Casares” nesta ligazón:

https://www.youtube.com/channel/UCVQ2KojIGMMHk-P6lcOECaw

 

A retransmisión da gala principiará ás 20:30, a través desta canle de Youtube. Ademais, dende a portada da páxina web do Concello da Coruña (www.coruna.gal) poderase acceder tamén á retransmisión da gala. Como cada ano, os Premios María Casares contan co patrocinio de entidades e institucións como a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, a Fundación AISGE, a Fundación SGAE, o Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis.

 

O elenco da gala

O elenco da gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares combinará unha serie de intérpretes con gran experiencia nas disciplinas do circo con veteranos nomes da nosa escena teatral. Así, no escenario do Rosalía Castro subirán Pablo Sánchez, Vanessa Rivas, Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, Miguel Borines, Raquel Veganzones, Sue Moreno, Josito Porto, Natalia Outeiro Pajarito, Marta Iglesias, Akira Valero e Álvaro Reboredo Fiti. Ademais, Suso Montero encargarase un ano máis da escenografía da gala. Durante a mesma, o actor e dramaturgo Carlos Santiago lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e as Aulas de Teatro Universitario de Vigo e Ourense recibirán o Premio de Honra Marisa Soto.

 

Máis información sobre os Premios María Casares 2019

Deixar unha resposta