in

Os María Casares contarán cunha “gala de época” a través do circo e do clown

PresentacionMC2019 |

Os XXIII Premios de Teatro María Casares celebrarán este xoves 21 de marzo no Teatro Rosalía Castro unha “gala de época” na que se trasladará ao público a “un pasado glorioso”. Os directores da gala, Juanillo Esteban e Carlos Sante definiron así o espectáculo que servirá de fío condutor da cerimonia de entrega sen querer adiantar moito máis detalles do leitmotiv coa intención de sorprender o público, tanto ao congregado no Teatro Rosalía Castro da Coruña coma o que poderá seguir a gala por streaming en Youtube.

“Será un espectáculo dinámico, cheo de humor e cunha mestura de xéneros que transitará entre o teatro e o circo, achegando ademais números de portes, clown, teas aéreas, corda lisa, teatro xestual ou parodia cómica”, explicaron hoxe os directores na rolda de prensa de presentación da gala no Concello da Coruña, na que tamén participaron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento da Coruña, José Manuel Sande; Juan Rivas, presidente do Consello Territorial da SGAE, e Mabel Rivera, vicepresidenta da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)

Mabel Rivera destacou “a enorme calidade da colleita teatral de 2018, representada por doce magníficos espectáculos finalistas” que aspiran a facerse cos Premios María Casares nalgunha das súas catorce categorías. “Este é un ano de cambios, xa que será a primeira vez que non entreguemos as xerras de Sargadelos por mor das decisións empresarias que tomou o grupo e as declaracións da dirección fronte a acción sindical. Optamos nesta edición por un trofeo deseñado por Paula Pereira”, sinalou Rivera, quen tamén destacou a ausencia deste ano da TVG pola reiterada negativa do ente de emitir as galas dos María Casares nun horario razoable para audiencia pola primeira canle. “Poderemos ver igualmente os María Casares dende á casa, por streaming en Youtube a partir das 20.30 horas”, lembrou a vicepresidenta da AAAG. Finalmente, Mabel Rivera agradeceu tamén o traballo de David Rubín, que este ano asina o cartel dos Premios.

 

O elenco da gala

O elenco da gala dos XXIII Premios de Teatro María Casares combinará unha serie de intérpretes con gran experiencia nas disciplinas do circo con veteranos nomes da nosa escena teatral. Así, no escenario do Rosalía Castro subirán Pablo Sánchez, Vanessa Rivas, Eduardo Rodríguez Cunha Tatán, Miguel Borines, Raquel Veganzones, Sue Moreno, Josito Porto, Natalia Outeiro Pajarito, Marta Iglesias, Akira Valero e Álvaro Reboredo Fiti. Ademais, Suso Montero encargarase un ano máis da escenografía da gala. Durante a mesma, o actor e dramaturgo Carlos Santiago lerá o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro e as Aulas de Teatro Universitario de Vigo e Ourense recibirán o Premio de Honra Marisa Soto.


Publicidade

 

FINALISTAS

Durante o espectáculo ideado por Juanillo Esteban e Carlos Sante, doce montaxes disputaranse os galardóns do noso teatro. Commedia, de Contraproducións, con 12 finalistas; Divinas Palabras Revolution, do Centro Dramático Galego, con 7 finalistas; e A leituga, de Emedous, con 5, son as obras favoritas nesta edición. Pola súa banda, Invisibles, de Redrum Teatro, e Casa O’Rei, de Ibuprofeno Teatro, aspiran a 4 galardóns. Talía Teatro, co seu O servidor de dous amos, opta a tres, mentres que #camiños, de ButacaZero; Anatomía dunha serea, de Iria Pinheiro, e A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos, competirán por dous galardóns. Finalmente, Arnoia, Arnoia, de Pista Catro; Contos do Recreo, de Redrum, e Patapatúm, de Elefante Elegante, competirán por un galardón.

Os Premios de Teatro María Casares, organizados ininterrompidamente dende 1997 pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) contan co apoio de institucións e entidades como a Consellería de Cultura e Turismo, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), a Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, Fundación AISGE, Fundación SGAE, Padroado de Cultura do Concello de Narón e Gadis. A gala celebrarase este xoves, 21 de marzo, no Teatro Rosalía Castro. Abriranse ás portas ás 20.00 horas e, para a acceder, precísase convite. Ás 20.30 horas comezará o streaming en Youtube para seguir os María Casares.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ColonZ5 |

Convocado o XIX Premio “Rafael Dieste” de Textos Teatrais

IgorGandraOlo |

Igor Gandra comparte escenario cunha marioneta no Porto