A partir de mañá, 10 de abril, e ata o vindeiro 1 de setembro, o Museo Etnográfico de Castela e León en Zamora mostrará a exposición “Barriga Verde: de feria en feria”, encadrada no “Proxecto Barriga Verde” da Asociación Cultural Morreu o Demo.
A exposición pretende mergullar ao visitante no fantástico mundo en que naceron Barriga Verde e os seus parentes, percorrer as súas orixes, internarse nas bambolinas das barracas e teatriños e coñecer os segredos dos titiriteiros que fixeron posible a maxia destes monicreques ata a desaparición de moitos deles, “coincidindo con aquelas feiras de cando o cine e a televisión non chegaran para colonizar os nosos soños”.
Ata o 1 de setembro poderán verse alí os bonecos orixinais de José Silvent e coñecer o mundo das feiras tradicionais canda a historia e as conexións de Barriga Verde: a extensa familia de títeres europeos que son irmáns e curmáns do célebre personaxe. O heroe galego naceu a principios do s. XX, mais forma parte dunha estirpe que se prolonga alén da Prehistoria. Porén, os seus trazos máis característicos débellos ao personaxe napolitano de Pulcinella e a toda a súa descendencia, que se expandiría por Europa a partir do s. XVII.
Debémoslle á familia Silvent a popularización, na primeira metade do século XX, do personaxe de Barriga Verde, digno heredeiro de Dom Roberto e dos cristovos dos bululús galegos. Comezando por un saco de bonecos ao lombo e unha saba pendurada en calquera esquina, o espectáculo chegaría a representarse nun pavillón de madeira que tiña que realizar numerosos pases en cada feira na que recalaba. Poucos lugares de Galicia quedaron sen recibir a visita deste espectáculo, tanto na versión de feira como na de salón, na que ademáis dos bonecos os Silvent proxectaban filmes e organizaban bailes
As persoas que se acheguen ao museo poderán coñecer o títere tradicional galego máis lembrado. A exposición recupera bonecos e pezas orixinais coas que a familia Silvent levou o personaxe de Barriga Verde por festas, vilas e aldeas de toda Galicia durante medio século. Ademais, fai unha introdución ao mundo das feiras a atender aos seus valores culturais, comerciais, sociais ou gastronómicos, e repasa a evolución e as conexións internacionais do títere protagonista.