Esta fin de semana, os días 4 e 5 de maio, o público poderá ver, no Centro Cultural Vila Flor de Guimarães, dúas das máis recentes creacións de Tiago Rodrigues –actor, director, dramaturgo e actual director artístico do Teatro Nacional D. Maria II–, cuxo teatro subversivo e poético o afirmou como un dos artistas portugueses máis relevantes e acreedor do Premio Europeo Novas Realidades Teatrais. Sopro chega ao escenario do Centro Cultural Vila Flor a noite do sábado 4 de maio ás 21:30, mentres que o domingo, ás 17:00 horas, o Gran Auditorio CCVF recibe Como ela morre.
Cristina Vidal é apuntadora no Teatro Nacional D. Maria II dende hai máis de 25 anos. Como tantas outras traballadora e traballadores que fan teatro sen nunca pisar as táboas ante o público, permaneceu sempre entre bastidores. Ata que o director Tiago Rodrigues pasou a dirixir o Teatro Nacional e decidiu crear Sopro a partir da súa experiencia. A apuntadora pasou ao centro da escena.
Neste espetáculo, Cristina Vidal, gardiá dunha profesión en vías de extinción, aparece por primeira vez sobre as táboas, acompañada por cinco actores e actrices –Beatriz Brás, Isabel Abreu, João Pedro Vaz, Sofia Dias, Vítor Roriz– e centenas de fantasmas. Estreada no Festival d’Avignon, Sopro foi descrita polo diario francés Le Figaro como “unha vibrante homenaxe ao teatro e aos que o fan”. Na obra, evócanse as historias reais e de ficción dun teatro agora en ruínas.
Como ela morre é unha coprodución internacional do Teatro Nacional D. Maria II coa compañía belga tg STAN –que xa pasou por Guimarães en 2016 coa súa versión de O xardín das cerdeiras de Tchékov. Tamén é un clásico ruso o que constrúe este espectáculo: inspirado por Anna Karenina, a obra mestra de Tolstoi e polo xeito en que a novela pode cambiar a vida dos seus lectores, Como ela morre, reflexiona sobre o amor, a traizón ou a felicidade, dende a historia de dúas parellas en crise, unha portuguesa (Isabel Abreu e Pedro Gil) e outra belga (Jolente de Keersmaeker e Frank Vercruyssen) con Anna Karenina no medio. As dúas historias funcionan en paralelo, en espazos e tempos diferentes, pero están unidas pola lectura simultánea do libro no escenario, nunha apoloxía do poder da literatura..