in

Ana Romaní, Premio da MITEU de Ourense

ANA ROMANÍ |

A organización da Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense (MITEU) vén de outorgar o seu premio deste ano á xornalista, autora e académica Ana Romaní.

A Mostra de Teatro Universitario de Ourense, que celebra estes días a súa 24ª edición, distingue a aquelas persoas que apoian á cultura, á formación e ao teatro. A organización declarou que “Ana Romaní sempre foi valedora da cultura galega e desde onde estivo e está sempre axudou a unha inciativa como a MITEU”.

A acta, así mesmo, sinala que “o seu Diario cultural é un exemplo de programa amante e colaborador coa cultura do país. É unha muller que defende algo tan esencial nunha sociedade democrática como é a cultura e a liberdade de expresión. De aí o noso agredecemento e recoñecemento”.

Ana Romaní (Noia, 1962), que vén de ingresar na Academia Galega, é unha figura imprescindible do xornalismo cultural e da poesía galega actual. Á fronte do Diario Cultural da Radio Galega, promoveu o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, que desde 2006 deu lugar a máis de corenta obras de teatro radiofónico e propiciou a renovación deste xénero, ademais de proxectar a cultura galega a través das formas máis contemporáneas da linguaxe radiofónica con iniciativas como De Cantares Hoxe. Os Cantares Gallegos de Rosalía de Castro no século XXI (2013), unha antoloxía sonora con versos inéditos de trinta e seis poetas arredor de poemas de Rosalía de Castro.


Publicidade

Como creadora literaria, é unha das escritoras indispensables do discurso poético que emerxeu nas dúas últimas décadas do século XX, preocupada sempre pola recuperación, desde a perspectiva feminista, das voces invisibilizadas pola historia. No seu primeiro libro, Palabra de mar, o mundo acuático convértese en espazo simbólico. En Das últimas mareas (1994) reescribe o mito de Penélope en diálogo co célebre poema co mesmo nome de Tempo de ría (1992) de Xohana Torres, convertido en himno do feminismo cultural galego. O seu último libro ata o momento é Estremas (2010), gañador de varios premios.

Ana Romaní cultivou ademais outros xéneros, con títulos como a Antoloxía de Antón Avilés de Taramancos (2003) ou as biografías de María Mariño, Xela Arias ou Belén Feliú para o Álbum das Mulleres.

O Premio da MITEU entregarase o día 11 de maio, no Teatro Principal de Ourense, na clausura da 24ª MITEU. Nesta clausura daranse a coñecer tamén os premios do xurado, do público e de resolución técnica da edición.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

SoproTiagoRodrigues |

Dúas obras de Tiago Rodrigues en Guimarães

TheatreJaleo |

Os títeres de Redondela cumpren vinte anos