in

The Cherry Orchard

tgstancherry |

O xogo do teatro

| Manuel Xestoso |

 

tgstancherry

 

A compoñente lúdica da arte maniféstase moi especialmente no teatro. Xogamos a ser outros, a facer que facemos e, nese xogo, creamos unhas regras que tenden a un fin: atoparlle un significado a ese mesmo xogo. Gadamer explicounos que o espectador dese xogo é tamén un participante, que non pode evitar “xogar con”, mentres observa. E iso é o primeiro que vén a cabeza cando se asiste á función da compañía tg STAN: os seus compoñentes subliñan dende o principio que están a xogar a facer teatro, que a súa representación é unha impostura na que nos implican para, entre todos, dotar dun sentido á historia que representan.

Publicidade

O elenco emprega todo tipo de recursos para crebar a ilusión escénica: diríxese abertamente á audiencia, integra técnicas de slapstick, demórase en cambiar a escenografía, crea efectos especiais cuxo truco queda hilarantemente ao descuberto… E dese desbaratamento da cuarta parede, curiosamente, abrolla unha visión do clásico na que a humanidade dos personaxes se integra co argumento dun xeito novo: o vínculo entre o persoal e o social nace duns detalles que teñen a ver coa intimidade creada entre o escenario e o patio de butacas.

A trama de The Cherry Orchard é moi tenue e o seu efecto conséguese a través da combinación dos diálogos e os silencios. Tg STAN logra que a familiaridade creada entre o público e a compañía se transforme no instrumento revelador dos matices e sutilezas do texto de Chekhov. A dependencia mutua dos personaxes –o debuxo dunha sociedade insostible a partir dos pequenos dramas persoais– vai construíndo un fresco no que se expoñen os nexos entre as insuficiencias do suxeito e as da comunidade na que desenvolve a súa existencia.

Todo o que Chekhov quería que estivese, está: a decadencia da burguesía, a prefiguración da revolución, a transformación da natureza das relacións entre as persoas. E todo se mostra cunha mestura de enerxía e delicadeza que capta dende o oculto a riqueza dos caracteres, a desorientación do individuo ante os cambios sociais, a implacable gradación das clases que revela a obra.

Case nunca somos donos da nosa vida, aínda que as decisións que tomamos dirixen de xeito decisivo o lugar que ocupamos na comedia social. A este respecto, non hai que esquecer que o propio Chekhov denominou “comedia” a esta obra e que, non obstante, adoita tratarse dende un rexistro máis achegado ao dramático e o nostálxico. A montaxe de Tg STAN recupera o espírito irónico do texto orixinal e acentúa os elementos vodevilescos presentes na obra, permitindo así que o retrato duns personaxes que sofren vaia instalando na mente do espectador a idea básica de que todo estaba cambiando, de que ninguén era quen de atrapar completamente a esencia desa transformación e mais ninguén podía eludir as súas secuelas. De que aceptar o cambio e admitir a renuncia en favor do descoñecido forma parte do misterio da existencia.

Unha lección moi oportuna nestes tempos de confusión.

 

The Cherry Orchard de Anton Chekhov
Creación e interpretación: Evelien Bosmans, Evgenia Brendes, Robby Cleiren, Jolente De Keersmaeker, Lukas De Wolf, Bert Haelvoet, Minke Kruyver, Scarlet Tummers, Rosa Van Leeuwen, Stijn Van Opstal, Frank Vercruyssen
Deseño de luz: Thomas Walgrave
Vestiario: An d`Huys
Escenografía em colaboração com Damiaan De Schrijver
Equipa Técnica: Tom Van Aken, Chris Vanneste, Tim Wouters
Produción: STAN

Festivais Gil Vicente. Centro Cultural Vila Flor, Guimarães. 11 de xuño de 2016.

 

Publicidade

 

 

Publicidade
Publicidade
Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

reloxosneboa |

Os reloxos preguiceiros de Néboa

mandarim1 |

Nunca mates o mandarim