in

O mundo da danza denuncia irregularidades na última montaxe do Centro Coreográfico Galego

CCGensaio |
O manifesto asinado pola práctica totalidade do mundo da danza galega pide explicacións sobre o feito de que a primeira bailarina do espectáculo Maestro Rodrigo sexa a filla da actual directora do Centro, Mercedes Suárez, e esixe que se convoque un novo concurso público para substituíla á fronte do CCG. | M. X. |

 

A 24 horas da estrea –maña, sábado 8 de xuño no Teatro Colón da Coruña– do espectáculo Maestro Rodrigo promovido pola Agadic e a Fundación Victoria e Joaquín Rodrigo, un nutrido grupo de  profesionais da danza veñen de facer público un manifesto que denuncia múltiples irregularidades neste proxecto e a mala xestión e falta de transparencia do Centro Coreográfico Galego e da súa directora Mercedes Suárez.

O Centro Coreográfico Galego, cuxa inactividade vén sendo obxecto de malestar dende hai tempo, anunciou esta semana a estrea do espectáculo Maestro Rodrigo, despois de case tres anos sen unha produción propia. Mercedes Suárez, a actual directora do centro, foi nomeada polo Consello de Dirección da Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais) en agosto de 2010 “como a persoa que mellor se adecúa ao perfil necesario para o posto de Directora do Centro Coreográfico Galego, tras unha exhaustiva análise de todos os aspirantes, entre todas as propostas recibidas”.

O nomeamento espertou reticencias entre a profesión que, non obstante, nunca fora tan belixerante como agora con este comunicado no que se pide abertamente “a convocatoria dunha nova dirección a través de concurso público”.

No manifesto detállanse os puntos que a comunidade profesional leva trasladándolle ó director da Agadic, Jacobo Sutil, en reiteradas ocasións , relativas á situación xeral do Centro Coreográfico Galego:


Publicidade

  • A inactividade do CCG (sen producións propias nas últimas tempadas) e a inexistencia absoluta dun Plan de actuación para as artes do movemento desde o CCG, que sinale os seus obxectivos, funcións, fundamentos, estratexias, programa de actividades, plan de usos e distribución dos recursos públicos empregados, entre outros.
  • Opacidade, falta de publicidade e falta de rendición de contas na xestión do centro e na xestión económica do mesmo (150.000 euros anuais).
  • Deixación de funcións da directora no exercicio do seu cargo, que se fai evidente perante a inactividade do Centro e a falta de diálogo e de atención cara o sector profesional da danza en Galicia.
  • A existencia de incompatibilidades, non xustificadas debidamente, entre o cargo da dirección do centro de natureza pública, e o mantemento de actividades de iniciativa privada no mesmo sector de actividade da danza.
  • Programa de formación do CCG que non atende a unha realidade profesional actual.
  • Uso desaproveitado das instalacións do CCG e inactividade do persoal do CCG.

Ademais, os asinantes queren manifestar o seu malestar cara a esta produción concreta, polos seguintes temas e irregularidades, dos cales solicitan unha explicación razoada:

  • Como e baixo que criterios tivo lugar a elección do elenco.
  • Cales son as condicións laborais e económicas dos bailaríns, coreógrafo (Kenneth Tindall) e demais colaboradores.
  • Criterios que xustifican a elección de Julia Méndez, filla da actual directora, Mercedes Suárez, como bailarina principal, e motivos polos que non existe unha incompatibilidade de intereses.
  • A participación de menores de idade. Réxime de selección, contratación e traballo para os menores de idade participantes na produción.

O comunicado remata esixindo unha resposta urxente sobre a situación actual do CCG, por medio da convocatoria dunha nova dirección a través de concurso público que cumpra con todas as garantías legais e de participación.

Asinan o comunicado: Alba Fernández (Cía Exire), Alexis Fernández (La Macana), Álvaro Reboredo (Compañía IO), Ana Vallés & Baltasar Patiño (Matarile), Andrea Quintana, Ánxela Blanco, Asociación AAHPICA, Asociación Emprendo Danza, Borja Fernández, Caterina Varela (La Macana), Cristina Balboa (Funboa Escénica & Proxecto Pank), Cristina Montero, Colectivo RPM, Diego M. Buceta (Prácido Domingo), Escena Galega, Estefi Gómez (Cía Exire), Esther Latorre (Colectivo Glovo), Félix Fernández, Festival Corpo(a)terra, Fran Martínez (Prácido Domingo), Gena Baamonde, Helen Bertels, Hugo Pereira (Colectivo Glovo), Isabel Sánchez (Can Cun Quinqué, Festival Herdanza), Jaime Pablo Díaz (Nova Galega de Danza), Javier Martín, Juancho Gianzo, Laura Villanueva Sánchez, Leodán Rodríguez (La Incidente DT), Manu Lago (Galicia Danza Contemporánea), María Roja, Marta Alonso Tejada (Traspediante), Mónica García, Nuria Sotelo (Licenciada Sotelo), Paula Quintas (Traspediante), Pedro Fresneda (Cía Ensalle), Raquel Hernández (Teatro Ensalle), Rut Balbís (Pisando Ovos), Sabela Mendoza (De corpos presentes).

 

*Este artigo foi corrixido o 8 de xuño para detallar que o CCG leva “case tres anos sen unha produción propia” e non cinco, como constaba, por un erro de trancrición, no segundo parágrafo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

GEP2019 |

20 espectáculos e novas oportunidades de intercambio en Galicia Escena Pro

BellyOfTheWhale |

O festival de circo contemporáneo Vaudeville Rendez-Vous volve en xullo