in

O festival de circo contemporáneo Vaudeville Rendez-Vous volve en xullo

BellyOfTheWhale |
O Festival de Circo Contemporáneo volve a Vila Nova de Famalicão, Braga e Guimarães e inclúe, por primeira vez, o municipio de Barcelos.

 

O Festival Internacional Vaudeville Rendez-Vous –o mais influente festival de circo contemporáneo de Portugal– regresa en 2019, entre o 24 e o 27 de xullo. Unha das grandes novidades da sexta edición é a extensión, por primeira vez, ao municipio de Barcelos –alén de Vila Nova de Famalicão, Braga e Guimarães–, pasando a contemplar as catro cidades que forman o proxecto de cooperación intermunicipal Quadrilátero.

Creado e organizado por Teatro da Didascália, o evento afirma, máis unha vez, o seu compromiso de valorización e proxección do circo contemporáneo. O festival pretende dinamizar a internacionalización da cultura e dos artistas portugueses, a través das redes europeas nas que se integra –CircusNext e Circostrada.

Para celebrar a súa estrea no Festival, Barcelos recebe o primeiro espectáculo desta sexta edición. A Simple Space, dos Gravity & Other Myths –o dia 24 de xullo, ás 22:00–, é unha das seis estreas en Portugal que van marcar o evento, xa que se trata da primeira vez que o festival conta coa participación dunha compañía australiana. Sete acróbatas executan unha performance “crúa, frenética e delicada”, presentada de forma intimista. O espectáculo presentarase tamén o 26 de xullo, ás 22:00, en Guimarães.

Do Reino Unido chega a proposta de Gandini Juggling, coa peza SIGMA, que leva a Braga e Guimarães –os días 25 e 27 de xullo, ás 22:00– a combinación da danza clásica india Bharatanatyam co circo contemporáneo e a narrativa. O espectáculo xunta malabaristas indios e ingleses, unha mestura cultural que “contraria” o Brexit.

Conciliando danza, circo, teatro e performance, Joan Català, de Barcelona, presenta por primeira vez en Portugal, Pelat, proxecto que promove unha interacción única co público. A peza represéntase o día 25 de xullo, ás 19:00, en Vila Nova de Famalicão, en Guimarães, o día 26, e en Barcelos, o 27, sempre ás 19:00.

“Tres cabezas quentes celebran a liberdade cun fondo de música rock”, nun espectáculo que liga a polimórfica e multidisciplinar cultura underground do circo dos anos 60 e 70. É esta a proposta do grupo francés Cirque Exalté. O espectáculo Furieuse Tendresse estréase o día 25 de xullo, en Vila Nova de Famalicão, ás 22:00. O día 26, pode ser visto en Barcelos, ás 22:00; e o día 27, ás 19:00, en Braga.

Aínda hai que destacar, no ámbito das estreas nacionais, a danza acrobática Zoog, de Amir and Hemda, que representa o amor e o odio nunha relación así como a rutina e os altos e baixos dunha historia íntima. A estrea en Portugal está prevista para o día 25 de xullo, en Guimarães, ás 19:00. O espectáculo estará nos restantes municipios – Barcelos, día 26 ás 19:00; Braga, día 27 ás 11:00; e Vila Nova de Famalicão, día 27 ás 19:00.

Tamén na fin de semana, o grupo francés La Contrabande traerá o espectáculo Bal Trap, onde seis acróbatas “xogan un xogo con regras que non sempre deben ser seguidas”. O grupo vai estar na cidade de Braga o día 26, ás 22:00; e en Famalicão, o día 27, ás 22:00.

 

Tres coproducións en destaque

Este ano, o festival conta con tres estreas absolutas, que resultan de tres coproducións. Elvis Mendes –vencedor da primeira bolsa de creación Vaudeville Rendez-Vous, en parcería co Instituto Nacional de Artes do Circo (INAC) –, presenta A Fábrica da Mentira, o día 25 de xullo, ás 22:00, en Barcelos; a performance tamén poderá ser vista en Famalicão, o día 26, á mesma hora.

No seu eixo de Innovación Artística, o Festival Vaudeville coproduce a peza Angustus, do francés Jonathan Frau e do portugués Jorge Lix. A estrea está marcada para o día 26 de xullo, en Vila Nova de Famalicão, ás 19:00, e será presentada o día 27, en Guimarães, ás 11:00.

O festival tamén será o escenario da presentación da creación colectiva do Instituto Nacional de Artes do Circo (INAC). Con dirección de Roberto Magro, os alumnos da primeira institución de formación circense do norte do país presentan a súa creación Before The Rain, o día 25 de xullo, ás 22:00, en Guimarães. O día 27 de xullo, ás 22:00, poderá ser visto en Braga.

 


Publicidade

Unha barriga de balea como escenario de acrobacias

Unha plataforma de madeira transfórmase nunha catapulta, nun berce de balanzo suave, nun túnel ou nun tobogán onde os intérpretes do Belly of the Whale “surfean” nun balancín xigante semicircular. O espectáculo da compañía inglesa Ockham’s Razor trae até á cidade de Braga e de Famalicão – día 25 de xullo, ás 19:00, e día 27, ás 11:00, respectivamente–, a cuestión “que ocorre cando nos confrontamos co nosos medos”?

 

Propostas portuguesas “beben té” nun “belo día”

Catro amigas e mais unha que non chega beben té nun ambiente pouco pacífico. É así que o grupo Coração nas Mãos presenta a súa peza Chá das Cinco, o día 25 de xullo, ás 19:00, no municipio de Barcelos. O espectáculo pode ser visto, tamén, o día 26, en Braga, e 27, en Guimarães, ás mesma hora. A segunda proposta –Um belo dia– é da compañía portuguesa Dulce Duca, un espectáculo sen narrativa, baseado nas memorias do autor, que coloca a artista no centro do escenario a representar emocións. A peza vai ser presentada en Barcelos, o día 27 de xullo, ás 11:00.

 

Actividades paralelas aos espectáculos

Dirixido a estudantes e profesionais de artes performativas, o Laboratório de Criação para Circo Contemporâneo –orientado polo reputado director circense Roberto Magro– axudará a desmontar algúns prexuízos asociados á creación circense. O obradoiro desenvolverase entre os días 22 e 24 de xullo, das 9:00 ás 11:00, no INAC, en Vila Nova de Famalicão. Para toda a familia, o Vaudeville propón nas catro cidades a participación en tres talleres dedicados á acrobacia aérea, manipulación de obxectos e equilibrio, onde será posíble experimentar algúns dos movementos asociados ao circo contemporáneo.

 

Debate sobre a cooperación artística e showcase

Pensar a estruturación de unha rede nacional forte que se proxecte coherentemente e de forma articulada a nivel internacional. Este é o tema do debate “Redes de cooperação artística, do micro ao macro”, promovido polo Vaudeville Rendez-Vous, o día 27 de xullo, ás 16:00, en Vila Nova de Famalicão.

Como nas edicións anteriores, o festival volve a apostar nun showcase –o día 26 de xullo, ás 11:00, no Theatro Gil Vicente, en Barcelos– que lle permite aos creadores emerxentes presentar os seus proxectos aos programadores presentes no Vaudeville Rendez-Vous.

 

O Vaudeville Rendez-Vous –recoñecido polo xuri internacional do Europe For Festivals/Festivals For Europe, co selo EFFE Label 2019-2020– ten como misión a sensibilización da comunidade para as artes circenses e a formación de novos públicos. A última edición do que é considerado o mais influente festival de circo contemporáneo do país reuniu máis de 15 mil persoas en Braga, Guimarães e Vila Nova de Famalicão e contou con máis de 60 artistas portugueses e internacionais.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CCGensaio |

O mundo da danza denuncia irregularidades na última montaxe do Centro Coreográfico Galego

Crimenytelon |

O FIOT de Carballo recibe o galardón Galego do Ano do Padroado Fogar de Bergantiños.