in

20 espectáculos e novas oportunidades de intercambio en Galicia Escena Pro

GEP2019 |
Este ano amplíanse oportunidades de intercambio entre os acreditados, para os que se organiza tamén unha nova sesión de pitching durante a que se lles avanzará en primicia 10 proxectos nos que están a traballar outras tantas compañías galegas.

 

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, avanzou este mediodía as principais novidades da sétima edición do mercado Galicia Escena PRO, que terá lugar desde o vindeiro luns 10 ao xoves 13 en diferentes espazos de Santiago de Compostela. Máis de 150 axentes culturais chegados desde diferentes puntos de Galicia e do resto de España daranse cita neste evento, que por vez primeira se leva a cabo baixo a organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a asociación empresarial Escena Galega.

O programa deste ano articúlase arredor da exhibición dos 20 espectáculos en cartel, entre os que se atopan dúas estreas absolutas e outras dúas montaxes de teatro de rúa, e unha programación exclusivamente profesional que inclúe unha sesión de pitching de proxectos e varios momentos pensados especificamente para favorecer o networking, como os novos Cafescena e Noitescena PRO.

 

Favorecer a interrelación

Unha das novidades desta edición será a inclusión da figura do “facilitador”, papel que será exercido por Juan Rodríguez, de Escena Galega. Coa incorporación desta figura, xa existente noutras feiras sectoriais, búscase dinamizar a interrelación entre os programadores de teatros, auditorios e festivais convidados e os representantes de compañías e empresas distribuidoras. O facilitador coordinará as axendas de reunións dende o Centro Obra Social Abanca, espazo onde se establecerá desde o luns a oficina e a recepción dos profesionais acreditados.

Deste xeito, incídese no obxectivo prioritario deste encontro, que está deseñado para dinamizar o sector escénico e servir de escaparate cara á compra-venda de producións galegas de teatro e danza. Con este mesmo fin, aos xa habituais aperitivos na Fundación SGAE, súmanse este ano novas accións destinadas a propiciar as conversas e o intercambio profesional. É o caso dos Cafescena que se servirán de martes a xoves, ás 16:00 no Hotel Costa Vella, e durante os que se abordarán cuestións que lle afectan directamente ao sector, como os protocolos na exhibición teatral para a infancia e a xuventude, distintas experiencias na programación e circulación escénica e a implicación das asociacións na xestión de feiras e festivais. Outros dos puntos de encontro serán a Biblioteca Anxel Casal, onde o xoves pola mañá terá lugar a mesa de traballo Cara a unha escena plural, e a Sala Riquela coas Noitescena PRO, como peche das tres primeiras xornadas do mercado.


Publicidade

Os devanditos espazos súmanse aos catro que este ano repiten como escenarios da programación de espectáculos: Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal. Neles representaranse as 20 montaxes en cartel, das que 17 son galegas e foron seleccionadas por unha comisión artística nomeada por Escena Galega. As tres restantes chegan desde Madrid, Cantabria e País Vascodentro das vías de intercambio abertas con MADferia e co proxecto Camiño Escena Norte.

Teatro nas prazas 

Como en anos anteriores, o público terá a oportunidade de gozar destas propostas de xeito gratuíto, en función das butacas dispoñibles en cada caso e previo paso polo correspondente despacho de billetes. Ademais, este ano Galicia Escena PRO farase sentir nas rúas de Compostela coa representación de OhLimpiadas!, da compañía galega Sincronacidas, na praza de Cervantes, e de Femmes, da vasca Hortzmuga Teatroa, na Quintana.

Destacan tamén na carteleira desta sétima edición dúas estreas absolutas: Circopeta, espectáculo de teatro musical para público infantil de Odaiko, e Evolution, proposta de Alfredo Muíño e a súa Compañía N+1, na que se mestura circo, teatro e danza. Ademais, este programa reflicte claramente as pautas de selección marcadas polo comité de Escena Galega no sentido de procurar un equilibrio de linguaxes, poéticas e formatos, ademais dunha participación compensada entre compañías de longa traxectoria e de recente creación, abríndolle ás portas a formacións non programadas en anteriores edicións do mercado. Sobresae igualmente a presenza de mulleres en diferentes responsabilidades artísticas e a profesionalidade na xeración dos proxectos e nos procesos de produción das compañías seleccionadas.

A partir deste luns poderán verse en Santiago nove títulos para público adulto (Liberto de Marelas Producións, Despois das ondas de ButacaZero, Dúas donas que bailan de Teatro do Atlántico, O empapelado amarelo de A Quinta do Cuadrante, Idiota de Redrum Teatro, Bernarda de Malasombra Producións e A compañeira de piso de Contraproducións, xunto coa devandita estrea de Compañía N+1 e o espectáculo Réquiem, da madrileña Rotura Producciones), cinco para público infantil e familiar (Mai Mai de Baobab Teatro, Ummm!!! Unha comedia muiscal para chupar os dedos! de Avento Producións Teatrais, A toupiña que quería saber quen lle fixera iso na cabeza de A Xanela do Maxín, a estrea de Circopeta e El inolvidable viaje de Nana, da compañía cántabra Café de las Artes Teatro), catro de novas linguaxes (A Gala de Licenciada Sotelo, Deixa de tocala, Sam de AveLina Pérez & Velpister, As vacacións máis longas de Diego M. Buceta e Pink Unicorns de La Macana) e as dúas montaxes de rúa de Sincronacidas e Hortzmuga Teatroa.

Os espectáculos galegos programados foron elixidos entre 59 propostas recibidas, mentres que na sesión de presentacións en formato pitching que terá lugar o xoves exporanse 10 dos 29 proxectos presentados: C’est pas Possible! de Sempre Arriba, Carabela de Galeatro, Clausura do amor de Cámara Negra Teatro, Dreaming Juliet de Elefante Elegante, Illas desertas de ArtesaCía, Lixo de O Baúl da Tía Tola, Nun cuarto da rotonda de Acusmaser Opus, O mel non caduca de Ibuprofeno Teatro, Os nenos da varíola de Pérez&Fernández e Todas as marabillas do mundo de Producións Dispersas e Voa, voa! de Talía Teatro. Neste caso, os programadores acreditados terán a oportunidade de coñecer de primeira man un adianto do que están a preparar as compañías galegas cara á vindeira temporada escénica.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

theater 1477670 1280 |

I Premio Platta de Teatro Breve – Portugal 2019

CCGensaio |

O mundo da danza denuncia irregularidades na última montaxe do Centro Coreográfico Galego