in ,

Ancorados: unha homenaxe teatral a Gustavo Pernas

|
O pasado domingo, os grupos de teatro amador pertencentes á Asociación de Centros Culturais e Deportivos de Vigo renderon unha emocionante homenaxe ao actor e dramaturgo Gustavo Pernas.
| Vanesa M. Sotelo |

 

Compartir é unha forma de facer vivir. Coa vontade de compartir e facer vivir a memoria no corazón, os grupos de teatro afeccionado pertencentes á Asociación de Centros Culturais e Deportivos de Vigo renderon unha emocionante homenaxe ao actor e dramaturgo Gustavo Pernas Cora co espectáculo Ancorados. O acto, que tivo lugar o domingo 9 de xuño no Centro Cultural Helios de Bembrive, ofreceu non só un percorrido ecléctico por diferentes pezas dun dos destacados dramaturgos galegos senón que tamén permitiu sentir a súa voz e as dos seus personaxes en corpo e alma.

Ancorados é o quinto espectáculo conxunto realizado dentro dunha iniciativa que desde o 2015 impulsan grupos de teatro amador de Vigo coa intención de contribuír ao seu intercambio e a divulgar o teatro galego. O proxecto, que comezou sendo unha mostra conxunta de micropezas variadas, transformouse co tempo nun desafío colectivo que medra cada ano. Así, en 2016 o proxecto tivo a figura de Castelao como fío condutor na proposta Sentindo a Castelao, mentres que en 2017 Xogando contos feridos foi o traballo que brindaba homenaxe a Carlos Casares no ano no que se lle dedicaba o Día das Letras Galegas. Despois da escolla en 2018 de Un hotel de primeira sobre o río para celebrar o teatro de Xohana Torres, o dramaturgo Gustavo Pernas foi o autor elixido neste 2019. “Este proxecto nace para facer presente o teatro amador en Vigo. Levamos varios anos traballando e dedicando este pequeno esforzo a creadoras e creadores que nos inspiran. Este ano, cando nos reunimos para decidir entre todos os grupos a quen iamos escoller, todos os camiños nos levaban a Gustavo. Por unanimidade decidimos que este sería o ano de Gustavo e con todo o noso amor queremos dedicarllo porque nos deixou Ancorados”, explica a directora do grupo Tarantela de Beade, Rocío Salgado, quen amosou o seu agradecemento á familia por “acoller o proceso tan agarimosamente”.

Ancorados é un espectáculo formado por diferentes pezas da extensa obra de Pernas Cora, que foron organizadas da máis antiga á máis recente. Así, o grupo de teatro de Rueiro do C.C.R. Coia foi o encargado de levar a escena O galego, a mulata e o negro, mentres que Fábula foi unha peza que compartiron sobre as táboas o grupo de teatro Escoitade do C.V.C de Valadares e Porta Aberta. Precisamente, este último, foi o encargado de presentar tamén o monólogo Anatomía dun hipocondríaco e Que sería de nós sen os obreiros! Pola súa banda, Helios Teatro da S.C.D.R. de Bembrive representou un fragmento de Final de película mentres que o grupo Tarantela do C.S.C.R. de Beade deu voz a Isóbaras, obra gañadora do Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais en 2012. De igual modo, o grupo de teatro da S.C.D Atlántida de Matamá foi o encargado de conectar os diferentes mundos de Pernas Cora sempre abertos á contemplación do ser humano a partir de fragmentos de Colgados e Paso de cebra. “Para nós é un orgullo e un pracer honrar a través do teatro a figura de Gustavo Pernas e crear, desde o traballo colectivo, un encontro necesario e tan cheo emoción”, aseguran conxuntamente os integrantes de Atlántida.


Publicidade

“Gustavo Pernas é unha desas persoas que non merece unha homenaxe porque é tan grande e inmenso que merece que o teñamos presente cada día, en cada ensaio, en cada función, en cada creación”, afirma Pablo Fernández, director de Porta Aberta. “O seu labor polo teatro está no amor e na paixón que espertaba coa maxia das súas palabras. Esa maxia é a que nos une a todas as persoas tolas que nos reunimos nas táboas de Bembrive para facer aparecer a alma e o corazón do noso compañeiro e ben querido amigo”, conclúe.

O homesoga, o galego, a mulata, o negro… Así ata 24 personaxes se deron cita en Bembrive para agradecerlle ao autor a súa creación nun acto que rematou coa emocionante intervención de Ánxela G. Abalo, actriz e compañeira de Gustavo Pernas, con quen fundou Ancora Producións. Á beira do seu fillo, o tamén actor, Muriel Pernas e baixo a cálida mirada do auditorio repleto, Abalo agradeceu “a convocatoria tan amorosa que nos fixeron os grupos de teatro amador de Vigo” para ficar ancorados con Gustavo “a través das súas personaxes complexas, dos seus espazos fronteirizos onde nada é o que parece e para sobrevoar os temas e preocupacións que guiaron a súa obra”. Acompañados da familia sanguínea e teatral, o acto rematou co agasallo a cada un dos seis grupos participantes de 36 personaxes e un can, o último libro de Gustavo Pernas: un texto lúcido para quen desexe afondar na arte da interpretación co que mostraba o seu bo facer non só como creador senón tamén como mestre.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

teatroprincipalcompostela |

V Mostra de Teatro nos Centros Cívicos de Compostela

ninguennaceaprendidoCDG |

O Centro Dramático Galego ofrece cinco obradoiros sobre distintas disciplinas