O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) será o escenario da estrea absoluta, o vindeiro 18 de outubro, de Chicas y chicos, versión en castelán da última obra de Dennis Kelly, unha produción de El Sol de York que se presentará logo, en novembro, en Madrid.
Chicas y chicos, é un unipersoal feminino escrito polo multipremiado Dennis Kelly (autor da serie de culto Utopía e da versión do musical Mathilda) e que se estreou en Londres, no Royal Court, protagonizada por Carey Mulligan [na foto]. Está dirixido pola gañadora do premio Ojo Crítico deste ano, Lucía Miranda, e protagonizado por Antonia Paso. Ambas lideran un equipo maioritariamente feminino que aborda un texto feminista e incluínte, conmovedor e duro á vez sobre as mulleres, a violencia machista e o seu efecto sobre os fillos.
Dende a produtora advirten que “aínda que non é unha comedia, Chicas y Chicos non está exenta de humor. A protagonista é unha muller divertida, e calquera pode recoñecerse nas escenas cos seus fillos Elena e Dani cun sorriso de complicidade. Pero alén diso, formula preguntas que a sociedade está a facerse ou debería facerse. Preguntas sobre a masculinidade e a violencia, sobre que significa ser unha muller de éxito e o prezo que se paga por selo, e sobre as consecuencias nos menores dunha realidade que se repite sen que sexamos quen de encontrar unha saída. Non é unha función oportunista. É unha función oportuna.”
Gañadora do premio Ojo Crítico de RNE e directora dun dos proxectos dramáticos máis relevantes da nosa xeración, Lucía Miranda compaxina o seu Cross Border Project con este texto, motivada pola potencia do que conta: “Cando lin o texto era como lerme a min mesma. É unha obra que fala de algo do que se falou moito, pero dun xeito moi diferente. En que armario se colocan as lembranzas que non serven para seguir vivindo?“
Antonia Paso, despois de traballar con Gerardo Vera e Juan Echanove en Los Hermanos Karamazov e Los sueños de Quevedo, e con El viaje, a segunda parte da exitosa Las crónicas de Peter Sanchidrián de José Padilla, Antonia Paso atrévese co seu primeiro unipersoal e encarna un personaxe sen nome: “Chámase Ella porque podería ser calquera. Por iso toca tanto. Por iso conmove. E non deixa de ser unha muller normal: divertida, nai, traballadora… pero a súa historia podería ser a historia de todos, da nosa sociedade, das súas luces e as súas sombras.”