in

Sopro

Sopro09 |

O alento e o sopro

| Vanesa M. Sotelo |
| Foto: Filipe Ferreira |

 

“Tenho em mim o sopro? Tenho? Mas quem é esse que tem? Quem é que fala por mim?” Este fragmento da novela Um sopro de vida de Clarice Lispector podería resumir a intrigante presenza que protagoniza Sopro, produción do Teatro Nacional Dona Maria II que fora estreada en 2017 no Festival de Avignon. O director Tiago Rodrigues toma os corenta anos de traballo como apuntadora de Cristina Vidal para render homenaxe á memoria do teatro desde este oficio teatral en vías de extinción e faino desvelando a fronteira invisible que existe entre a realidade e a ficción nun satisfactorio xogo de espellos escénicos e de convencións teatrais.

Sopro presenta un punto de partida simple e a súa sinxeleza marca unha convención básica da que dependerá a nosa vontade de acceder ao seu mundo: a orquestración de réplicas en diferido para narrar a peripecia dun director de escena que tras un problemas nos ensaios lle propón á súa apuntadora facer un espectáculo sobre ela e con ela en escena. De aí nace o distanciamento para aproximarnos ao corazón e, sobre todo, aos pulmóns do teatro traendo ao primeiro plano a figura habitualmente invisible e inaudible da apuntadora.

No percorrido histórico que ofrece, Rodrigues selecciona fragmentos de diversas pezas teatrais –desde Racine a António Patrício, pasando por Chejov- que conviven coas memorias sobre actores reais, así como a propia experiencia das integrantes do elenco que, rebautizadas segundo o nome dos personaxes cos que Cristina Vidal os coñeceu, pasan a converterse en portadores da palabra para achegar a memoria, ás veces ficcionada, tanto da apuntadora como do propio teatro.

Dentro dunha proposta marcadamente discursiva e referencial que se dilata sen perder efectividade a golpe de desculpa, Rodrigues realiza un repaso polas diferentes tipoloxías actorais e ofrece un sutil exercicio de estilo que contribúe a explorar as lindes entre realidade e ficción, entre memoria e historia, entre o texto e a súa encarnación. Exemplo disto é a escena que ten lugar entre o personaxe da directora do teatro e o seu médico que, na realidade é unha escena entre a propia directora –que tamén é actriz- e o seu amante –que é actor- e na que a apuntadora non pode intervir nin variar baixo ningún concepto porque, despois de todo, a súa función é a de velar polas réplicas. O resultado é un xogo de reflexos entre realidades, unha especie de carambola na que se dan cita a inspiración do autor, o sopro da apuntadora, a respiración do intérprete e o alento do personaxe.

Mesturando textos teatrais que atravesan a vida e memorias de vida que atravesan o teatro, Rodrigues asina unha dramaturxia persuasiva orquestrada desde unha respiración coral e que varía a ritmo de repeticións e desdobramentos. Nela é posible sentir o eco de voces alentadas hai séculos e que perduran escritas no vento pero tamén é posible descubrir a forma na que o aire se corta nos pulmóns de personaxes recentes sen que a a apuntadora –entre o real e o teatral- poida insuflar neles un sopro de vida. Despois de todo, a súa labor é a de velar polas réplicas, soprar os pensamentos que outros alentan.


Publicidade

Entre o amor e o abandono, Sopro trasládanos a un metafórico teatro en ruínas que se resiste a desaparecer dentro dunha peza repleta de despedidas. “Por que temos que falar do final das cousas antes de que estas acaben?” Dialogan a apuntadora e o director do seu teatro. “Por que non podemos amar as cousas mentres aínda existen?” Talvez Sopro, na súa sinxela complexidade, trate unicamente diso: dunha fonda declaración de amor ao traballo concreto sobre o efémero e de servir de documento falado para compartir desde a práctica escénica a memoria viva do teatro.

 

Sopro, de Tiago Rodrigues

Dirección: Tiago Rodrigues
Elenco: Beatriz Brás, Cristina Vidal, Isabel Abreu, Romeu Costa, Sofia Dias, Vítor Roriz.
Escenografía e deseño de luz: Thomas Walgrave
Figurinos: Aldina Jesus
Sonoplastia e dirección de son: Pedro Costa
Produción: TNDMII
Co-produción: ExtraPôle Provence-Alpes-Côte d’Azur, Festival d’Avignon, Théâtre de la Bastille, La Criée Théâtre National de Marseille, Le Parvis Scène Nationae Tarbes Pyrénées, Festival Terres de Paroles Seine-Maritime-Normandie, Théâtre Garonne Scène Européenne, Teatro Viriato.

Teatro Nacional São João, 19 de xuño de 2019.

Vanesa M. Sotelo

Vanesa M. Sotelo

Actriz, dramaturga, directora teatral e crítica teatral. Destacan as súas obras Campo de covardes, coa que obtivo o VI Premio Abrente de Textos Teatrales; Nome:Bonita, dentro do III Programa de Desarrollo de Dramaturgias Actuales del INAEM e El retrato de la sibila, proxecto dramatúrxico internacional 365 Women a Year. Foi directora da Erregueté dende 2016 ata 2020.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

GirlsBoysCareyMulligan |

O FIOT de Carballo estreará a versión castelá de ‘Girls & Boys’ de Dennis Kelly

Romeirosdocaracol |

Teatro de rúa nas Festas de Ourense