in

Teatro de rúa nas Festas de Ourense

Romeirosdocaracol |
A programación das Festas de Ourense aposta polo teatro de rúa, con doce funcións que dende hoxe e ata o día 29 achegarán ao público da cidade sete espectáculos. Todas as funcións serán na Alameda do Bispo Cesáreo.

 

O programa ábrese hoxe, día 24, ás 12:00 e ás 20:00, coa compañía Duelirium e a súa obra O que queda por chover, un espectáculo que fala do paso do tempo de dúas mulleres: a infancia, a adolescencia, a madurez son puntos polos que transcorre esta simpática e positiva historia. Espectáculo dinámico e visual. Trapecio, pirámide, corda, acrobalance ou clown, como técnicas circenses.

Mañá, martes 25, ás 12:00 e ás 20:00, o mago Kayto, de Madrid, presentará Alokayto, un espectáculo de maxia, clown e globoflexia para toda a familia. Un show moi participativo no que o mago Kayto interactúa coa cativada facendo que sexa a verdadeira protagonista do espectáculo.

O mércores 26, ás 12:00 e ás 20:00, Francis Zafrilla (Castela A Mancha) transformarase en Mr. Happy, un show que reúne multitude de disciplinas como a música en directo, malabares, ventriloquia e maxia. Disciplinas que Mr. Happy non domina nin por casualidade! Pero polo menos inténtao, creando situacións disparatadas e xerando unha comedia familiar diferente.

O xoves 27, Vueltos de Rosca representarán Totum revolutum ás 12:00 e ás 20:00, unha disparatada viaxe autobiográfica a través das diferentes modalidades de circo, na que dous excéntricos personaxes chegarán a amosarnos un novo estilo: o circo contemporáneo na rúa.


Publicidade

O venres 28, a compañía catalá Infoncundibles traerá Que raro, verdade?, un espectáculo que, a partir do humor, pregúntase sobre o que é raro e o que non. Moi normal non é dedicarse ao circo, e menos aínda que dous irmáns se compenetren para realizar xogos de malabares do máis complexo. Non é normal complicarse a vida de certo xeito para pasar un vaso de auga dun sitio a outro. Talvez e circo contemporáneo, ao que se lle dá un repaso de arriba a abaixo, non sexa precisamente o máis normal do mundo. Ás 12:00 e ás 20:00.

O sábado 29, ás 12:00, é a quenda de Dona Barriga Verde, espectáculo de Larraitz Producións Artísticas que supón unha actualización das formas e dos xeitos do clásico personaxe dos monicreques de cachiporra, achegando unha protagonista feminina que, sen perder os gags clásicos, fomenta novas visións aos roles de xénero e aos estereotipos dos monicreques.

Finalmente, ese mesmo día 29, ás 20:00, Inacio Vilariño presentará Os romeiros do caracol: os irmáns Quintá percorren o camiño de volta de San Andrés de Teixido á súa casa despois de cumprir a ofrenda que lle prometeran ao seu defunto avó de levalo a San Andrés en forma de caracol, xa que non fora de vivo. A sabendas de que o camiño ía ser lento viaxan nunha caravana-caracol que tamén serve de teatriño de títeres co que contan as historias e cancións que viron e escoitaron en San Andrés.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Sopro09 |

Sopro

Raclette71 |

Unha versión francesa de ‘Raclette’, de Santiago Cortegoso, preséntase no Off Avignon