A editorial Kalandraka anuncia para o vindeiro mes de xullo a saída ao mercado de Citizen, da compañía Chévere. Será o cuarto volume da Biblioteca de Teatro, que xa publicou anteriormente Río Bravo, Annus horribilis e outros musicais e Eroski Paraíso.
Citizen inspírase no filme Citizen Kane, de Orson Welles, para contar a historia de A. O., un empresario galego do téxtil que dende os anos 80 amasou unha gran fortuna. Teatro documental, performance, comedia e audiovisual que se pregunta onde empeza a realidade e onde remata a ficción.
A Biblioteca de Teatro da Editorial Kalandraka iniciouse con estas tres obras de Chévere e pretende documentar o teatro “feito a pé de escenario”, como precisa a compañía, da que é posible ir descubrindo “como transforma o texto cun imaxinario propio e intransferible” forxando un estilo xenuíno que se caracteriza polo “ton irreverente e canalla” das súas producións. A colección comezou a publicarse coa celebración dos 30 anos de Chévere e pretende documentar toda a súa obra.
Tanto Río Bravo como Eroski Paraíso gañaron senllos premios na Gala do Libro Galego na categoría de Teatro: a primeira en 2018 e a segunda este mesmo ano.
Chévere é unha compañía con 30 anos de traxectoria, que soubo manter con naturalidade unha proposta tan irreverente como xenuína e un sólido compromiso social, político e cultural. No ano 2014, o traballo da compañía foi recoñecido co Premio Nacional de Teatro.
Dende a súa creación, a compañía actuou en centos de vilas e cidades de toda Galicia, España, Portugal e outros países europeos, latinoamericanos e africanos. Ao longo dos anos, conservou un núcleo artístico estable (Miguel de Lira, Xron, Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés) ao tempo que incorporaba a numerosos profesionais de distintas procedencias xeográficas, xeracionais e creativas.
No 2015, a compañía púxo en marcha a Berberecheira, unha iniciativa de custodia do territorio teatral, un espazo para sementar proxectos escénicos de xestión colectiva, un laboratorio de creación sustentado en redes estables de cooperación, un lugar de encontro e diálogo entre creadores, públicos e outros agentes sociais e culturais. Este mesmo ano, Chévere presentou un volume que recolle os tres proxectos “sementados” ata o de agora na Berberecheira.
O vindeiro 25 de xullo, no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, Chévere estreará o seu novo espectáculo, Curva España.