O futuro é agora
| Ana Abad de Larriva |
| Foto: César Lucas Abreu |
Pasamos unha parte considerable da nosa existencia pensando, soñando, elucubrando, preocupándonos polo noso futuro. Hai, ademais, determinadas etapas que son máis proclives a que nos formulemos ––ou nos expresen–– esa cuestión, xa dende o típico “que queres ser de maior?” ata as diferentes crises vitais, de menor ou maior envergadura, polas que podemos pasar. E se nos desen só sesenta minutos para aclararnos e responder a esa pregunta: “que queres para o teu futuro?”. Ese foi o reto que se formulou ás actrices en Generación Why, da compañía Teatro en Vilo, encargada de clausurar a 36ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. A peza, posdramática e cunha gran dose de comedia, facendo honor ao nome e concepción da mostra, puxo o peche ao grande e deixou moi bo sabor de boca ––ou a boca seca, de tanto rir, depende de como se mire. Porén, o riso viña sazonado co punto xusto de crueza e amargor.
A xeración Y, tamén chamada a do milenio, é, segundo os demógrafos e demógrafas, aquela en que se encadran as e os nacidos, aproximadamente, entre comezos dos anos 80 e mediados dos 90 e é na que se sitúan as catro integrantes da compañía. As lembranzas e temores desta xeración de persoas “idealistas, soñadoras, impacientes, perdidas, ansiosas, abafadas pola altura dos seus soños e expectativas…”, personalizadas nos das tres actrices, son o elemento de partida da peza. Porén, o éxito desta radica na capacidade da directora —tamén actriz— e das actrices, que crearon a peza de xeito colaborativo, para ampliar a conexión, non só coas e cos que nos situamos nesa xeración, senón con espectadores e espectadoras de diferentes idades e características.
As actrices son: a galega Noemí Rodríguez, peza fixa da compañía xunto coa directora e tamén actriz Andrea Jiménez, que é de Madrid; e Chiara Goldsmith (Reino Unido/Italia) e Roisin O’Mahony (Reino Unido/Irlanda), do dúo cómico Roisin and Chiara, como actrices asociadas. Foi a voz en off de Andrea, en directo mais fóra de escena, quen as presentou e, dende a súa entrada, desbordaron presenza, enerxía e unha grandísima complicidade directa cos espectadores e espectadoras. As simpáticas alusións a Galicia por parte de Noemí e grande habelencia das tres para desenvolverse no plano cómico, especialmente no caso de Noemí e Chiara, así como a súa facilidade para pasar da comedia á acidez, fortaleceron aínda máis esa conexión coas persoas asistentes. Tamén resultaban interesantes e daban lugar a simpáticos momentos a convivencia e o cambio das linguas empregadas, castelán, galego, italiano e inglés, así como os diferentes xogos metateatrais.
Despois da benvida de Andrea ao público e da presentación das actrices, fíxose un breve percorrido polo pasado musical dos millennials, mediante un popurrí de cancións dos anos 80 e 90, mais tiveron bo tino en escoller aquelas que tamén establecían lazos con outras xeracións anteriores, como no caso de “Under Pressure”, cantada por Queen e David Bowie, ou “Barcelona”, símbolo das Olimpíadas do 92 (xunto con Cobi), interpretada por Mercury e Montserrat Caballé, ou que tiveran un amplo alcance na poboación xeral, como foi o caso de “Chorando se foi” (“A lambada”), pasando tamén por fenómenos máis infantís da época, como a banda sonora de Aladdin, ou temas que acompañaron a pre/adolescencia de moitos millennials de diferentes anos de nacemento, como “Smells Like Teen Spirit”, de Nirvana, “Everybody (Backstreet’s Back)”, dos Backstreet Boys, ou “My Heart Will Go On”, cantado por Celine Dion, da banda sonora de Titanic.
Porén, ese momento nostálxico, en que as cancións e as lembranzas das actrices actuaron como catalizadores da memoria do público, foi só o quecemento, como indicou Andrea. O prato forte na peza era o futuro, a busca dunha aclaración sobre futuro. Despois de todo o que aconteceu dende os anos 90 e o cambio de milenio, e nun momento en que se di que nos próximos vinte anos se van producir máis cambios que nos últimos 2.000, se non sabemos que vai pasar co noso futuro, a pesar do fácil que se volveu acceder a predicións de todo tipo, polo menos, cabe preguntarnos que é o que nós agardamos do noso futuro. Dende esa premisa, a directora lanza o reto ás actrices; teñen sesenta minutos para responder a esa cuestión: “que queres para o teu futuro?”.
Tras un percorrido polos medos e temores que presentaron as actrices en escena, propios ou xeracionais, arredor de cuestións como o paso do tempo, as presións por ser muller na trintena na sociedade actual, as dificultades ás que se pode enfrontar unha actriz… a partir de recursos como o simulacro, a parodia e a esaxeración, así como o tránsito do riso abondoso ao sorriso frío de cando algo toca a fibra sensible… o foco moveuse para poñerse no presente; xa non no pasado nin no futuro. O agora é o que constrúe o futuro e o único xeito de cambiar o futuro é coller as rendas do presente. O máis valente é, como dicía Andrea, “atreverse a mirar e ser mirado”, pero sen filtros, sen máscaras, e saltar ao baleiro cada día, en cada oportunidade, cada vez. Expoñerse, espirse emocionalmente, coller a posibilidade que xorde en calquera momento para permitirnos reescribir o pasado, como aconteceu ao final da peza con Roisin e a representación do seu, ata entón, monólogo frustrado de Xulieta. E ese atrevemento a saltar de novo en Cangas, despois de que gañasen en 2016 o Premio do Público da 33ª edición da Mostra con Interrupted, granxeoulles este ano a atención e complicidade dos 582 espectadores e espectadoras durante toda a peza e unha entregada ovación ao remate da mesma, pechando tamén con ela esta 36ª edición da MITCFC.
Generación Why, de Teatro en Vilo.
Dirección: Andrea Jiménez García.
Intérpretes: Noemi Rodríguez Fernández (Galicia), Chiara Goldsmith (Reino Unido/Italia), Roisin O’Mahony (Reino Unido/Irlanda), Andrea Jiménez García (Madrid).
Dramaturxia: Creación Colectiva de Teatro En Vilo.
Deseño de Luces: J. Miguel Ruz.
Espazo escénico: María José Martínez, María Gil de Bustamante.
Fotografía: Álvaro Serrano Sierra, Ariana Cárdenas, Pablo Blanco.
Produción: Teatro En Vilo.
Distribución: Proversus.
Agradecementos: Thibaut Garçon, Lise Belperron, Nicolas Perruchon, Inda Pereda, Kumar Muniandy.
Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio do Concello. 6 de xullo de 2019.