Evocación dos corpos
| Vanesa M. Sotelo |
“O corpo é o punto cero do mundo. Del saen e irradian todos os lugares posibles, reais ou utópicos”. Talvez non fose preciso chegar até Foucault para falar de Un poyo rojo pero a idea do corpo utópico é a que suscita este espectáculo de teatro físico que abriu a XXXV Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Concibida en 2008 e con máis de dez anos en xira, a potencia do corpo é un dos grandes atractivos desta proposta na que, con virtuosismo, os arxentinos Luciano Rosso e Nicolás Poggi despregan unha inesperada e excéntrica galería de relacións, tensións e atraccións que fan do corpo un fragmento de espazo imaxinario co que comunicar co universo do outro.
Na súa exploración sobre os límites do contemporáneo, esta combinación de danza e acrobacia, esta pelexa de galos que é ao tempo cortexo entre aves, Un poyo rojo desprega unha destreza física que conduce a quen mira a un estado absorbente, case hipnótico. Pero lembremos que é importante seguir pensando. O seu poder de atracción residen nunha ben ponderada gramática de contrastes, sorpresas e ocorrencias que guían unha singular comicidade. Cunha dose equilibrada de precisión e espontaneidade, baixo a dirección de Hermes Gaido, os dous coreógrafos e intérpretes ofrecen unha competición sedutora onde o naif se mestura co paródico, na que o absurdo se confunde co grotesco, na que a incesante construción de gags desvela como marco de fondo unha historia de amor entre dous homes.
Nun espazo mínimo que nos remite ao un vestiario deportivo, habitado por un armario e un banco, o espectáculo non precisa de máis que de dous corpos en estado de irradiación para facer efectivo o seu cometido. Nese lugar, unha radio aparece como terceira protagonista, como a encargada de introducir a palabra falada nunha proposta sen texto na que os corpos son os que o din todo. Na súa procura de emisoras, os programas radiofónicos que emerxen contribúen a acentuar a viaxe entre o deporte e a danza da proposta e ofrecen un retrato do noso tempo: entre as estrelas de fútbol como referentes, as radiofórmulas como evasión. Así, eses dous universos contribúen a afondar no interior dos dous corpos que concentran múltiples situacións, tipos e espellismos á vez que convocan no mesmo espazo a figura de Hiroki Abe coa da garota de Ipanema que nalgún momento evocaron Vinicius de Moraes e Tom Jobim.
Concreto e suxestivo, igual pero cambiante función tras función, Un poyo rojo ofrece unha particular fusión de estilos dentro dunha estrutura que permite distinguir os bloques diferenciados dun espectáculo que comezou como unha peza breve e que se foi aumentando até desembocar nese catálogo ecléctico que conclúe nun fundido a vermello no que se condensa o sentido da peza: a fusión entre dous homes; ese bico entre un Poggi e un Rosso que revela a visión de “un poyo rojo” que nos achega o título.
Como xa é habitual nas súas presentacións, o espectáculo no Auditorio do Castelo rematou co solo de lip sync de Rosso que redunda na esencia do traballo: un control físico e un adestramento impecables e unha gran capacidade expresiva. Ante esa pegada formal que arrastra e atrapa, talvez non fose preciso falar de César Luis Menotti para falar de Un poyo rojo pero hai un pensamento do que fora seleccionador de Arxentina que se fai presente ante a fascinación do físico como punto cero do mundo: “Se puede dejar de correr o dejar de entrar en juego durante largos minutos; lo único que no se puede dejar de hacer es dejar de pensar”.
Un poyo rojo, de Luciano Rosso e Nicolás Poggi
Coreografía e interpretación: Luciano Rosso e Nicolás Poggi
Dirección: Hermes Gaido
Produción: Un poyo rojo/T4
Auditorio do Castelo, 19 de xullo de 2019. Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.