in

Matarile volve ao gran formato

CartelDAIMONMatarile |
A nova montaxe de Matarile, Daimon y la jodida lógica, estrearase os días 6, 7 e 8 de setembro na Sala Ártika de Vigo para logo facer parada en Bilbao e Madrid.

 
A nova creación de Matarile Teatro basea o seu título nun concepto mitolóxico que pode significar –segundo o contexto– destino, voz da conciencia, intuición, impulso creativo… Segundo explica Ana Vallés, o traballo cos intérpretes céntrase en “buscar un equilibrio entre o verdadeiro e o verosímil” e deste xeito reflectir “o misterio, o inexplicable que hai detrás das persoas, o que move, impulsa e emociona”.

A nova montaxe de Matarile, actualmente en proceso de ensaios no CC O Romaño do Concello de Santiago, estrearase os días 6, 7 e 8 de setembro na Sala Ártika de Vigo para logo facer parada en Bilbao e Madrid, nesta última praza cunha programación especial do repertorio da Compañía.

Para este traballo, a directora artística conta cun elenco formado en parte por artistas habituais da compañía (Celeste González, Ricardo Santana, Nuria Sotelo, Nacho Sanz, Alba Loureiro), e catro novas incorporacións (Ana Cotoré, Neus Villà Jürgens, Cristina Hernández Cruz e Jorge de Arcos), dúas delas froito de dúas convocatorias públicas ás que se presentaron máis de 150 persoas, realizadas no Azkuna Zentroa de Bilbao e o Centro de Danza de Zaragoza.

Esta nova montaxe supón tamén un retorno da compañía á música orixinal con presenza en directo dos creadores (Nacho Sanz, Alba Loureiro, Cristina Hernández e Baltasar Patiño, que ademais exerce como produtor musical). Por outra banda, a produción inclúe modificacións na sonoridade dos instrumentos, que se procesan en tempo real, retomando a idea do anterior traballo Hombres Bisagra (2014), no que se manexaba a idea de “Matarile en concerto”. En total serán 14 persoas en xira.

Por outra banda, a iluminación, carimbo de calidade da compañía, funciona como atmosfera, creando o que se deu en chamar “espazo elocuente”.


Publicidade

 

En xira

A compañía segue xirando co seu actual repertorio: así, Los limones, la nieve y todo lo demás, o dúo creado e interpretado por Mónica García e Ana Vallés, estará en Salamanca o 21 de setembro, en Santiago o 19 de outubro –para celebrar o 30º aniversario do Auditorio de Galicia– e no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o 31 de outubro.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EnciclopediaAlvarezOllomao |

Comezan as XIX Veladas no Souto de Cervo

AnatomiaDunhaSerea |

Anatomía dunha serea