in

O FETEGA do Carballiño pasa a chamarse Festival de Teatro Galego Celso Parada

FETEGA2019 |
Inclúe unha ducia de citas con destacadas compañías galegas, ademais de monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.

 

O Festival de Teatro Galego (Fetega) do Carballiño anunciou hoxe a súa programación, nunha edición que marca o trixésimo aniversario da súa existencia. A dirección do festival carballiñés rende homenaxe ao recentemente falecido Celso Parada rebautizándoo como Festival de Teatro Galego Celso Parada.

Unha ducia de compañías de teatro e de novo circo danlle forma ao cartel deste ano, que se despregará en diferentes espazos da localidade do 2 ao 6 de setembro e inclúe, así mesmo, actividades paralelas como monólogos, animación de rúa, coloquios, obradoiros e a entrega dos premios Dorotea Bárcena.

Cinco compañías conforman a programación que acollerá o Auditorio Municipal: Iria Pinheiro con Anatomía dunha serea o 2 de setembro; Contraproducións con A compañeira de piso o día 3; Chévere con Curva España o día 4; Redrum Teatro con Idiota o día 5; e Enconarte Producións con Monstuación o día 6.

A estas función do Auditorio súmanse ás do anfiteatro da Veracruz con varios espectáculos de novo circo, clown e maxia: Catro segundos, da compañía IO o día 2, Don Gelati de Dani García o día 3, Cartoons de PT Excéntricas o día 4, Lume de Asacocirco o día 5 e 4.0 de Sue Moreno o día 6.


Publicidade

Ademais, na Casa da Cultura, haberá monólogos cómicos a cargo de Xan Veiga (día 2), Fran Campos (día 3), Victor Grande (día 4) e Pepo Suevos (día 5). No mesmo lugar, o mércores 4 ás 12:00, Raquel Queizás presentará Toin toin, un espectáculo de contos con monicreques de mesa acompañado de instrumentos musicais sinxelos para gozo dos máis pequenos da casa e os seus pais.

Como en anos anteriores, o programa complétase cunha serie de actividades paralelas, entre as que se atopan pasarrúas diarios a cargo da compañía Barafunda, dous obradoiros de interpretación a cargo de Fernando Tato e Nekane Fernandez e un coloquio de creadoras baixo o título “Arte con nome de muller” o venres 6, no que participarán a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, as actrices Belén Constela e Iolanda Muíños, a escenógrafa e iluminadora Silvia Penas, a dramaturga e directora da erregueté Vanesa Sotelo e a directora de escena Ánxeles Cuña, baixo a moderación de Inma López Silva.

A trixésima edición do Festival de Teatro Galego do Carballiño pecharase na noite do venres coa gala de entrega dos premios Dorotea Bárcena, que será presentada pola directora e actriz Marián Bañobre no Auditorio Municipal.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CidadeImaxinaria1 |

Cidade Imaxinaria, catro horas de espectáculos e teatro circenses

Manuel Vieites

Manuel Vieites, premio Mácara na XX Mostra de Teatro Amador de Palas de Rei