A Xunta acaba de poñer en marcha o procedemento público para a provisión do posto de Coordinación do Departamento de Produción Teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que inclúe a dirección artística do Centro Dramático Galego (CDG) e a xestión do Salón Teatro de Santiago de Compostela.
Coa publicación das bases desta convocatoria onte no Diario Oficial de Galicia (DOG), a Consellería de Cultura e Turismo busca axilizar o proceso para a cobertura da vacante que deixará a actual directora do CDG, Fefa Noia, despois de que esta lle comunicara ao Consello Reitor da Agadic a súa marcha a primeiros de outubro para emprender novos cometidos profesionais.
Entre as tarefas encomendadas a este posto de persoal directivo, están as de exercer a dirección artística do Centro Dramático Galego; dirixir, coordinar e planificar o persoal e a actividade do Salón Teatro; propoñer o plan de programación anual do Centro Dramático Galego e da súa sede; e elixir as compañías artísticas e/ou produtoras encargadas de cada espectáculo programado.
Deberá, así mesmo, impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos e con cantas institucións públicas e privadas poidan contribuír á consecución dos fins do CDG e desenvolver todas as demais funcións que lle sexan encomendadas pola Dirección da Agadic.
As persoas candidatas deberán cumprir os requisitos especificados nas bases, así como achegar en tempo e forma toda a documentación solicitada xunto co modelo de solicitude que figura como anexo ás bases publicadas onte no DOG. O prazo de presentación estará aberto ata o vindeiro 27 de setembro.
As solicitudes deben dirixirse ao director da Agadic, acompañadas da acreditación dos méritos alegados, un currículo pormenorizado e un proxecto artístico para o CDG, entre outra documentación.
Polémica
Na etapa que se pecha agora, con Fefa Noia á cabeza, o CDG viuse sumido na polémica principalmente por uns procedementos de selección de elencos que, ademais de non axustarse á realidade laboral da interpretación nin á liberdade creativa da dirección de escena, rexistraron un conxunto de presuntas irregularidades denunciadas sistematicamente pola AAAG.
Ademais, o Centro continuou minguando a súa actividade, programando unicamente unha produción ao ano cun máximo de dez intérpretes en escena. As xiras de distribución, pola súa parte, sufriron unha considerable reducción na súa duración e tamaño.
A dimisión de Fefa Noia volveu reavivar a polémica sobre a atención que está a recibir o CDG por parte da Xunta. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia esixiulle á Consellería de Cultura e Turismo que a marcha da Fefa Noia da dirección do Centro Dramática Galego (CDG) non servise de escusa de escusa “para abandonar unha vez máis a institución pública de teatro na parálise, tal e como aconteceu entre a dimisión de Manuel Guede en 2015 e a incorporación de Fefa Noia en xaneiro de 2016”.
Escena Galega, a asociación de compañías, tamén se manifestou nese mesmo sentido e reclamou “un proxecto político para que a compañía institucional cumprise a súa función.” E a Academia Galega de Teatro manifestou que é preciso refundar a institución, definir o CDG como tal Centro Dramático e non como Departamento de Produción Teatral da Agadic –que é a categoría oficial que realmente ten agora– e crear unha estrutura xurídica que o sosteña.
En xullo, catro ex directores do Centro Dramático fixeron pública unha carta aberta ao Presidente da Xunta de Galicia denunciando que o Centro “pasa hoxe polo seu peor momento” e solicitando que “os actuais reitores das políticas culturais e das políticas escénicas na Xunta de Galicia se abran á posibilidade de dialogar co sector teatral galego e estudar conxuntamente o aproveitamento das figuras xurídicas, contempladas nas propias leis” para poder “desenvolver o seu moi específico traballo coa necesaria eficiencia e coa desexable excelencia”.
No Parlamento
O debate sobre o Centro Dramático Galego chegou ao Parlamento a través de varias iniciativas da oposición que instaban á Xunta de Galicia a cambiar o marco xurídico para que o CDG puidese cumprir o seu papel con autonomía e a través de preguntas sobre a valoración do goberno galego a respecto da situación na que se atopa o CDG e das súas propostas para o sector escénico e para o Centro.
En todas as ocasións, o Partido Popular e os representantes da Xunta de Galicia negaron que a situación fose tan negativa como a debuxaba a oposición e a profesión teatral, e rexeitaron cambiar o marco lexislativo para dotar de autonomía ao CDG.