in

Titirideza 2019 homenaxea o teatro de barraca

barracaBarrigaVerde |
O programa comeza o vindeiro venres 13 e leva a Lalín cinco compañías que representarán cinco espectáculos de barraca.

 

Os días 13, 14 e 15 de setembro, nas rúas e prazas de Lalín, o festival Titirideza convida a gozar de espectáculos diversos para público diverso. Un convite que se realiza a través do cartel deseñado por Julia Ferradás.

Titirideza e Titerentroido son programacións vinculadas ao desaparecido Museo Galego da Marioneta o que, segundo os organizadores, obriga a unha reflexión sobre seu futuro.

A edición 2019 enmárcase no “teatro de barraca e barraquiñas”, teatros ambulantes que atopaban e atopan acomodo en prazas e rúas. Nas barracas habita o espírito que acompañaba os cómicos da legua, a Barriga Verde, o Teatro Júpiter, a Barraca de Lorca, as Misións pedagóxicas e tantas outras accións descoñecidas que acercaron o teatro ós lugares que carecían de condicións ou espazos axeitados para as representacións. Teatro de pequenos espazos e con funcións continúas cunha proximidade entre público e artistas que favorece a enerxía e a intensidade necesaria para o seu goce.

Na barraquiña de Cal y canto, na de La petite caravane e na Barraca de Barriga Verde, que aloxa os espectáculos de Miss LaCé & Roni Flamingo, de MãoZorra e de Viravolta Títeres, amosarase o teatro de marionetas en toda a súa diversidade.

Entre os anos 1910 – 1960 a barraca da Familia Silvent recorre Galiza. A barraca comezou sendo unha lona vertical pendurada entre dúas paredes, tras a cal se manexaban os monicreques. Posteriormente Barriga Verde fíxose coa barraca de madeira. A modernidade da barraca era indiscutible: luz eléctrica e megafonía. No exterior, a barraca de José Silvent tiña un porche sustentado por catro columnas coroado cunha especie de tímpano. Este espazo servíalles aos Silvent para “facer a porta”, tratando de seducir ao público a mercar unha entrada. Co tempo, José Silvent engadiría o lema “El auténtico barriga verde” para diferenciarse doutros feirantes que utilizaban Barriga Verde como reclamo para as súas atraccións.

Durante a investigación da vida de Barriga Verde realizada por Viravolta, apareceron varias barracas que a familia empregou durante os máis de cincuenta anos de existencia. A reprodución da barraca feita por Viravolta foi inspirada en varias delas.

 

Programa


Publicidade

O día 13, de 18.00 a 20.00, na praza do Concello vello, terán lugar pases de 20 minutos de duración do espectáculo La petite caravane da compañía Adrián Conde. Cansado de que o rexeiten en todos os teatros, o artista de variedades máis pequeno do mundo decide montar o seu propio, e non só o fai acorde ás súas medidas, senón que tamén lle pon rodas para levalo a todos os recunchos do mundo.

Ese mesmo día, ás 22.00, na Praza da Igrexa, Miss LaCé & Roni Flamingo representan Amosa Burlesque, un espectáculo picante de burlesque e cabaré cun toque de humor para un público adulto. O burlesque tivo o seu esplendor en América nos anos dourados de Hollywood. Amosa Burlesque trae a música dos anos 40, 50, 60… vestiario marabilloso e momentos únicos. Un espectáculo sen vergoñas, con humor, e moito glamour. Un espectáculo canalla e divertido

O día 14, con sesións ás 13.00, ás 17.30 e ás 19.30, na Praza de Loriga, a compañía burgalesa Cal y Canto representa Last Dog para público familiar, un espectáculo gañador do premio ao mellor espectáculo en espazo non convencional en FETEN 2017 e finalista ao mellor espectáculo de rúa nos Premios Max deste ano. Construída cos materiais reciclados que abundan en calquera suburbio, a chabola de Lost Dog permítelle ao público entrar nun ambiente rueiro. Un espectáculo de monicreques e obxectos, no que os pés e zapatos dos actores operan como os suxestivos condutores dunha emocionante historia. Unha perspectiva sorprendente para o público: o mundo visto cos ollos dun can.

Ás 21.00, na barraca de Barriga Verde, na Praza da Igrexa, Viravolta representa Barriga Verde, unha recreación da compañía da barraca de José Silvent. O Barriga de Verde de Viravolta títeres mestura a tradición do títere galego coa europea, recolle cinco situacións que Barriga Verde –en compañía da súa cachaporra– resolve dun xeito que incomoda ao Demo que asiste á invasión do seu inferno por personaxes que non lle resultan gratos.

A obra Dom Roberto –baseado no tradicional personaxe da marioneta portuguesa– da compañía MaoZorra, fundada en 2012, que ten como obxectivo a promoción e produción de actividades, tradicionais e contemporáneas, no teatro de marionetas, será a encargada de pechar o programa, o día 15, con funcións ás 13:00, 17.30 e 19.30.

 

O custo da entrada para os espectáculos é: 1 euro (La petite caravane); 2 euros (Cal y Canto, Barriga Verde e MãoZorra) e 3 euros o espectáculo para adultos de Miss LaCé & Roni Flamingo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MartaPazos |

Voadora leva ao Centro Dramático Nacional ‘Siglo mío, bestia mía’

1040D635 9E74 47D2 924E 88D4D395E3C9 |

Nuria Espert abre o programa do Teatro Principal de Ourense