Do 10 ao 18 de novembro, o Teatro Sá de Miranda acolle a terceira edición do Festival de Teatro de Viana do Castelo. Ao longo de nove días, o programa ofrece unha selección de espectáculos de diferentes estéticas chegados onde destacan as liñas de traballo centradas na accesibilidade, a educación e a inclusión de novos públicos.
A inauguración do III Festival de Teatro de Viana do Castelo terá lugar o domingo 10 de novembro coa estrea de O circo de rataplan apresenta: a farsa do mestre Pathelin, unha coprodución entre o Teatro do Noroeste/CDV e A Comuna de Lisboa baixo a dirección de João Mota.
O día 11 de novembro será o tempo para Bocage, o mais honesto homem para se amar, da compañía Mariabrangente. Rita Ribeiro, Sandra José e Mafalda Rodrigues levan a escena este espectáculo dirixido por João Ascenso. Ao día seguinte, o martes 12 de novembro, a compañía Teatro do Noroeste-CDV ofrecerá unha dobre sesión de Rotweiller, de Guillermo Heras, con dirección de Ricardo Simões no Café Concerto ás 14:30 e ás 18:30. Ese mesmo día ás 21:30, a Sala Principal acollerá o espectáculo Cartão de embarque, da Companhia de Artes Performativas “Em movimento” baixo a dirección de Francisco Brãs e Teresa Faria e Silva.
O mércores 13 de outubro será tempo para o espectáculo Os anos que abalaram o nosso mundo, da compañía Teatro Art’Imagem. José Leitão asina a dirección e a dramaturxia desta peza concibida arredor do movemento militar da madrugada do 25 de abril. De igual modo, o programa continuará coa peza Os 4 clowns do apocalipse que o xoves 14 de novembro desembarcará en Viana do Castelo da man de Teatro de Montemuro e a compañía británica Absolute Theatre.
O venres 15 de novembro ás 14:30 e ás 18:30, a Teatro do Noroeste-CDV presentará O Bojador. Ana Perfeito dirixe esta proposta para toda a familia na que unha nai e un dos seus cinco fillos se embarcan nunha aventura de descubrimentos e de superación de medos. Por outra parte, ese mesmo día, a compañía Teatro La Fundición de Sevilla presentarán na Sala Principal o musical Duelo a muerte del marqués de Pickman y lo que aconteció después con su cadáver, baixo a dirección de Pedro Álvarez-Ossorio.
O sábado 16 de novembro ás 11:00, será tempo para De cá para lá, un espectáculo interdisciplinar para todos os públicos da man da compañía portuguesa Teatro Plage. Ese mesmo día, a partir das 16:00, o Café Concerto acollerá o espectáculo circense de humor xestual Sin remite, de Jean-Philippe Kikolas. Por último, a compañía lisboeta Teatro Nacional 21 desembarcará no Sala Principal, ás 21:30, con Veneno, un texto de Cláudia Lucas Chéu con interpretación de Albano Jerónimo e Luís Puto.
Despois dunha nova sesión de De cá para lá que terá lugar o domingo 17 de novembro ás 11:00, desde Extremadura a compañía Karlik Danza presentará, ás 16:00, La vida de los salmones, con coreografía de Susana de Uña a partir do texto de Itziar Pascual.
Por último, o luns 18 de novembro, a Companhia de Teatro de Almada achegará á escena vianesa o Romance da raposa, unha proposta que nace da novela homónima de Aquilino Ribeiro con dirección de Teresa Gafeira. Finalmente, o actor Bruno Nogueira será o encargado de pechar o programa desta nova edición do Festival, a partir das 21:30, con Despois do medo.
Mediación e accesibilidade
Coa intención de facilitar o acceso a todos os públicos, o servizo educativo do festival realiza accións educativas dedicadas aos diferentes públicos con especial atención á accesibilidade, inclusión e educación a través dos espazos “Ver com as mãos”, “Gestu”, “Digestivo” e “Sessões descontraídas”. Así:
“Ver com as mãos”: é un servizo que, previa solicitude, fai posible realizar o recoñecemento sensorial da área de representación co público cego e/ou co persoas con baixa visión. De igual modo, o festival ofrece tamén o Caderno de Programación en Braille.
“Gestu”: é un servizo que fai posible contar coa tradución en simultáneo de cada espectáculo en lingua xestual portuguesa.
“Digestivo”: é un espazo para a mediación no que, ao remate de cada espectáculo, no propio espazo de representación se desenvolve unha conversa entre o equipo artístico e o público asistente coa intención de favorecer preguntas, comentarios e críticas.
“Sessões descontraídas”: son sesións dedicadas a familias e persoas con características sensoriais, de comportamento e de comunicación específicas, nas que os espectáculos transcorren nun ambiente adaptado e máis tolerante a sons e movementos do patio de butacas.