Laudamuco, señor de ningures foi a obra coa que o teatro galego iniciou a súa singradura profesional. Aconteceu o dezaseis de maio de 1978. Van alá corenta e un anos. Detrás daquela audaz iniciativa estaba a “Compañía Antroido” e, dirixindo ese proxecto escénico, o noso ilustre veciño Roberto Vidal Bolaño. Aquela decisión foi determinante para o o conxunto do sistema teatral galego e sen ela non se podería explicar a historia posterior do noso teatro.
Coa intención de estimular e apoiar a creación dramática en lingua galega, contribuír ao recoñecemento de Vidal Bolaño por todo o que representou e segue a representar na nosa cultura, o Concello de Brión, co apoio da Academia Galega de Teatro e de Edicións Positivas, convoca, o Iº Premio “Laudamuco” para Textos Teatrais 2020, de acordo coas seguintes
BASES
Primeira.- Poderán optar ao premio todas as autoras e autores de calquera nacionalidade que presenten obra dramática inédita e nunca antes premiada, sempre que estea escrita en lingua galega.
Segunda.- A dotación económica do premio será de 7.000 euros e a edición da obra gañadora, que correrá a cargo de Edicións Positivas. Esta cantidade está suxeita ás retencións legais que lle sexan aplicables. Asemade, entregaráselle ao/á gañador/a unha obra artística conmemorativa.
Terceira.- O tema e a extensión da obra será libre. De cada obra presentaranse cinco copias asinadas cun lema, en paquete sen remitente, dirixido á Casa da Cultura de Brión, Carballeira de Santa Minia nº 5, C.P. 15865, Brión (A Coruña).
Deberase indicar no exterior do sobre “IIº Premio “Laudamuco” para Textos Teatrais, 2020”
Nun sobre anexo pechado deberá figurar, no exterior, o lema e conter, no interior, os datos persoais da autora ou autor: nome, apelidos, DNI, enderezo postal, número de teléfono, correo electrónico e currículo da autora ou autor.
Cuarta.- O prazo de admisión de orixinais rematará o día 14 de febreiro de 2020.
Quinta.- O xurado do premio estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio no ámbito da arte teatral; será proposto pola Academia Galega de Teatro e nomeado polo Alcalde de Brión. Actuará como secretario/a a persoa elixida por maioría entre os membros integrantes.
Sexta.- Na proposta de resolución do premio haberá unha única obra gañadora. Unha vez emitida a resolución do xurado procederase á apertura da plica gañadora no curso dun acto público na data e lugar que se anunciarán oportunamente; en dito acto farase pública a composición do xurado. O veredicto do xurado será inapelable.
O xurado poderá declarar deserto o premio e a súa proposta será obxecto de resolución da Alcaldía-Presidencia do Concello de Brión, que é o órgano competente para resolver o premio.
Sétima.- A entrega do premio terá lugar nun acto organizado polo Concello de Brión o 16 de maio de 2020, corenta e dous aniversario da posta en escena de Laudamuco, señor de ningures. Trala entrega e aceptación do premio, a Academia Galega de Teatro resérvase o dereito de facer unha lectura dramatizada do texto sen que iso supoña compensación económica para o/a autor/a premiado/a.
Oitava.- Os orixinais non premiados poderán ser retirados das dependencias da Casa da Cultura do Concello de Brión no prazo de 30 días naturais a partir do seguinte da decisión do xurado. Aqueles orixinais que non sexan retirados serán destruídos.
Novena.- A participación nesta convocatoria supón a total aceptación destas bases. A entidade organizadora queda facultada para resolver calquera cuestión non prevista nas presentes bases.