in

A Xunta e Edicións Positivas recompilan dez pezas do grupo de traballo DramaturXa do CDG

|
A Xunta de Galicia e Edicións Positivas deron a coñecer onte en Culturgal a publicación de DramaturXa, novo volume da colección do Centro Dramático Galego (CDG) O papel do teatro, que reúne 10 dos textos xurdidos no grupo de traballo que en 2018 coordinou o director e autor Manuel Lourenzo para a compañía pública.

 

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o director de Edicións Positivas, Francisco Macías; o propio Manuel Lourenzo e a meirande parte dos autores incluídos nesta recompilación participaron neste acto, inserido dentro da vintena de actividades que a Consellería de Cultura e Turismo lle achega directamente ao programa da Feira das Industrias Culturais que se celebra ata hoxe no Pazo da Cultura de Pontevedra.

Sutil explicou que este libro é o resultado da estreita colaboración que veñen mantendo o CDG e a asociación DramaturGA co obxectivo de darlle unha maior visibilidade á escrita teatral galega actual. Unha das primeiras iniciativas resultantes deste traballo compartido foi a posta en marcha a primeiros de 2018 do grupo DramaturXa que, baixo a coordinación de Lourenzo, reuniu 12 autores co obxectivo de afondar na identidade galega e escribir, con este punto de partida, cadansúa peza teatral.

 

Unha produción teatral e dous libros


Publicidade

Entre todas elas, dúas foron seleccionadas para ser levadas a escena polo Centro Dramático Galego na produción Neorretranca e posmorriña, baixo a dirección de Gena Baamonde: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte, ambas xa publicadas no anterior volume de “O papel do teatro”. Agora, no número 5 desta colección, ven a luz as restantes 10 pezas creadas ao abeiro do grupo DramaturXa: Cuncas dos nosos ollos, de Lois Blanco; Albaroque, de Ana Carreira; O ronco do carneiro, de Santiago Cortegoso; Vera, de Eva F. Ferreira; Onde veñen morrer as baleas, de Ernesto Is; Que veñan os cans, de Zé Paredes; Wonderland, de AveLina Pérez; O péndulo, de Marta Pérez; Lar, de Rosa Puga Davila, e Bic, de Gloria Rico.

O director da Agadic, ademais, anunciou que o vindeiro día 5 publicarase a nova convocatoria dos premios Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, Manuel María de literatura dramática infantil e Barriga Verde de textos para teatro de monicreques. e que, desta volta, incrementarase ata os 8.000 euros a dotación do Álvaro Cunqueiro para celebrar a que é a súa 25ª edición.

DramaturXa atópase á venda polas canles habituais de comercialización de Edicións Positivas, así como na Libraría Institucional da Xunta.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Conversatorio |

O Conversatorio de Quico Cadaval, na Culturgal

MartaPazos |

Marta Pazos estará mañá no ciclo PULSO de encontros con autores organizado pola SGAE