O Teatro Principal de Ourense anunciou onte a carteleira escénica e musical que desenvolverá durante o primeiro semestre de 2020.
Antes, ofrecerá cinco montaxes para rematar o 2019, comezando por Casa O’Rei, que Ibuprofeno Teatro porá en escena este mesmo sábado 14, e seguindo pola versión de Luces de Bohemia dirixida por Alfonso Zurro que o Teatro Clásico de Sevilla presentará o día 21. O resto insírese na programación da MOTI, Mostra de Teatro Infantil de Ourense: OhLimpiadas!, de Sincronacidas, o día 26; O rexurdir da luz, de Gramola Gominola, o 27; Zapatos, de Caramuxo Teatro, o 28; e A nena e o grilo máis aló, de Magín Blanco, o día 30.
A programación teatral de 2020 estrearase o día 18 de xaneiro con Una humilde propuesta, da compañía Micomicón nunha adaptación da obra de Jonathan Swift realizada por Laila Ripoll, que tamén dirixe. Un ensaio satírico no que Swift expón resolver o problema da minoridade pauperizada en Irlanda, de campesiños inquilinos que non poden alimentar os seus fillos angustiados polo acoso de propietarios inflexibles e proxecta activar a economía coa fórmula de crianza de nenos para o consumo da súa carne. Denuncia desde a sensibilidade e usa o sarcasmo, a ironía e o humor negro como vehículo de transmisión, enunciando unha tese que demostra polo absurdo: a fame e a sobrepoblación solucionadas pola vía da produción de nenos para alimentación.
O día 24 dese mes, Chévere tomará o Principal coa súa nova produción, Curva España. A obra trata sobre un crime aparentemente sen resolver, unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias. A partir da existencia de distintas versións sobre o caso, a compañía artella unha peza que bebe do xénero policial, ironiza sobre o formato documental combinando teatro e cine en directo e funciona como unha alegoría da construción do estado nación español coma se fose a promesa dun tren que nunca chegou. Porque a esta zona afastada e fronteiriza España apenas chegou en forma de mito, e o mito fala da súa morte nunha curva.
Xa en febreiro, o día 8 poderá verse Mestiza, unha obra de Julieta Soria, dirixida por Yayo Cáceres, que reconstrúe unha curiosa entrevista entre dous peculiares personaxes: Tirso de Molina, que con 19 anos se atopa nos comezos da súa carreira dramatúrxica, e a xa anciá Francisca Pizarro Yupanqui, primeira mestiza do Perú, filla de Francisco Pizarro e da princesa inca Quispe Sisa, que vive como dama española no Madrid de finais do século XVI.
O día 15 será a quenda de teatro do Atlántico con Dúas donas que bailan, un drama dirixido por Xulio Lago que toca temas de actualidade: Alzheimer, desencontro xeracional, crise de vivenda e outros asuntos que vai impoñendo a imparable dinámica da sociedade capitalista contemporánea. Nesta peza, Benet i Jornet fainos compartir o drama, os soños e os fracasos das súas complexas personaxes nunha viaxe intensa, brutalmente divertida, conmovedora, plena de beleza dramática e iluminada pola inmensa humanidade que dúas mulleres agochan baixo a férrea armadura de ironía e dureza coa que intentan defenderse dos implacábeis embates da sociedade insensíbel e cruel na que lles tocou habitar: a mesma sociedade na que habitamos nós.
O 14 de marzo, Kamikaze Teatro levará ata Ourense Jauría, de Jordi Casanovas e dirixida por Miguel del Arco, unha obra creada a partir da transcrición de fragmentos das declaracións da demandante e dos acusados do xuízo de “La Manada”. Unha ficción documental a partir dun material moi real que nos permite viaxar dentro da mente de vítima e victimarios. Un xuízo no que a denunciante é obrigada a dar máis detalles da súa intimidade persoal que os denunciados. Un caso que remove de novo o concepto de masculinidad e a súa relación co sexo da nosa sociedade. Un xuízo que marca un antes e un despois.
O 27 de marzo chega Juana, un espectáculo de danza de Chevy Murdaday con Aitana Sánchez-Gijón, no que a muller é a protagonista. Juana é un nome que se repite na historia en mulleres que deixaron un legado histórico, especialmente no que se refire ás súas formas de vivir máis aló do que se lles tiña predestinado polo seu xénero e época. Esta produción propón un proxecto integral e ambicioso que permita poñer en valor esas voces das mulleres que ao longo da historia, e en case todas as ocasións, foron condenadas desde o seu nacemento só polo feito de ser mulleres.
O 19 de abril, Unahoramenos Producciones presenta Ana, también a nosotros nos llevará el olvido, baseada nun texto da dramaturga canaria Irma Correa, que entrecruza a Tristana de Galdós e a Nora de Ibsen, nunha obra dirixida por Mario Vega. Ana é un ama de casa convencional da España dos anos 60 casada con Lope, que acaba de conseguir un posto no Ministerio. Os días de Ana transcorren entre as tarefas do fogar, a atención ao seu marido e as visitas á barbería de Satur, conselleira e amiga. A vida de Ana dará un xiro o día que coñece a Vivian, fotógrafa francesa de espírito libre, que lle fará ver que a súa vida non é, nin de lonxe, o que ela no fondo ansía.
En maio, o día 15, outra obra dirixida por Miguel del Arco, desta vez un clásico: La señora y la criada, de Calderón de la Barca, interpretada pola Joven Compañía de Teatro Clásico. Unha obra que, en palabras do director, parece ser a propia reescritura de Calderón sobre outra obra súa, El acaso y el error: enredos, confusións, pais que queren casar aos seus fillos con quen eles non queren, criados espelidos e outros medio parvos… nada novo, se acaso o verso de Calderón”. Ao día seguinte, o sábado 16, outro clásico, tamén coa Joven Compañía de Teatro Clásico, El sueño de una noche de verano, de Shakespeare, dirixida por Bárbara Lluch.
Maio rematará con Prostitución, “un proceso de exploración sobre a prostitución” con dramaturxia e autoria de Albert Boronat e Andrés Lima e dirixido por este último. Tres actrices: Carmen Machi, Nathalie Poza e Carolina Yuste, comprometidas como mulleres e artistas mergúllanse nun mundo cheo de controversia. Abolición, legalización, estigmatización, prexuízos morais, culturais, relixiosos e intereses económicos e políticos fan da prostitución un tema transversal na nosa sociedade, que a todos afecta e que moitos descoñecen. Todo o equipo artístico tratará de achegar ao público a súa voz, a súa emoción.
Xuño trae dous espectáculos teatrais: Andanzas y entremeses de Juan Rana, un espectáculo baseado en textos de Calderón, Moreto, Quiñones de Benavente, Jerónimo de Cárcer e varios anónimos. Unha coprodución da Compañía Nacional de Teatro Clásico e Ron Lalá, dirixida por Yayo Cáceres, que presenta un xuízo da Inquisición a Juan Rana, o comediante máis soado do Século de Ouro. O delito: facer rir ao público de varias xeracións co seu humor irreverente e burlesco onde toda a sociedade queda retratada. Será o día 5.
O xoves 11, Pentación presenta Intocables, de Olivier Nakache e Eric Toledano, e dirixida por Garbi Losada. Un rico aristócrata tras un accidente, queda tetrapléxico e termina contratando como coidador a un mozo marxinal que acaba de saír do cárcere (noutras palabras, a persoa menos indicada para o traballo). Farto de coidadores que lle tratan con piedade ou condescendencia, o que lle gusta del, ao contrario, é que ve que non lle ten compaixón ningunha. Xuntos van mesturar a Vivaldi e o música rap, o fala elegante e a xerga rueira, os traxes caros e os pantalóns de chándal. Dous mundos que chocan para acabar por entenderse.
Festival Nómade de Cultura Africana
Ademais, a programación do Principal inclúe dúas funcións pertencentes ao Proxecto Cultural Hármatan – Festival Nómade de Cultura Africana. O 31 de marzo, poderemos ver Koteba, de Seydou Boro, un músico, coreógrafo e bailarín de Burkina Faso, que explora unha linguaxe de movemento contemporáneo modelado tanto na tradición africana como nas influencias occidentais. O Koteba é a forma tradicional do teatro da cultura bambara. Para esta creación, Seydou Boro inspírase na sociedade secreta dos yonyonsés e do seu rito, o boûgô, que permite a quen o practica rirse dos comportamentos conflitivos, denunciar ou confesar os actos negativos. Baixo os trazos dun personaxe enmascarado, os aldeáns liberan, escoitan, aceptan e respectan a palabra.
O 2 de abril, Étienne Minoungou, da compañía Traces, presentará Discurso ás nacións africanas, de Felwine Sarr. Un africano que volve dunha longa odisea decide dirixirse aos seus. Convídalles a construír o día que virá a través da palabra máis poética. Por iso, é necesario proceder a unha luminosa transformación da experiencia cultural e histórica dun continente que coñeceu todos os altos e os baixos da condición humana. Interpretado no escenario polo actor Étienne Mianoungou, esta palabra iniciadora convida á restauración do sentido, a rehabilitación do presente e á apertura de posibilidades.