in

O Teatro Rosalía de Castro da Coruña presenta o seu programa para o próximo semestre

NekrassovAbadía |
O concelleiro de Cultura da Coruña, Jesús Celemín, e o director do Teatro Rosalía de Castro, Paulo Rodríguez, presentaron onte a programación para o vindeiro semestre do ciclo Principal. O edil recordou os 180 anos de funcionamento dun emblema da cidade, que prepara para a primavera de 2020 unha entrega con obras de autorías como Alberto Conejero, Sanchís Sinesterra, Chéjov, Shakespeare ou Cándido Pazó.

 

Como vén sendo habitual, haberá unha batería de tres pezas soltas como Conservando a memoria, da compañía El Patio Teatro, que ofrecerá dous pases de aforo reducido para 70 persoas os días 14 e 15 de febreiro. What is love? Baby don’t hurt me“, presentará, o 27 de marzo, unha versión libre do Ivánov, de Chéjov, a cargo da compañía Wichita Co.

A compañía Traces presentará Discurso ás nacións africanas, de Felwine Sarr, o día 3 de abril. Un africano que volve dunha longa odisea decide dirixirse aos seus. Convídalles a construír o día que virá a través da palabra máis poética. Por iso, é necesario proceder a unha luminosa transformación da experiencia cultural e histórica dun continente que coñeceu todos os altos e os baixos da condición humana.

Non faltarán o drama e a comedia cunha primeira obra de abono, o 24 e o 25 de xaneiro, titulada Todas las noches de un día, na que o público reflexionará sobre o amor a través da busca da actriz Ana Torrent por un xardín metafórico. A obra de Alberto Conejero, dirixida por Luis Luque, está coprotagonizada por Carmelo Gómez.

A xa clásica Ay Carmela! de Sanchis Sinisterra chegará os días 31 de xaneiro e 1 de febreiro, nunha montaxe dirixida por Fernando Soto que tenta volver ás orixes deste texto.  O 7 e 8 de febreiro, Vida de cans, unha obra escrita e dirixida por Cándido Pazó para Talía Teatro, trata o tema da liberdade individual e das diferentes formas de abordala.


Publicidade

Os días 28 e 29 de febreiro, poderá verse Mestiza, unha obra de Julieta Soria, dirixida por Yayo Cáceres, que reconstrúe unha curiosa entrevista entre dous peculiares personaxes: Tirso de Molina, que con 19 anos se atopa nos comezos da súa carreira dramatúrxica, e a xa anciá Francisca Pizarro Yupanqui, primeira mestiza do Perú, filla de Francisco Pizarro e da princesa inca Quispe Sisa, que vive como dama española no Madrid de finais do século XVI.

En La Isla, escrita e dirixida por Juan Carlos Rubio para Histrión Teatro, unha parella de lesbianas enfrontarase á difícil situación de coidar un fillo con discapacidade. Será os días 6 e 7 de marzo.  Nekrassov presentará, o 13 e 14 dese mesmo mes, o lado máis cómico de Jean-Paul Sartre, nunha montaxe de Teatro de La Abadía dirixida por Dan Jemmett.

Na recta final, os días 17 e 18 de abril, o Rosalía traerá Prostitución,“un proceso de exploración sobre a prostitución” con dramaturxia e autoria de Albert Boronat e Andrés Lima e dirixido por este último. Tres actrices: Carmen Machi, Nathalie Poza e Carolina Yuste, comprometidas como mulleres e artistas mergúllanse nun mundo cheo de controversia. Un espectáculo no que se abordarán todas as posturas sobre a comercialización do corpo sen se posicionar.

Os días 8 e 9 de maio, La Joven Compañía de Teatro Clásico presentará unha versión de El sueño de una noche de verano, de Shakespeare, dirixida por Bárbara Lluch. E para finalizar, os días 15 e 16 dese mes, Contraproducións leva á Coruña A compañeira de piso, de Jen Silverman, que conta dun xeito áxil, ao tempo que profundo, a historia de Sharon e Robyn, ambientada no rural de Iowa. A primeira delas, unha ama de casa madura e recentemente divorciada, publica un anuncio para compartir a súa casa. A el responde Robyn que, cun perfil contrasposto ao da súa caseira (lesbiana, vegana, urbanita…), está a buscar un refuxio no que se agochar e cambiar de rumbo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ParlamentoCEC2 |

O director da Agadic non aclara as dúbidas sobre o futuro do CDG e o CCG

PastorDiaz |

O Teatro Pastor Díaz de Viveiro celebra o seu centenario