Como novidade nesta edición dos premios, as montaxes estreadas no derradeiro trimestre do ano, é dicir entre o 1 de outubro e o 31 de decembro, poderán escoller entre presentarse na presente edición ou agardar á seguinte convocatoria.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) convoca os XXIV Premios de Teatro María Casares, cuxa gala de entrega se celebrará o vindeiro xoves 26 de marzo de 2020 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Poderán participar todos os espectáculos de teatro de actor en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2019. As bases completas dos galardóns pódense consultar no web da AAAG.
Poderán optar a estes premios todas as producións profesionais de teatro de actor feitas en lingua galega, estreadas en Galicia entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro do ano anterior á concesión dos premios, así como os/as profesionais que participaren nelas. A AAAG resérvase a potestade de solicitar da compañía documentos que acrediten o cumprimento dos convenios laborais vixentes, nomeadamente do I Convenio de Actores e Actrices de Teatro de Galicia.
Como novidade nesta edición dos premios, as montaxes estreadas no derradeiro trimestre do ano, é dicir entre o 1 de outubro e o 31 de decembro, poderán escoller entre presentarse na presente edición ou agardar á seguinte convocatoria. A decisión tomaraa a compañía produtora, responsable da inscrición das candidaturas. Unha mesma candidatura só poderá concorrer aos Premios nunha ocasión.
Proceso de inscrición
O proceso tanto de inscrición como de votación realizarase integramente a través da rede, mediante a páxina web da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. A ferramenta de inscrición pódese atopar nesta ligazón, dentro da sección específica para os Premios de Teatro María Casares, que contén unha ampla base de datos dos espectáculos presentados ao longo das anteriores edicións e que irá incorporando as producións que se presenten a este galardón. No formulario, as compañías han de incorporar un programa, cartel e fotografías do espectáculo, ademais de indicar os seus candidatos nas diferentes categorías.
En total, os galardóns contan con 14 categorías: espectáculo, espectáculo infantil, actriz protagonista, actor protagonista, actriz secundaria, actor secundario, dirección, adaptación-tradución, texto orixinal, música orixinal, iluminación, escenografía, maquillaxe e vestiario.
A elección das candidaturas premiadas realizarase mediante dúas roldas de votacións entre o censo de votantes. Nunha primeira rolda os/as votantes escollerán entre todos os/as profesionais e espectáculos presentados as candidaturas nomeadas, normalmente 3 en cada categoría. Na segunda rolda os votantes escollerán a candidatura premiada entre as nomeadas.
O censo de votantes dos Premios María Casares estará composto por:
- Os/As asociados/as da AAAG de pleno dereito.
- Os/As nomeados/as das edicións anteriores, que aceptaran exercer este dereito.
- Programadores dos espazos de representación escénica de Galicia.
- Críticos/as teatrais e persoeiros das artes escénicas ou da cultura de Galicia. Nesta categoría a xunta directiva da AAAG ten a potestade de convidar a quen considere oportuno.
Os Premios de Teatro María Casares –que adoitan contar coa apoio de entidades e institucións como Agadic, o Concello da Coruña ou a Deputación da Coruña–, entregáronse por vez primeira en 1997 e dende aquela son o gran escaparate do teatro, así como a gran festa para todos os profesionais do sector.
Durante a gala, que se celebrará o 26 de marzo no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, entregarase tamén o Premio de Honra Marisa Soto, no que se galardoa unha traxectoria ou labor, persoal ou colectivo, en prol da promoción do Teatro Galego. O premio leva o nome de Marisa Soto en lembranza da actriz que tanto traballou polo movemento asociativo do teatro en Galicia, e decídese por deliberación e acordo maioritario da Xunta Directiva da Asociación de Actores e Actrices de Galicia. Ademais, darase a coñecer o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro.