Móstrase ao público, por primeira vez, a colección de arte da agrupación cultural Abrente de Ribadavia no Museo Etnolóxico da vila do Ribeiro.
Abrente foi una asociación cultural que desenvolveu en Ribadavia unna intensa actividade cultural entre os anos 1969 e 1983. Esta asociación dispuña dunha razoable colección de arte procedente das doazóns de obra que lle facían os artistas para contribuír co importe da súa venda á financiación das actividades da asociación, ou simplemente para decorar a súa sede social. A colección contén 58 obras de 29 autores. Dado o seu volume, a exposición da colección terá lugar en tres fases: a que se inaugura agora, unha segunda será en febreiro coincidindo coa presentación do catálogo da colección; e unha terceira que terá lugar entre xuño e setembro de 2020.
No momento da súa disolución tomaron o acordo de depositar tanto o seu arquivo como a obra plástica da que dispuñan no entón Museo de Artes e Costumes Populares de Ribadavia, hoxe Museo Etnolóxico. Isto tivo lugar no ano 1986 e dende entón esta colección non ten sido exposta; polo que e dado que se cumpre o 50 aniversario da fundación de ABRENTE, tense decidido expoñer estes bens como homenaxe a esta asociación e para goce da cidadanía en xeral.
Entre as obras da colección salientan os carteis para a Mostra de Teatro Galego, encargados ao Grupo 77, Conde Corbal, De Dios, Enrique Conde, Mercedes Ruibal, Xoán González Otero ou Virxilio. Tamén os gravados de Conde Corbal inspirados en Valle Inclán ou os decorados de Seoane para a obra de Carlos Casares As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas. E aínda o deseño e ilustracións da obra premiada por Abrente do profesor e escritor Camilo Fernández González Valdeorras, Progreso e Andrómeda de Antroido.