O vindeiro xoves 23 de xaneiro, ás 20:00, na libraría Librouro de Vigo, presentarase o libro A sombra das árbores, de Ana Abad de Larriva, obra gañadora do II Certame de Textos Teatrais Roberto Vidal Bolaño e publicada pola Editorial Galaxia na súa colección Costa Oeste.
A escritora Inma López Silva e o dramaturgo Ernesto Is acompañarán á autora na presentación do texto gañador do certame convocado polo Concello do Porriño, a Editorial Galaxia e o Equipo de Dinamización Lingüística do IES Ribeira do Louro.
Ana Abad de Larriva é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, e licenciada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutoranda en Comunicación na Universidade de Vigo, desenvolve a súa investigación no eido da teoría teatral e publica artigos especializados en artes escénicas en diferentes medios, compaxinando o seu labor no campo da comunicación coa creación escénica e literaria, así como coa docencia. É unha colaboradora habitual da erregueté | Revista Galega de Teatro.
O xurado do Certame destacou que A sombra das árbores é unha proposta teatral de corpo poético onde movemento e palabra cobran especial importancia. Preséntanse como unha peza teatral aberta onde a dirección, xunto co grupo de actrices e actores, construirá desde ese non lugar un escenario simbólico poboado por un bosque de sombras que é o espazo que habitamos.