in

O BNG pide a dimisión do director de AGADIC tras a supresión da dirección do CCG

OlallaRodil |
A voceira de Cultura no Parlamento, Olalla Rodil, denuncia o recorte do diñeiro destinado aos sectores culturais para “engordar a Axencia de Turismo e o Xacobeo”.

 

A deputada e voceira de cultura do BNG, Olalla Rodil, reclamou hoxe, publicamente, a dimisión de Jacobo Sutil como director da AGADIC tras anunciar a supresión da figura da dirección do Centro Coreográfico Galego. Para a nacionalista, este anuncio é a pinga que fai rebordar a cunca e por unha cuestión de dignidade debe dimitir. “Pedímoslle que dimita e peche este ciclo de dez anos lamentábeis de demolición dos sectores profesionais da cultura galega” afirmou.

A deputada denunciou a xestión cultural do Partido Popular iniciada hai unha década atacando a lingua galega co decreto -eufemisticamente denominado de plurilingüismo- e despois de dez anos continua desmantelando, dixo, “centro a centro, programa a programa, a cultura no noso país”.

É moi importante, declarou, facer memoria, analizar onde estabamos hai dez anos e como estamos agora. “Cando chegaron, hai dez anos existía unha Axencia Galega de Industrias Culturais recén creada cun enorme potencial. Contábamos cun Plan Galego de Artes Escénicas aprobado e consensuado co sector, unha Axencia Audiovisual Galega referente no conxunto do Estado e da que naceu todo o novo cinema galego que tantos éxitos nos está a dar. Un Centro Coreográfico Galego que en tres anos foi motor de creación e formacion no mundo da danza. Un Centro Dramático galego con liñas de traballo novedosas e diversificadas, unha Rede Galega de Teatros e Auditorios cos mellores resultados de programación da súa historia. E en dez anos, desmontaron todo, absolutamente todo. Só lles podemos pedir unha cousa: Que marchen canto antes. Que dimitan canto antes”.

O Centro Coreográfico é só un exemplo da política de desmantelamento dos sectores culturais galegos que leva desenvolvendo durante 10 anos o Goberno de Feixóo. Rodil insistiu en que “estes dez anos serán recordados na cultura galega como a “Década Escura”, e lembrou os recortes aos orzamentos do Centro Dramático (dun 40%), o Coreográfico (dun 66%) e o CGAI (cincuenta mil euros menos). Neste sentido, engadiu que o PP baleira os orzamentos da cultura para “engordar os do espectáculo turístico xacobeo” e recortan o diñeiro que debería ir destinado aos sectores culturais para seguir e”engordando a Axencia de Turismo”.

Dez anos, recalcou a deputada, de “reformas de costas aos sectores culturais, sen diálogo e sen consenso, como vimos co novo estatuto da AGADIC”.

A voceira de cultura afirmou que a produción cultural galega –os sectores profesionais do audiovisual, da música, do libro e da edición, das artes escénicas– deberían ter no Goberno galego un piar esencial de apoio e complicidade, para garantir que somos unha cultura con capacidade de producir contidos de calidade e de ter discurso cultural propio, unha mirada propia.

 

Polémica sobre as unidades de produción da Agadic

Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais, anunciou este martes, durante unha xornada organizada polo Consello da Cultura Galega sobre “O estado da danza en Galicia”, que a figura do director do Centro Coreográfico de Galicia (CCG) desaparecería no novo esquema organizativo da Axencia.


Publicidade

Durante a súa intervención, deixou entrever tamén que o Centro deixaría de existir como unidade de produción: “unha produción propia ten uns custos e veremos se eses custos se axustan ao obxectivo de conseguir que se incremente a difusión da danza en Galicia”, asegurou, ante o enfado de moitos dos participantes na xornada, que lle recriminaban que suprimise “ a oportunidade de crear un proxecto integral para as artes do movemento en Galicia”.

Ademais, confirmou que o orzamento do CCG sería de 50.000 euros, un 66% menos que no exercicio pasado, malia que no pasado novembro a Agadic desmentira que fose haber recortes nos orzamentos do Centro Dramático galego nin no Centro Coreográfico, despois de que unha pregunta no Parlamento da deputada do BNG Olalla Rodil ao conselleiro de Cultura, desvelase que o Proxecto de Orzamentos para 2020 reducía os fondos do CDG de 600.000 euros a 350.000 e os do CCG, de 150.000 a 50.000.

A polémica sobre o CCG, converteuse nun agre campo de batalla dende que, no pasado mes de xuño un numeroso grupo de profesionais denunciara a inactividade do centro, a inexistencia dun plan de actuación para as artes do movemento e o que consideraban “múltiples irregularidades” na coprodución de Maestro Rodrigo, o último espectáculo promovido polo Centro.

No proxecto de novo Estatuto da Agadic, a danza intégrase coa música nun novo departamento, unha modificación á que se opoñen os profesionais do sector que consideran que “ambas manifestacións culturais necesitan dun tratamento e unha dirección técnica específica”. A Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego, un colectivo que reúne á gran parte do sector profesional da danza en Galicia, elaborou a finais do pasado ano un documento no que se suxerían diversas modificacións ao Proxecto de Decreto que modifica o Estatuto da Agadic e no que se solicita que a Danza e as Artes do Movemento sexan tratados “co mesmo rango, dotación de recursos, competencias e funcións cos restantes Departamentos”.

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) e a Academia Galega de Teatro, tamén manteñen posicións opostas aos cambios anunciados pola Agadic, e alertaron recentemente dun “novo capítulo no desmantelamento sistemático que a Xunta está a levar a cabo no Centro Dramático Galego (CDG) e no Centro Coreográfico Galego (CCG)”. Segundo estas asociacións, a Xunta pretende acabar coa xa escasa autonomía do CDG, reducir as funcións da súa dirección e eliminar a súa representatividade. No caso do Centro Coreográfico Galego, a súa actividade quedará diluída na burocratización e a súa dirección ficará sen funcións atribuídas.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou estes cambios –durante unha sesión parlamentar en que, precisamente, a deputada Olalla Rodil preguntaba sobre os recortes ás unidades de produción da Agadic– afirmando que estaban consensuados co sector. A AAAG, a Academia Galega de Teatro e Músicos ao vivo desmentiron ao conselleiro aclarando que non existiran contactos sobre este asunto co groso do tecido asociativo profesional e que non se lles informara dos sensibles cambios anunciados, polo que consideran que o novo estatuto se realiza de costas ao sector.

Tamén Belén Pichel, a presidenta de Escena Galega (Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas), tamén desmentiu daquela ao conselleiro, declarándolle a erregueté que “A nosa asociación si que foi informada dalgúns dos cambios que ían darse na Axencia –e por iso non podemos afirmar que non estivésemos ao tanto–, mais iso non significa que aceptásemos eses cambios, como asegurou o conselleiro no Parlamento: en ningún caso esa reforma do Estatuto foi consensuada”.

 

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Si esto es un hombre 4 1 |

Carlos Álvarez-Ossorio: “‘Si esto es un hombre’ é unha viaxe cara ao lado máis escuro do ser humano”

AntesDEQueLlegueLaBestiaEnsalle |

XVI Festival Isto Ferve no Teatro Ensalle de Vigo