A deputada e portavoz de cultura do BNG, Olalla Rodil pediu onte ao Partido popular, a través dunha interpelación ao conselleiro de Cultura, “unha rectificación” para non seguir cunha política que “asfixia” aos sectores culturais. O conselleiro, Román Rodríguez, respondeu anunciando un plan da danza que resultará do traballo dunha mesa plural con representación de todos os axentes implicados neste sector. | M. X | | Foto: Parlamento de Galicia |
A parlamentaria volveu a reclamar a dimisión de Jacobo Sutil, director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) tras anunciar a supresión da figura da dirección do Centro Coreográfico Galego. “Pedímoslle que dimita e peche este ciclo de dez anos lamentábeis de demolición dos sectores profesionais da cultura galega”, recalcou.
O conselleiro, Román Rodríguez, respondeu anunciando un plan da danza co obxectivo de seguir fomentando e apoiando esta disciplina a través da formación e profesionalización, a produción de novos espectáculos vinculados coa tradición e a identidade galega e a mellora da súa difusión e distribución. Rodríguez explicou que esta folla de ruta será o resultado do traballo dunha mesa plural da danza, con representación de todos os axentes implicados neste sector.
Segundo o titular de Cultura e Turismo, a través desta mesa de traballo estudarase a situación actual da danza, analizaranse os seus retos de futuro e abordaranse as medidas que é necesario implementar para seguir impulsando esta disciplina.
A deputada nacionalista replicou que cando chegou o Partido Popular á Xunta en 2009, existía unha Axencia Galega de Industrias Culturais cun “enorme potencial”. Unha “Lei do libro e da lectura que situou o sector editorial como un sector estratéxico. Un Plan Galego de Artes Escénicas consensuado co sector, unha Axencia Audiovisual Galega referente no conxunto do Estado e da que naceu o novo cinema galego que tantos éxitos está a dar. Púxose en marcha a plataforma Flocos.Tv ,como portal de difusión e de encontro entre profesionais da creación e os sectores públicos, “cando aínda non se falaba tan sequera de plataformas dixitais”.
Ademais, engadiu, foi creado o Centro Coreográfico Galego que durante tres anos foi motor de creación e formación no mundo da danza. O Centro Dramático galego tiña liñas de traballo novidosas e diversificadas e unha Rede Galega de Teatros e Auditorios cos mellores resultados de programación da súa historia.
E en dez anos, denunciou a nacionalista, o Partido Popular “desmontou todo”. Recortaron até a saciedade, o 60% e hoxe en 2020 o Orzamento en Cultura está por baixo do que había en 2012. A cultura representa o 2% do PIB de Galiza e máis do 3% do emprego e o Partido Popular inviste en Cultura apenas o “0,6% do Orzamento da Xunta”. “Dez anos de asfixia económica que non cesa”, son “insaciables” e non van parar até acabar con todo. ”Recortan o diñeiro que debería ir destinado aos sectores culturais para seguir engordando o espectáculo Xacobeo”.
O BNG, dixo, leva pedindo durante toda a lexislatura que abran “unha mesa de negociación”, cos sectores culturais, coas entidades que representan as artes escénicas e a danza”. Dotar o CDG e o CCG de autonomía, “dun estatuto propio e dunha entidade autónoma de xestión que é o que marca a Lei de creación da AGADIC”.
Enfrontamento co sector profesional
A Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego (PACCG), un colectivo que reúne a 158 profesionais da danza e das artes do movemento, emitiu un comunicado en xaneiro no que denunciaba a negativa do director da Agadic, Jacobo Sutil, a negociar cuestións como á fusión do Departamento de Danza nun departamento de nova creación de Música e Danza, a supresión da figura de Dirección do Centro Coreográfico Galego (CCG) e a eliminación da relación de competencias atribuídas ao CCG.
O comunicado fíxose público uns días despois de que Sutil confirmase a desaparición da dirección do CCG, a eliminación da faceta artística na súa xestión e a fusión do Departamento de Danza cun de nova creación de Música, así como a redución orzamentaria no Centro –que pasa de 150.000 a 50.000 euros. Nel, a PACCG amosaba “a súa fonda preocupación e rexeitamento frontal ao baleirado de funcións do CCG, o que debera ser o centro institucional de referencia para a comunidade da Danza e o seu sector industrial e profesional”.
Tamén outras asociacións profesionais alertaron recentemente “dun novo capítulo no desmantelamento sistemático que a Xunta está a levar a cabo no Centro Dramático Galego (CDG) e no Centro Coreográfico Galego (CCG)”. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Músicos ao Vivo e a Academia Galega de Teatro esixiron en decembro a retirada dun Proxecto de Decreto para modificar os Estatutos da Agadic que, segundo eles, “se está a levar a cabo de costas ao groso do sector” e que “acentuará o desmantelamento sistemático que a Xunta de Galicia está a practicar coas unidades de produción institucional”.
Ademais, desmentiron ao conselleiro de Cultura, quen en sede parlamentaria asegurou ao anunciar o novo estatuto da Agadic que se falara co sector ao respecto. Declararon que “non lles constan contactos sobre este asunto co groso do tecido asociativo profesional nin se informou dos sensibles cambios que se emprenderán, polo que se debe considerar que o novo estatuto se realiza de costas ao sector”.
Pola súa banda, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas, Escena Galega, esixiu unha mesa de diálogo que defina dende cero cales son os obxectivos do Centro Dramático Galego e que o reestruture en función das finalidades que esa mesa marque como meta. Un diálogo que “debería facerse extensivo ao Centro Coreográfico Galego, que sofre aínda máis con este reaxuste, xa que só contempla a creación dun coordinador que deberá atender ás esixencias da creación musical e ás da danza, o cal significa rebaixar considerablemente o estatus desta como arte autónoma”.