in

O sector profesional da danza denuncia o abandono da administración

danza9 |
A Plataforma de Afectadas polo Centro Coreográfico Galego (PACCG), un colectivo que reúne a 158 profesionais da danza e das artes do movemento, vén de emitir un novo comunicado no que amosa a súa posición ante as recentes decisións tomadas pola Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) relativas á supresión da dirección do Centro Coreográfico Galego e á redución do seu orzamento nun 66%.  | M. X. |

 

O colectivo denuncia que, despois dunha reunión mantida con Jacobo Sutil, director da Agadic, este lles comunicou a súa negativa a negociar “cuestións orgánicas ou estruturais”, tales como á fusión do Departamento de Danza nun departamento de nova creación de Música e Danza, a supresión da figura de Dirección do Centro Coreográfico Galego (CCG) e a eliminación da relación de competencias atribuídas ao CCG, por consideralas “da súa exclusiva competencia”.

Dende que o Conselleiro de Cultura e Turismo anunciara por sorpresa a existencia dun Proxecto de Decreto que modificaba o Estatuto da Agadic, houbo numerosas reaccións do sector opoñéndose aos cambios e solicitando diálogo na redacción do novo Estatuto. En concreto, no relativo á danza e ás artes do movemento, a Plataforma xa se manifestou en contra de que o Departamento de Produción Coreográfica fose substituído por un Departamento de Música e Danza, por ser “dificilmente compatible coa xestión diferenciada da danza dende esa Unidade de Produción”, e solicitaban que a Danza e as Artes do Movemento fosen tratados “co mesmo rango, dotación de recursos, competencias e función que os restantes Departamentos”. Pedían igualmente que as funcións “tanto do Departamento de danza, como da persoa coordinadora do mesmo, sexa revisada e consensuada co sector profesional, mediante a apertura dun proceso de participación”.

Agora, a PACCG “amosa a súa fonda preocupación e rexeitamento frontal ao baleirado de funcións do CCG, o que debera ser o centro institucional de referencia para a comunidade da Danza e o seu sector industrial e profesional”. A Plataforma segue opoñéndose á supresión da figura da dirección do CCG, á fusión de danza e música nun novo departamento, á redución nun 66% do orzamento do Centro, e á “supresión na nova redacción dos Estatutos da AGADIC das competencias do CCG recollidas no actual art. 27 da norma estatutaria tales como o desenvolvemento da política da creación coreográfica, a planificación e coordinación da actividade da sede do CCG, a decisión do plan de programación anual do CCG, a selección e contratación de compañías artísticas, produtoras e artistas, a promoción de acordos e convenios con outros centros análogos e o exercicio da representación ordinaria do centro”.

Para a Plataforma, o CCG debería “responder a un plan integral capaz de atender á diversidade plural do sector, ao igual que os centros análogos cos que estatutariamente debera establecer relacións, no que se contemple a formación, a creación, a investigación aplicada, a produción, a visibilización e a distribución como unha relación de interdependencia necesaria para o correcto desenvolvemento dunha política de creación coreográfica”.

Segundo o comunicado, “a actual posición da AGADIC, como responsable administrativa da política de creación coreográfica en Galicia supón unha evidente vulneración do Dereito Humano Fundamental e Universal de acceso á cultura recollido na Constitución, no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais da ONU, no seu Protocolo Facultativo – o cal o fai esixible ante os Tribunais – e na Carta de Dereitos Fundamentais da UE”.

 


Publicidade

O estado da danza en Galicia

Durante a celebración da Xornada “O Estado da Danza en Galicia” o pasado 21 de xaneiro de 2020, na sede do Consello da Cultura Galega, o Director de AGADIC confirmou por primeira vez en público, durante a súa intervención nunha mesa, a desaparición da dirección do CCG, a eliminación da faceta artística na súa xestión e a fusión do Departamento de Danza cun de nova creación de Música.

Igualmente, Jacobo Sutil confirmou a redución orzamentaria no Centro –que pasa de 150.000 a 50.000 euros– malia que en novembro lle asegurara á erregueté, a través dun breve comunicado, que tanto “o Centro Dramático Galego como o Centro Coreográfico Galego non verán diminuídas a súa dotación económica en 2020” .

Durante a xornada, diversos compoñentes a PACCG amosaron o seu fondo malestar polo que consideraron falta de escoita, a mala interpretación do que é a efectiva participación, a vulneración do seu dereito de acceso á cultura, de creación e de participación nas concretas políticas públicas, a inexistencia dun plan integral para a danza así como para a interpretación e investigación histórica e a incomprensión ante a súa vulnerabilidade, “nun momento histórico en Galicia cunha xeración de coreógrafas e coreográfos de extraordinario recoñecemento e prestixio artístico que se ve imposibilitada para traballar no seu país”.

O BNG, despois de coñecerse que non habería dirección no CCG, reclamou publicamente a dimisión de Jacobo Sutil como director da AGADIC.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

EszterSalamon |

‘Escenas do cambio’ comeza esta semana en Compostela

CalvileñoEHijxs |

Comeza o programa de Artes Escénicas de Vigocultura 2020